TELMO (Vigo, terra da memoria)

Telmo terra de memoria A Nova Peneira

Telmo empeñou a súa infancia buscando ao seu pai. Buscándoo nas parcas palabras da nai, nos silencios dos parentes, nas miradas esquivas dos veciños, nas confidencias en voz queda dos afortunados que non foron paseados. 

Telmo medrou atesourando anacos do seu pai: recordos prestados, lembranzas esvaecidas e confesións arrincadas pola insistencia de quen necesita saber para non abafar. 

Telmo é orfo de pai pero o seu pai non morreu, ao seu pai asasinárono. A barbarie franquista levouno por diante. Non morreu nunha guerra nin empuñando as armas. Borrárono da historia porque a barbarie non soporta a luz. Ser presidente dunha sociedade agraria foi o delito do pai de Telmo. Para a barbarie non hai nada mais subversivo que demostrar ao pobo que pode organizarse ao marxe da oligarquía. Alcaldes, médicos, mestres, directivos das sociedades e sindicatos foron masacrados calquera que se atrevera declararse librepensador foi sepultado na fosa común do esquecemento. 

Media vida para atopar ao seu pai e outra media para dignificar a súa memoria, para limpar os sedimentos do lodo franquista, para prender luz nas tebras de corenta anos de escuridade tendo que torcer o brazo a políticos de corazón de brea. Eses que se gaban en público de ser dos teus e logo deixan na cuneta até os seus propios mortos. Eses que din que mellor non remexer moito porque viven de transacionar o presente co pasado deixando sempre o mañá atado e ben atado. 

Telmo, octaxenario dende hai anos, segue con man firme reparando e dignificando a memoria daqueles e aquelas que quixeron un mundo mellor.

Cantos Telmos necesita o mundo! 

Primer comentario

Deixa a túa opinión