A Casa do Pobo de Regodobargo levará o nome de Suso Vaamonde

Concello de Ponte Caldelas A Nova Peneira

O 16 de febreiro terá lugar a homenaxe ao cantautor que está a organizar o Concello de Ponte Caldelas 

Ponte Caldelas, 18 de xaneiro de 2020. A Casa do Pobo de Regodobargo levará o nome de Suso Vaamonde, o cantautor galego nacido nesta aldea de Ponte Caldelas o 20 de decembro de 1950. Vaamonde faleceu en Vigo o 16 de febreiro de ano 2000, e coincidindo co vinte aniversario do seu pasamento, o Concello de Ponte Caldelas está a organizar un acto de recoñecemento para tan ilustre veciño. 

A concelleira Aurora Garrido, veciña de Regodobargo, xunto aos veciños do lugar de nacemento de Vaamonde, están a organizar dende fai varios meses un emotivo acto para o 16 de febreiro, no que, a día de hoxe, se pode confirmar que participarán Mero e Manuel Dopico de A Quenlla; Alfredo de A Roda; Pepe Iglesias de Buxán; Luis Vaamonde e tamén as Pandereteiras de Regodobargo.

Unha ofrenda floral no río e a colocación da placa que dará o nome de Suso Vaamonde á Casa do Pobo de Regodobargo centrarán un acto preparado con ilusión e cariño, que promete ser moi musical, tal e como lle gustaría ao propio homenaxeado. O Concello de Ponte Caldelas continúa así cun recoñecemento iniciado polo tripartido no ano 2016, cando se saldou unha débeda histórica con este ilustre veciño que deixou un legado cultural moi enriquecedor para toda Galicia. Iniciábase entón un recoñecemento que os anteriores alcaldes, ambos do Partido Popular, lle negaran á figura de Vaamonde.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*