O Grupo Común da Esquerda critica que Feijóo segue máis preocupado polo que pasa no Estado que por gobernar Galicia

Luca Chao no Parlamento A Nova Peneira
Luca Chao no Parlamento

Luca Chao sinala que ten que ser o seu derradeiro discurso como presidente porque as galegas e galegos “non poden aturar outros catro anos das súas políticas”.

Santiago, 31 de decembro de 2019

O Grupo Común da Esquerda criticou este martes que Feijóo “segue máis preocupado polo que pasa no Estado que por gobernar Galicia” tras o discurso de fin de ano do presidente da Xunta. A voceira Luca Chao indicou que “vimos de escoitar o que ten que ser o derradeiro discurso de Feijóo como presidente da Xunta. Nel, non hai unha soa idea novidosa para Galicia, ao contrario, destina boa parte do tempo a falar de temas que nada teñen a ver cos nosos problemas. Feijóo leva demasiado tempo ocupado e preocupado polo goberno do Estado en vez de centrarse na súa responsabilidade, gobernar o noso país”.

Chao valorou que “as galegas e galegos non poden aturar outros catro anos das súas políticas”, sendo o lugar escollido para o discurso un bo reflexo dos efectos negativos das mesmas. “Parece unha tomadura de pelo que decidira dar o seu discurso precisamente dende Ourense, unha provincia esquecida e maltratada polas políticas do Partido Popular, como a decisión recente de pechar o paridoiro de Verín”, lamentou a voceira, lembrando que “vai un mes de despropósito, así que polo menos Feijóo puidera ter aproveitado a ocasión para rectificar”.

Do mesmo xeito, Luca Chao considerou que “tamén parece unha tomadura de pelo que decida dar o seu discurso dende unha escola, tamén nesta provincia. Esquece que cada ano seguen pechando aulas no medio rural, que os seus orzamentos de ensino consolidan unha década de recortes ao tempo que aumenta os concertos educativos para escolas privadas ou dá pasos adiante para a primeira universidade privada do país”.

A voceira concluíu que “asistimos a un discurso continuista, sen ningunha proposta de futuro e que insiste na  publicidade e propaganda do Partido Popular, que non pode ocultar a realidade que vive a cidadanía galega”.