Do Black Friday ao loito polo comercio, os dereitos e o planeta

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo

Ao día seguinte do Black Friday, Vilagarcía espertaba coa nova do adeus dunha das súas librarías máis senlleiras: Pampín anunciaba que bota o peche arrasada polas novas formas de comercio: “Foi moi difícil saír adiante logo da crise… e mira, finalmente non saín”, di a súa propietaria, e non se sabe se as bágoas que mantén a raia son de rabia ou de tristeza. María José Mesejo cre que a fin de máis de cincuenta anos de historia é provocada “polas grandes superficies, san Amancio e san Amazon…” e augura que dentro de apenas uns anos “non vai quedar unha tenda aberta en toda a cidade”.

É irónico que o anuncio coincida con ese venres negro que a pesar da voráxine non só non palía senón que agrava o loito polo pequeno comercio. Multinacionais e venda on line absorben as compras. Amazon iniciouse, precisamente, coa venda de libros pola rede. Agora é difícil atopar un produto que non venda.

Tampouco deixa de ser irónico que o seu público sexa a xente moza, a mesma que, tamén os venres, encabeza as mobilizacións medioambientais lideradas por Greta Thunberg. Non hai nada menos ecolóxico que mercar por internet, -e por tanto, a moitos quilómetros da casa-, un produto que tes dispoñíbel na tenda do lado, aforrándolle ao planeta a circulación de miles de avións, trens ou camións.

O 15 de decembro, -o mesmo día en que Pampín deixaba de vender prensa diaria para subsistir ata o 31 no intento de liquidar existencias-, a cimeira do clima pechábase sen acordo pola reticencia a reducir emisións de países como Brasil, un dos grandes referentes actuais de destrución do planeta coa queima do Amazonas.

A paisaxe da fin de década non pode ser máis desalentadora. Cambiamos Amazonas por Amazon e tendas que venden clips por clics que nos deixan sen tendas.

É a fin da vida nas cidades tal e como a coñecemos.

O comercio ilumina as vilas, é a verdadeira economía circular: a libreira ía a media mañá tomar café no bar que lle merca o pan á panadería de enfronte, tan simple como iso. Pero ademais, a libraría era lugar de encontro de persoas xubiladas, funcionariado e crianzas que ían os domingos a mercar cromos. Hai quen di que as novas tecnoloxías nos fan avanzar. Cidades como Pontevedra amosan que o avance está en crear espazos de convivencia. O novo comercio destrúe as relacións sociais. Tamén porque destrúe o xeito de relacionarse traballadores e patronal. Explícao moi ben Ken Loach no seu último traballo: Sorry, we missed you. O comercio on line dificulta, case imposibilita, calquera tipo de movemento obreiro, de loita sindical, abocando indefectiblemente a un empeoramento das condicións laborais. Moitas das persoas que se encargan do transporte das compras on line son falsos autónomos que como Kris Hitchen no filme de Loach convértense en escravos deste capitalismo voraz. É o adeus definitivo ao Estado de benestar.

O cerne da nosa estupidez radica en alimentar un xigante que devora establecementos –case catro mil pecharon en Galiza os últimos catro anos- sen eructar nada a cambio. Segundo un artigo de Expansión, calcúlase que Amazon ingresou o ano pasado polas súas ventas en España máis de 4.200 millóns de euros. Apenas tributaron 46. En impostos pagou 7. Mentres, a presión fiscal crece para o traballo autónomo. Ese que mandamos á papeleira de reciclaxe cun só clic. Outra libreira resumía un día o colmo da cegueira individualista: unha clienta dixéralle a unha empresa de transporte que, como non ía estar na casa, lle deixara na súa libraría o paquete de libros que mercara por internet.

E así andamos. Ata o día en que nos deamos conta de que non podemos mercar por Amazon nin os nosos dereitos nin un novo planeta.

2 Comentarios

  1. Concordo totalmente von Montse. O comercio local é a vida das cidades e no lo estamos cargando pouco a pouco.
    Non soupemos educar a nosa mocidade no valor das cousas; vímonos arrasados por Internet, Inditex, Primark, HyM, etc, e nós mesmos caímos nesa voráxine.
    Necesaria a referencia a Pontevedra, que leva loitando polo comercio local dende hai anos, como modelo de cidade, entre outras cousas non apostando por áreas comerciais grandes.
    Temos que concienciar a nosa xuventude que non necesita mercar 10 pantalóns de tempada, e máis se veñen dun país onde a xente, os nenos, traballan escravizados.
    Conciencialos de que onde se establecen auténticas relacións persoais é na rúa, e que mellor que saír para mercar nun comercio onde quen te atende non é unha máquina, podes preguntarlle para que te aconselle, sen costes e amablemente terás túa compra co se papel de regalo e, o máis importante, acabarás dstablecenfo unha relación persoal.
    Para tratar todo isto habería que falar da teoría neoliberal, pero esa é outra historia.
    Compremos no comercio local e fagamos que as nosas rúas enchanse de vida.

  2. Quero deixar un comentario curto,que mais ben e unha pregunta.A donde vamos con tanto consumismo?

Comments are closed.