Debate de investidura

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago

No recente debate de investidura tivemos unha mostra de como as gastan as dereitas españolas cando teñen as de perder, amosando a súas peores formas e poñendo en cuestión a “exquisita” educación recibida nos caros colexios privados nos que os forman. Desprezaron constantemente a liberdade de expresión e de opinión dos deputados e deputadas do congreso que non son do seu agrado. Ameazaron, coaccionaron, berraron e interromperon… para impedir o debate das ideas, das ideas que non son as súas. Transformaron o congreso nun estudio de televisión de calquera desas canles privadas onde o nivel intelectual descende e é substituído polos berros para machacar ao contrario.

Calquera persoa cuns mínimos principios democráticos debería escandalizarse ante os chamamentos ao “tamayazo”, ao transfuguismo, feitos publicamente na tribuna parlamentar. Así é como entende a democracia a dereita española? En calquera país normal sería impensábel que acontecese isto, pero España non é un país normal. España é o resultado de corenta anos dunha ditadura fechada en falso nunha transición onde nos venderon unha moto coas rodas pinchadas coa complicidade interesada da “esquerda” española.

Escoitar os vivas a España e ao Rei no congreso levounos a tempos pasados. Son berros de nostalxia, dos que queren un estado español en branco en negro, un estado español mais totalitario do que xa é nestes momentos. Uns vivas cos que pretenden agochar o que realmente están defendendo: os privilexios do capital, da banca, do Ibex, das altas cúpulas militares e eclesiásticas…

Parede que están quentando motores para xustificar que ás rúas se convertan en campos de batalla onde o totalitarismo tente calar a voz do diferente, da disidencia. Contra as mulleres, @s comunistas, @s separatistas… contra tod@s @s que non pensen coma eles.

E no medio de todos estes estaba a nosa medio alcaldesa de Marín, a Sra. Ramallo, aplaudindo o discurso en branco e negro do Sr. Casado. Preguntámonos se deixou en Marín o seu talante moderado e tamén se xuntou ao akelarre de insultos e descualificacións do contrario?

Na Galiza tamén temos o noso “hooligan”.

Parece ser que ao Sr. Feixoo non lle sentou moi ben o acordo de investidura entre o BNG e o PSOE. Un documento onde se comprometen as partes a potenciar o autogoberno, defender o idioma, mellorar as infraestruturas de comunicación, rexenerar as rías, buscar un futuro para as comarcas que dependen das industrias electro-intensivas, mellorar a protección das mulleres, etc.

A reacción furibunda e airada do Sr. Presidente nas redes sociais contra este acordo deixa en evidencia o dano que lles fai a estes filibusteiros que nos gobernan a acción política do BNG en defensa dos intereses do pobo galego. Cun só deputado en Madrid Galiza pasou da irrelevancia política ao número un das listas de éxitos nos medios de comunicación, nos de fóra xa que a TVG segue coa súa liña de ocultación da realidade e loas ao líder do PP.

Lendo este texto calquera persoa minimamente intelixente dáse conta da inutilidade dos gobernos con maioría absoluta do PP desde a chegada de Feixoo á presidencia. Queda en evidencia a súa incapacidade. O resultado da acción de goberno nestes dez anos para Galiza é lamentábel: perda de poboación, desertización do rural, desmantelamento do noso sector industrial, agonía do sector agro-gandeiro, desmantelamento do noso sector pesqueiro, emigración da nosa mocidade, irrelevancia política de Galiza no estado español.

Pero Feixoo non está molesto por que non foi capaz de acadar ren para Galiza. O programa oculto do PP era e é precisamente ese, facer desaparecer aos poucos a nosa nación e poñer os nosos recursos en mans da “iniciativa privada”.

O acordo entre de investidura entre o BNG eo PSOE non é a panacea, non é a meta final, é un paso adiante para tentar mellorar as nosas vidas. É un acordo que haberá que pelexar para que se cumpra, pois xa sabemos como as gasta o PSOE, porén a sociedade galega tamén será consciente de quen cumpre e quen non.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*