O Concello traballa na mellora da accesibilidade cognitiva da Casa Consistorial

Concello de Marín A Nova Peneira

A alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, reuníronse co equipo avaliador de accesibilidade cognitiva da Asociación Juan XXIII, que estivo realizando o pasado mes unha inspección na Casa Consistorial para avaliar os puntos fortes e os débiles que as instalacións municipais presentan con respecto a esta cuestión.

Enténdese por accesibilidade cognitiva a propiedade que teñen aquelas contornas, bens, produtos, servizos, obxectos ou instrumentos para resultar intelixibles ou de fácil comprensións. Segundo expuxeron na reunión os membros da asociación, no caso do Concello de Marín é necesario mellorar algunhas cuestións de sinalización, das que o Goberno local tomou boa nota, ca finalidade de implementar as melloras correspondentes nun breve prazo de tempo.

Entre as medidas que se estudarán destacan a mellora da sinalización vertical nas inmediacións da porta principal do Concello, incluíndo a direccións que se debe tomar para ir ata outros edificios cercanos, como os Xulgados, Aduanas ou a Biblioteca municipal; a elaboración de carteis que indiquen, de maneira sinxela, cal é o horario de atención ao público e a creación dun directorio que tamén conte cun apoio gráfico e ilustrativo, para que sexa máis sinxela a comprensión.

Tanto Ramallo como Sanmartín mostraron a súa disposición para adoptar todas as solucións que sexan viables. Pola súa parte, a Asociación asegurou que o Concello contará con todo o apoio do Grupo de Accesibilidade Cognitiva do colectivo para deseñar e implementar as melloras.