Regades insta ao socialismo da provincia a volver a ser decisivo para a derrota do pp e contribuír así a recuperar o goberno da Xunta

PSOE Provincia de Pontevedra A Nova Peneira

O secretario xeral de Pontevedra preside o Comité Executivo Provincial e destaca que despois de catro vitorias consecutivas sobre os populares na provincia chegou o momento de comezar a andaina da quinta para contribuír a recuperar a Presidencia da Xunta de Galicia

Martes, 17 de decembro de 2019

O Partido Socialista da provincia de Pontevedra dá o pistoletazo de saída para preparar as Eleccións Autonómicas de 2020. O Comité Executivo provincial, presidido por David Regades, reuniuse en Vigo para comezar o deseño dunha campaña electoral destinada a poñer a disposición do candidato Gonzalo Caballero, “todo o músculo do Partido Socialista na provincia de Pontevedra”.

“Os socialistas da provincia de Pontevedra xa gañamos ao PP nas catro últimas citas electorais: nas Xerais de maio, nas Europeas de xuño, nas Municipais de xuño e na repetición das Xerais o pasado 10 de novembro”, subliñou. “Estou convencido de que podemos conseguir a Presidencia da Xunta se traballamos duro, explicándolle ás galegas e aos galegos que con nós iralles mellor porque xa quedou ben claro que as políticas antisociais do PP agravan os problemas”.

O secretario xeral dos socialistas da provincia recalcou que ponse a disposición da dirección do PSdeG-PSOE e de Gonzalo Caballero, “a quen corresponde liderar esa campaña”. Ao seu modo de ver, o Partido debe ofrecer mensaxes á cidadanía relacionados cos problemas que se teñen cronificado durante os 11 anos de Feijoo. Entre eles referiuse á situación da Sanidade “que atópase nunha situación sangrante”, as listaxes de espera nas garderías (1.500 cativos e cativas quedaron sen praza na rede da Galiña Azul só na provincia) ou o continuo peche de aulas de ensino público (36 aulas menos neste curso escolar na provincia e 57 profesores menos). “O PP contribúe decisivamente ao despoboamento do rural”, afirmou diante da Executiva provincial, “porque priva á veciñanza de servizos públicos básicos”.

David Regades dedicou boa parte da súa intervención ao municipalismo e, neste senso, destacou que outra razón pola que cómpre redobrar esforzos de cara ás próximas Autonómicas é a certeza de que “se continúa Feijoo todos sabemos que seguirá coas súas políticas clientelares cos concellos onde goberna o PP e “machacando” a aqueles outros onde a Alcaldía está en mans doutras forzas políticas”.

Regades recalcou tamén que os/as socialistas pontevedreses teñen motivos para celebrar moitas cousas, entre elas a Presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para un alcalde da provincia, como o vilagarcián Alberto Varela, uníndose así ao poder municipal que xa representaba o alcalde vigués, Abel Caballero, á fronte da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp). A esa felicidade únese a chegada dunha muller, como a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, á Presidencia da Mancomunidade do Salnés.

“Hai algo máis de catro anos”, explicou o número 1 do socialismo pontevedrés, “fomos capaces de facer algo que moitas persoas non crían posible, como gañar a Deputación de Pontevedra e penso que dende esta provincia debemos achegar a nosa experiencia destes últimos anos para poñer a nosa contribución para alcanzar o Goberno da Xunta”.

Finalmente, David Regades fixo unha análise da situación na política española e amosouse convencido de que, ben antes do Nadal, ben xusto despois haberá Goberno en España presidido por Pedro Sánchez “porque nós somos os únicos que somos quen de falar con tódalas forzas políticas fronte aos vetos cruzados dos demais”. “E iso non quere dicir”, continuou, “que, mantendo a nosa vontade de contribuír a solucionar o conflito de Cataluña, vaiamos a aceptar nada que non estea dentro da Constitución”.