Manifesto do ecoloxismo galego en solidariedade coa veciñanza comuneira na súa loita contra o desastre ecolóxico que queren perpetrar nos montes comunais de Tameiga.
Asinado
por: ADEGA,
Greenpeace, Ecoloxistas en Acción Galiza, Verdegaia, Extinction
Rebellion Vigo, EQUO Galicia, Plataforma pola Defensa da Ría de
Vigo, Plataforma Salvemos O Iribio, Fundação Montescola, Sociedade
Histórica e Cultural Coluna Sanfins, Comunidade do Monte Veciñal en
Man Común de Froxán, Asociación ambiental e cultural Petón do
Lobo,
A.S.C
Vagalume, Marcha Mundial das Mulleres
A modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que dá vía administrativa ao proxecto da cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo e do megacentro comercial en Mos foi aprobado o pasado mes de setembro. O obxectivo desta modificación parcial, cuxo promotor é o propio concello da man da alcaldesa do PP Nidia Arévalo, foi a delimitación dun sector de solo urbanizable destinado para “dotacións de carácter privado e usos terciarios comerciais”.
Deste
xeito preténdese transformar solos rústicos de protección
forestal, que son maioritariamente naturais, en solos urbanizables
incrementando mediante esta actuación a presión sobre o territorio
e a biodiversidade, sendo afectada con máis fincapé a parroquia de
Tameiga.
A
especulación do territorio para o beneficio duns poucos
Co
proxecto da cidade deportiva do Celta de Vigo tense previsto
expropiar 864.000 metros cadrados de monte, dos cales a metade
corresponden a monte en man común, co fin de cedelos ao Club Celta
de Vigo, quen construirá un centro comercial de 120.000 metros
cadrados alén das dotacións deportivas. Deste xeito, a través do
falso discurso da xeración de emprego, do progreso e da
diversificación da economía, tentan xustificar as dotacións
deportivas e as áreas comerciais como beneficiosas para a veciñanza,
mais estes beneficios recaerán coma sempre nas mans duns poucos e
sempre en detrimento das comunidades locais e do medio ambiente.
Esta
actuación corresponde cun modelo e cunha lóxica caduca e errada que
presenta un gran impacto ambiental negativo, así como unha
ocupación do territorio que non favorece a mobilidade sostible e que
actúa como barreira ecolóxica nos ecosistemas. Ademais é fonte de
xeración de emprego precario e temporal, cun modelo de grandes
centros comerciais anacrónico responsables da perda de comercio
local e de proximidade nas vilas e cidades.
O
monte comunal: unha alternativa real de loita contra o Cambio
Climático!
Dos 864.650 m² afectados na modificación parcial do PXOM, 230.100 m² pertencen ao monte comunal de Tameiga (o 28% da superficie) e 153.700 m² ao CMVMC de Pereiras (19% do total afectado). Pola súa banda, 393.300 m² corresponden a fincas de particulares, 46.250 m² son de dominio público e 41.300 m2 corresponden á superficie afectada polo novo sistema xeral viario.
De
toda a superficie afectada, os únicos terreos suxeitos a protección
como rústicos forestais son os pertencentes aos montes veciñais
polo simple feito de seren montes comunais. Mais o artigo 35.5 da lei
2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia establece que “O
plan xeral poderá excluír xustificadamente do solo rústico de
especial protección os terreos necesarios para o desenvolvemento
urbanístico racional, logo do informe favorable do órgano que teña
a competencia sectorial correspondente”.
Así, a través desta fórmula legal, pódese expropiar terreos dos
montes comunais afectados co fin de especular con dotacións e
infraestruturas privadas.
Unha
vez máis estase a pasar por alto desde as administracións o
potencial de xeración de emprego e fixación de poboación que
constitúe a xestión sostible do monte comunal. Os montes en man
común teñen un enorme potencial na conservación e na posta en
valor dos ecosistemas, da biodiversidade e dos recursos
ecosistémicos. Ferramentas como a figura da custodia do territorio,
a educación ambiental ou o voluntariado ambiental son fórmulas que
permiten conservar, restaurar e achegar á cidadanía e a poboación
local o beneficio de termos unha natureza ben conservada. Isto nun
momento en que se están aprobar mocións de emerxencia climática en
moitos concellos é un paso fundamental para poñer freo ás
consecuencias do cambio climático e gañar resiliencia nos
territorios. Desde o potencial que teñen as comunidades de montes, e
escapando de lóxicas forestais produtivistas, pódense levar a cabo
proxectos de restauración ambiental que coa expropiación do monte
comunal de Tameiga quedan imposibilitados.
Este
desleixo cara a natureza e cara o potencial comunitario das
comunidades de montes non só quedou constatado coa decisión de
Nidia Arévalo, senón que este desleixo é fomentado tamén desde a
Xunta de Núñez Feijoo. O pasado 20 de novembro do 2018 no
parlamento de Galiza rexeitouse a ILP en defensa do bosque autóctono,
unha iniciativa que contou co apoio de mais de 42.000 galegas e
galegos. Así, unha aposta clara pola multifuncionalidade do monte, á
silvicultura próxima á natureza e por axudas para o mantemento e
recuperación dos bosques autóctonos e dos seus servizos
ecosistémicos, serían alternativas reais e viables moito máis
beneficiosas para a poboación local, para a economía circular e
para o medio ambiente.
Afección ás captacións de augas e ás comunidade de augas
No ámbito de actuación afectado polo proxecto urbanístico localízase o nacente do rego Porteliña, identificada e clasificada a súa correspondente zona de policía no PXOM de Mos como Solo Rústico de Protección de Augas (SRPA). Nesta zona de nacente localízanse ademais especies arbóreas de bosque de ribeira, principalmente salgueiros, ameneiros e outras caducifolias autóctonas, que como tal cumpren unha valiosa función ecolóxica en canto que dotan ao territorio de conectividade, permitindo ser espazos de acubillo, refuxio e alimento para a fauna.
Na
superficie afectada existen ademais sistemas autónomos de captacións
de auga subterránea para o consumo que dan servizo principalmente ás
parroquias de Tameiga e de Cela. Deste xeito a modificación puntual
do PXOM afecta ao abastecemento e á xestión comunitaria das augas
levadas a cabo pola propia veciñanza a través de traídas veciñais
xestionadas por comunidades de augas.
A
mobilidade sostible ante o cambio climático
O proxecto deportivo e comercial do Celta de Vigo supón un freo á mobilidade sostible de toda a comarca. Este proxecto fomenta o uso do transporte privado e individual provocando grandes emisións de CO2 á atmosfera e colapsando aínda máis un dos nós de comunicacións máis importantes de Galiza. Isto sen dúbida constituirá unha perda da calidade de vida das e dos habitantes de Tameiga, ao teren unha maior afluencia de tráfico na súa parroquia.
A ordenación do territorio para acolleren grandes eventos deportivos tería que contar con infraestruturas públicas de transporte colectivo, fomentando a comunicación intermodal e reducindo o uso do transporte privado. A súa vez, as áreas comerciais terían que planificarse desde a proximidade da poboación albo, pudendo facer as compras a pé ou transporte público de calidade. Sen dúbida todas es medidas axudarían a reducir as emisións de CO2 e a gañar unha maior calidade de vida nas nosas vilas, cidades e parroquias. Unha ordenación adecuada do territorio é sinónimo de loita contra o cambio climático.
E a insostenibilidade do proxecto da cidade deportiva quedou unha vez máis constatada polo informe negativo emitido pola Deputación de Pontevedra e o rexeitamento de Fomento á modificación do Plan Xeral de Mos en termos de mobilidade, ao non garantir a seguridade nin a capacidade de acollida dun considerable aumento do tráfico ante o gran número de desprazamento que supoñen grandes eventos deportivos ou áreas comerciais desta natureza.