As mocidades do BNG de Redondela

BNG Redondela A Nova Peneira
Marcos Santos

Xosé, Mariña, Iria e Brais son dous mozos e dúas mozas nacionalistas de Redondela, que amosan que fronte a imaxe de indolencia que ao sistema lle interesa vender do conxunto da mocidade, existen colectivos organizados que traballan para acadar mellores condicións de vida para a sociedade en xeral e para os mozos e mozas en particular

Que é Galiza Nova?

A organización xuvenil do BNG, as e os militantes do BLOQUE menores de 30 anos, militamos nesta organización ata cumprirmos esa idade

Pero no BNG hai dúas organizacións de mocidade, non?

Si, tamén está ISCA que son as mocidades do MGS, que como sabes é un dos partidos, xunto coa UPG, o FOGA e independentes que constitúen o BNG

Como analiza un mozo ou moza nacionalista a situación da mocidade na actualidade?

A situación da mocidade do noso país pódese definir cun só adxectivo: precaria. A voracidade do capital arrastra a amplísimos segmentos de mozas e mozas a unha situación de permanente precariedade, que se pretende normalizar. É dramático, pero hoxe podemos ver alusións ao emprendemento, aos traballos low cost, aos mini pisos…tinxida todas elas dun verniz de aventura romántica, cando en realidade do que se trata é de normalizar a pobreza e a precariedade

Ben, e no que respecta aos estudantes?

Tres cuartos do mesmo, os recursos para o ensino público deterióranse cada vez máis grazas á nefasta política dunha administración que aposta con claridade polo ensino privado e concertado. De feito estase a falar da inauguración da primeira universidade privada de Galiza, un escándalo vaia.

A mocidade nacionalista de Redondela fai algún tipo de actividade política, supoño?

A nosa actividade está orientada a espallar non só en Redondela, senón en toda a comarca a nosa visión da realidade referente a que só unha situación política na que as galegas e os galegos poidamos decidir sobre o noso futuro permitirá abordar con perspectivas de éxito a grande cantidade de problemas que ten Galiza en xeral e a mocidade en particular, xa puxemos distintas mesas informativas nas que pretendemos dar traslado as nosas opinións e tamén recollermos as propostas que se nos trasladen.E nós quedamos moi orgullosos da visita que organizamos á ILLA de San Simón, acompañdos polo deputado Luis Bará

Cal é a vosa posición sobre a casa de apostas que se pretende abrir en Redondela?

Estamos radicalmente en contra

E as vosas propostas sobre o ocio necesario e desexable para a mocidade de Redondela?

Recuperar os locais de ensaio, potenciar a oferta cultural de calidade orientada á mocidade. Se cadra a nosa franxa de idade está un pouco abandonada, para os mozos e mozas que non practicamos deporte, que nos queda?, un cine tamén estaría moi ben,ou mellorar as actividades dos multiusos de Redondela e Chapela, e incluso os centros culturais das distintas parroquias…..

Antes falabades da Illa de SanSimón, a vosa opinión ai respecto das distintas actividades de ocio que alí se fan?

San Simón ten que ser ILLA DA MEMORIA, é a única posición digna posible, debémosllo ás persoas que alí sufriron e alí morreron, manter unha actitude frívola co que alí pasou é unha indignidade moral

O discurso oficial véndenos que o réxime do78 foi a mellor das solucións posibles e unha especie de culminación do estadio perfecto de democracia e liberdade , que non se pode superar, de feito calquera proxecto político que pretenda transcendelo, pouco menos que é tratado de sedicioso, como valora a mocidade nacionalista galega o réxime no que vós obrigaron a vivir?

Manifestamente mellorable. Non hai ningunha relación que poida funcionar se todas as súas partes non a asumen con liberdade e comodidade. É así de sinxelo. Ou a HESPAÑA con H que describía Castelao en Sempre en Galiza ou as tensións territoriais no estado serán inevitables.

A revolución será feminista, ou non será?

O mundo non será xusto e igualitario, se os dous xéneros que compomos a humanidade non estamos en igualdade de condicións. Mentres unha soa muller poida ser asasinada, violada, acosada ou maltratada polo feito de selo, non viviremos nunha sociedade digna. Abofé que o feminismo militante e combativo e un dos eixos da vida política de Galiza Nova

Cal é a vosa opinión sobre a non entrada do BNG no goberno de Redondela?

Como militantes disciplinados e demócratas que somos, asumimos a decisión colectiva da militancia do bloque de Redondela.