Os socialistas pontevedreses esixen a augas de Galicia que se ocupe dos problemas reais, como a limpeza dos ríos, en lugar de “inventos anti-concellos” como a Sogama da auga

PSdG Limpeza dos ríos A Nova Peneira

O secretario xeral provincial, David Regades, denuncia que Augas de Galicia só ten a catro persoas limpando os leitos fluviais pontevedreses nun dos invernos máis duros dos últimos anos

O organismo autónomo prioriza os seus escasos recursos para atender aos concellos con Alcaldías do PP

Pontevedra, 4 de xaneiro de 2020

O PSdeG-PSOE provincial vese na obriga de volver a denunciar a incomprensible xestión do organismo Augas de Galicia no que atinxe á limpeza dos ríos e a prevención de inundacións. A pesar da advertencia lanzada o pasado mes de setembro polos socialistas pontevedreses, un inverno máis quedou confirmado que Augas de Galicia concentra os seus escasísimos labores de limpeza nos tramos fluviais que transcorren por concellos onde goberna o PP.

O secretario xeral dos socialistas, David Regades, recalca que no “país dos mil ríos”, a política autonómica en materia de prevención de inundacións está marcada polo azul institucional do PP. Regades pon o exemplo da última denuncia pública, efectuada polo Concello de Cuntis, farto de instar a Augas de Galicia a que despexe o leito do río Gallo mentres Augas emite notas de prensa propagandísticas de actuacións moito menos urxentes noutros concellos con alcaldesa ou alcalde do partido da gaivota.

Os socialistas pontevedreses teñen constancia de que Augas só dispón nestes intres dunha brigada para atender os ríos da provincia de Pontevedra incluídos na Demarcación Galicia Costa. Unha pírrica brigada composta por catro persoas coa que é imposible prestar un servizo axeitado.

Así non é de estrañar que segundo os datos oficiais publicados pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, ata o pasado outono só se tiveran realizado 20 actuacións de limpeza preventiva en 36 tramos interurbanos de ríos e regatos, a meirande parte en tramos moi pequenos. “Unha porcentaxe ridícula, que non chega nin a un 0,1%, tendo en conta que temos uns 15.000 Km de rede fluvial”, declara Regades quen, engade que nin sequera se teñen priorizado os treitos declarados como Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI).

David Regades explica que o único paso realmente significativo dado pola Xunta este ano foi “desfacerse” de 300 Km de rede fluvial alegando que se trata de tramos urbanos, transferindo as competencias aos concellos a través dunha simple Instrución publicada no Diario Oficial de Galicia. “E, por suposto, como é norma da casa, sen dotar aos concellos dun só euro, a pesar de que son plenamente sabedores que no municipalismo galego e pontevedrés hai moitos concellos que carecen dos recursos necesarios para asumir tal encomenda”.

Paradoxal tamén resultou o caso do Concello de Vigo, engade Regades, que farto da desatención ao río Lagares decidiu acometer o seu mantemento integral e non limitarse exclusivamente ao tramo urbano. A resposta de Augas de Galicia, un organismo sempre presto a facer política partidista en lugar de ocuparse das competencias que ten transferidas, foi “sorprendentemente negativa”.

O secretario xeral dos socialistas pontevedreses pregúntase para que serve un organismo como Augas de Galicia, que tampouco é quen de xestionar a depuración das augas residuais, un asunto que ten unha trascendencia supramunicipal. “Agora están enfrascados na promoción doutro chiringuito, para seguir engordando a Administración paralela da Xunta, ao que chaman a “Sogama da Auga”, explica Regades. “Un novo intento da Xunta de facer política anti-concellos, cargándolles con custos extraordinarios mentres Augas de Galicia recada máis de 50 millóns de euros ao ano co canon de saneamento que, por suposto, dedica tamén ao gasto discrecional naqueles municipios onde goberna o PP”. “En lugar de dedicarse a intrincar aínda máis o mapa administrativo da Xunta, deberían comezar polos problemas reais de Galicia, como o coidado dos nosos ríos”, conclúe.