O goberno local desminte a presunta privatización do servizo de limpeza de edificios municipais

Concello de Ponteareas A Nova Peneira

Ponteareas, 22 de xaneiro 2020

O servizo aténdeno traballadoras e se manteñen dúas vacantes máis para futuras necesidades. Créanse dúas prazas novas para Medioambiente

O concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, responsábel do servizo de limpeza nos edificios e instalacións municipais, desmentíu as acusacións do Partido Popular relativas á suposta privatización do servizo.

Mera explicou que actualmente o Concello atende a limpeza das instalacións municipais con persoal propio, seis traballadoras estabeis e dúas eventuais. Ademais, o Concello tiña até agora no cadro de persoal catro prazas máis vacantes para limpeza por se fora preciso reforzar o servizo no futuro.

O edil nacionalista sinalou que “como a limpeza está debidamente cuberta na actualidade, son suficientes dúas prazas vacantes, que se manteñen, e coas que se atenderá calquera mellora ou novas necesidades”. Mera explica que “por ese motivo se decidíu eliminar as outras dúas prazas vacantes de limpeza cunha finalidade moi importante: crear a praza de técnico de medioambiente e outra de coordinador desa área. Deste xeito a veciñanza desfrutará dun mellor servizo en cuestións como denuncias ambientais, expedientes de limpeza para prevención de lumes ou desbroces de pistas, sen que isto afecte en nada ao servizo de limpeza”, engadíu Mera.

Mera atribuíu á “falta de coñecemento” as críticas do PP. “Dicir que se vai privatizar a limpeza por eliminar dúas vacantes, cando o servizo está atenrdido e temos outras dúas vacantes máis, só se explica porque a oposición non coñece o cadro de persoal ao completo”. Mera animou á oposición a “facer un traballo serio e construtivo para mellorar Ponteareas”.