Andaina Redondela

Gastro tabera As Pedriñas Novas
Andaina A Nova Peneira
Marcos Santos

Unha das peculiaridades máis significativas, que é un sinal de identidade da nosa querida Redondela, é o seu inmenso tecido asociativo. No noso pobo existen unha grande cantidade de colectivos organizados cun único obxectivo, o ben común. A sociedade redondelá está viva, o corazón colectivo da nosa vila latexa na procura dunhas mellores condicións de vida para todas e todos, especialmente para quen máis necesite da solidariedade e apoio dos demais. A asociación ANDAINA de atención a persoas con necesidades especiais é un deses colectivos cuxo traballo merece ser coñecido e valorado. Nós conversamos co seu presidente

ANTONIO GARCÍA

REIVINDICAMOSA NECESIDADE QUE TEN REDONDELA DUN CENTRO INTEGRAL DE TRATAMENTO PARA PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL”

Cando naceu Andaina?

Nacemos en 1.996, despois duns anos de actividade a asociación tivo que deixar de funcionar, ata o ano 2.011 que puidemos retomar a nosa andaina , ata hoxe.

E, que é Andaina?

Un colectivo que atende a persoas con discapacidade e necesidades especiais de atención ao longo da súa vida.

Que abano de idade teñen os vosos usuarios e usuarias?

Como che dixen, nesta segunda xeira comezamos a traballar no 2.011. Nós iniciamos a nosa labor con nenos e nenas, que van crecendo e hoxe xa pasan de adolescentes.

Cóntanos un pouco máis como é o voso traballo?

Primeiro acubillamos ás familias ás que lle diagnostican o problema a un dos seus membros. Cando iso acontece sabemos que se produce un sentimento que che fai estar como perdido, non se sabe que facer, nin a onde ir, e nós procuramos darlle asesoramento e información. E despois intentamos tratara a problemática concreta que afecte a quen a padeza.

Como vos financiades?

Fundamentalmente por subvencións, e dependendo de como sexan podemos funcionar mellor ou peor. Cando remata o período polo que se concede, non podemos permitirnos contratar ao persoal necesario para atender as necesidades dos nosos usuarios.

Pero nos momentos en que non hai subvencións, vós parados non estades, non?

Non claro, de ningunha maneira. Nós sempre estamos a facer cousas, e a través de distintas liñas de financiamento privadas, fundamentalmente empresas e comercio local de Redondela, procuramos sufragar todo o que podemos.

Cales son as accións que fixestes este ano?

O día 3 de decembro é o día internacional da discapacidade e nós levamos anos celebrándoo para darlle visibilidade a estes colectivos de persoas, e ao longo de todo o ano nós desenvolvemos unha terapia con cabalos, facemos programas de ludotecas e ocio xuvenil, e seguimos dando asesoramento permanente ás familias.

O da equinoterapia semella moi interesante, como é?

Facémola na Hípica LA MURALLA, que está en Cesantes. Consiste en que o cabalo achega moitos beneficios ás persoas con discapacidade, tanto motrices como sensoriais, o simple feito de estar subido nel ou acaricialo estimula a sensibilidade dos rapaces e o rapazas, tonifícaos e fai que gañen masa muscular e se fortalezan.

Tedes algo que dicir sobre o festival de curtos, verdade?

Si, como sabes este festival nace da man de Redondela en Curto. Nós estivemos cinco anos traballando con eles, por desgraza o ano pasado non se fixo, e nós decidimos facer o noso propio festival dedicado á discapacidade, procurando amosar as capacidades que as persoas discapacitadas teñen para realizar cine.

A acollida foi boa?

Si, moi boa, celebraremos a seguinte edición en marzo do 2020.

E se Redondela En Curto se retomase?

Nós manteriamos a nosa independencia, fariámolo de maneira que non nós pisemos, claro, pero se se dera esa hipótese nós seguiriamos sendo independentes.

Que proxectos tedes para o 2020?

Ben, continuaremos coas nosas liñas de traballo habituais, e xa hai algún tempo que vimos traballando nun ambicioso proxecto para toda a sociedade redondelá que é dun centro integral de tratamento para persoas con diversidade funcional. Cando os nosos usuarios cumpren 21 anos e acaban a etapa escolar non teñen en Redondela, ningún centro ao que achegarse e que lles poida proporcionar atención. A nos ilusión e facelo realidade e que abranga á asociación e un centro integral de emprego que lles poida facilitar o acceso ao mercado laboral.

Como son as relacións co actual goberno de Redondela?

A cousa parece que está algo parada, nós presentamos a principios de ano este proxecto ao anterior goberno, non se fixo nada, viñeron as eleccións e houbo cambio de goberno, presentámolo de novo á nova administración municipal e non parece que exista moita disposición a levalo a cabo. A verdade nós contabamos que ao ser un goberno de esquerdas houbera unha maior sensibilidade cara a este tipo de asuntos.

Que é o que necesitariades?

Sobre todo, un local con accesibilidade que poida ter unha oficina e arredor de 5 aulas, non esquezamos que falamos de orientación laboral e busca activa de emprego. Aquí non temos ningún centro ocupacional e xente da nosa vila que o precisa ten que facer uso dos de poboacións veciñas. Nós somos ambiciosos e pretendemos que o haxa en Redondela, temos a ilusión e a nosa mellor disposición para desenvolver análises individualizados de cada usuario e usuaria, para, en función das súas capacidades e necesidades, poderlles ofrecer unha saída. O esencial, o que inspira o noso traballo e a procura de que cada usuaria e cada usuario poida acadar a súa autonomía persoal.

Rematamos Antonio, se alguén desexa colaborar con Andaina, como o pode facer?

É moi doado, por internet buscas Asociación Andaina de Redondela e xa a parece tanto a nosa web como as nosas redes sociais. Agora mesmo estamos nas antigas casas dos mestres ,alí estamos en horario de mañá. Tamén temos a posibilidade de integrarse como socio participativo, que nos poidan axudar economicamente e que participen das nosas actividades.

Tamén tedes voluntarios e voluntarias verdade?

Efectivamente, estamos intentando facer unha bolsa de voluntariado, e desde logo que calquera tipo de colaboración sempre é benvida.

Moitas grazas e moita sorte.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*