A Mesa felicita a Ikea pola inclusión do galego no seu web e anímaa a actualizar tamén a App e a visibilizar o catálogo impreso na nosa lingua

Ikea A Nova Peneira Mesa Normalización Lingüística

A Coruña, 30 de xaneiro de 2020

A Mesa pola Normalización Lingüística felicita a Ikea pola inclusión do galego no seu web e anímaa a extender a incorporación da nosa lingua a todos os seu servizos, actualizando tamén á súa aplicación móbil e visibilizando nas súas tendas o catálogo impreso na nosa lingua. Marcos Maceira, presidente da entidade de defensa da lingua, asegurou que este avance é “froito da reclamación social” e recordou as mobilizacións realizadas o pasado outono na Coruña e as múltiples queixas presentadas a través de A Liña do Galego. “O galego é a única lingua oficial do Estado”, afirmou, “que precisa da acción social para ser visíbel”. “Na Mesa asumimos esta responsabilidade fronte a unha Xunta que abdica do seu deber legal e moral”, concluiu.


A Mesa pola Normalización Lingüística é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Calquera persoa sensíbel coa causa do idioma galego pode facer parte da Mesa, que coas súas 4000 socias e socios é a maior asociación cultural de Galiza. Todas aquelas persoas que coñezan ou sofran casos de discriminación polo uso do galego poden tramitar a súa denuncia a través da Liña do galego.