Sobre a moral, a convivencia pacífica e o Partido Popular

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Nun acto social, celebrado en Galicia, ao que recentemente me vin obrigado a asistir, conversaba cunha persoa natural dun país americano, eu falaba no meu idioma, no mesmo que penso sinto e escribo, e ela falaba no seu, no que todos os cidadáns do reino de España estamos obrigados por lei a coñecer, entendiámonos á perfección e a conversa discorría con cordialidade e respecto mutuo, cando a unha terceira persoa que non estaba participando na nosa charla ocorréuselle dicirme o que xamais ninguén se atrevera a dicirme nunca á cara:”Habla en español ¡¡ no ves que no te entiende¡¡”.Despois da miña mirada , directamente aos seus ollos, dura como o aceiro e fría como o xeo, o potencial represor cesou nas súas intencións represoras e puiden seguir conversando, eu no meu idioma e ela no seu, de maneira amigable coa miña interlocutora sen o máis mínimo problema. Este desagradable episodio veume varias veces á memoria no transcurso do recente debate de investidura do presidente Pedro Sánchez, cando ollaba as intervencións dos tres representantes da dereita española que trataban de oporse á conformación do goberno que maioritariamente votamos os cidadáns e cidadás do estado, cunha violencia verbal que desbordaba a linguaxe bélica e que exemplificaba, ao meu xuízo, o feito de que todos os represores, xa sexan en potencia xa en acto, teñen o mesmo problema e responden a un idéntico perfil: confunden o político co moral e interpretan o que non deixa de ser unha posición política nesa chave. E canto máis afastada estea a posición interpretada, dos parámetros morais de quen a interpreta desa maneira, máis indigno como ser humano será aos ollos do represor fanatizado, quen teña a desgraza de ser analizado neses termos. “Felón, traidor, presidente fake, villano de cómic…” non son adxectivos que se poidan enmarcar dentro do contexto da lexítima crítica política, son interpretacións morais perigosísimas porque espallan a semente do odio e xeran un clima co que só un irresponsable ou un psicópata se pode sentir a gusto. E non, ningún ser humano dos que existiron no pasado, existimos no presente e existan no futuro, ao longo de todo o tempo que nos quede á especie humana, temos o patrimonio exclusivo da moralidade. Todo aquelo que non caiba no interior da arquitectura dos nosos parámetros morais pode ser tan ético ou máis como o que si cabe, e non temos dereito a interpretar como inmoral a unha persoa que defenda unha posición política diferente á nosa, unha e mil veces digo con toda a contundencia que son capaz que ninguén ten dereito a facelo, e que quen o fai é o verdadeiro problema o que dificulta en verdade a convivencia pacífica dunha sociedade e o que debe ser combatido con doses masivas de pedagoxía para que a infección que transmite quede reducida á mínima expresión posible. Calquera proceso de fanatización que converta a unha persoa normal nun fanático segue sempre tres fases, a primeira resulta da confusión do político co moral, a segunda consiste en despersonalizar ao que pasa de ser adversario a inimigo( “los enemigos de España” di a dereita española) e en desposuírlle da súa condición de ser humano, e a última e definitiva é indefectiblemente a violencia. A ultradereita española está xa na fronteira entre o punto final da primeira e o inicial da segunda das fases, e a súa delirante dinámica dialéctica de cualificar como inimigos aos que non pensamos como eles está a ser asumida polo principal partido da dereita española, o partido popular .Agardo que goberno do estado sexa capaz de resistir a presión abafadora á que vai ser sometido, e queiran, saiban e poidan facer efectivas medidas políticas que beneficien ás maiorías sociais máis amplas posibles e como consecuencia agrome un clima de tranquilidade social que posibilite nas vindeiras eleccións autonómicas desaloxar democraticamente da Xunta de Galicia a un goberno nocivo para o país galego.

PS. Parabéns emocionados á sociedade de Verín en xeral, e ás súas mulleres en particular, pola súa loita e dignidade.