O barrio da Bouzavedra completará a súa rede de saneamento

Bouzavedra Concello de Salceda de Caselas A Nova Peneira

O Comité directivo do Consorcio do Louro aprobou o proxecto por unanimidade

Salceda de Caselas, 27 de decembro de 2019

O comité directivo do Consorcio do Louro, no que participa a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, ven de aprobar por unanimidade o proxecto de ampliación da rede de saneamento de Bouzavedra, na parroquia de San Xurxo, que lle vai permitir a unha vintena de casas contar con este servizo esencial.

Prevese a construción dun colector de 760 metros de lonxitude que funcionará mediante un sistema de bombeo, conectado á rede existente actualmente na zona, e que se realizará na súa totalidade a través de terreos de titularidade pública. O proxecto, que conta cun orzamento de 208.767,02 €, ten un prazo de execución de 6 meses a partires da adxudicación do contrato, e será executada cos fondos do Consorcio de Augas do Louro dentro do libro de ruta para a construción de novos tramos de saneamento nos catro Concellos (Salceda, Mos, Porriño e Tui).

O proxecto supón un novo paso na consecución do saneamento integral de Salceda, aínda que lembran dende o Concello que a día de hoxe a Xunta segue sen executar os proxectos de saneamento das parroquias de Soutelo e Entenza, despois de que devolvesen os fondos europeos por non poñer o 20% que lle correspondía á Xunta.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, amosou a súa satisfacción pola aprobación dun proxecto polo que se levaba moito tempo agardando e que por fin se fai realidade, poñendo a tódolos veciños e veciñas do barrio de Bouzavedra en igualdade de condicións, pois ata o de agora sólo a metade alta do barrio contaba con este servizo. A alcaldesa manifestou así mesmo o seu desexo de que o proxecto se poida levar a cabo no menor prazo de tempo posible, polo que insta ao Consorcio do Louro a realizar os trámites de licitación canto antes. “Seguimos a traballar pola mellora das nosas parroquias, conscientes de que a vida no rural debe ter as mesmas condicións e servizos que a vida no casco urbano, polo que a aposta deste equipo de Goberno seguirá a ser a mellora das sete parroquias de Salceda”