Álvaro M. Leiro leva a maxia de moscoso ás tendas máis luxosas do mundo

Álvaro M. Leiro A Nova Peneira

Álvaro é un cesteiro de Moscoso, que reivindica con orgullo a súa orixe, “primeiro son de Moscoso e logo de Pazos”, que leva moito tempo cunha labor encomiable relacionada con diversos campos da cultura( toponimia, fotografía, ornitoloxía..), e centrándose na creación de pezas de cestería belísimas así como na recuperación da coroza, un traxe tradicional galego, ao que un día os camiños da vida cruzaron cun observador dunha das firmas de complementos máis luxosas de todo o mundo: Loewe. Eles namoráronse do seu traballo e desde hai máis dun ano, Álvaro combina o seu labor cotián coa produción de pezas que comercializa esa prestixiosa firma. A Nova Peneira conversou con el

Ti es un orgulloso nativo de Moscoso, que é o máis significativo desa fermosa parroquia?

Ultimamente colleu moita sona a festa da chula, que é relativamente recente, pero, para min moito máis significativa que as Chula son as Festas Patronais. A conivencia entre os pobos de Moscoso, Calvos e Xunqueiras é unha tradición moi antiga, realmente bonita.

Que fixeches da túa vida ata chegar a cestería, e como empezaches nesta arte?

Eu traballei en incendios desde os anos 80 ata o 2003.

Despois, no eido da cultura e do patrimonio fixen traballo fotográficos, plasmando en imaxes os últimos redutos da agricultura tradicional, mesmo fixen algunha exposición. Tamén fixen unha exposición sobre a protección da fauna, sobre todo dos paxaros.No ano 95 fixen un traballo de rescatar toda a toponimia de Moscoso, levoume moitísimo tempo, axudoume a comisión de festas e creamos un plano cos nomes das veigas, camiños… sobre 500 nomes.

A comezos do ano 2003, máis ou menos, tiven un problema físico que me obrigou a deixar o dos incendios, aí foi cando comecei coa cestería, e deime de conta que me resultaba sinxelo darlle forma a un cesto ou calquera outra peza.

É un talento innato o que tes?

Pode dicirse que si. Sen dúbida tiña aptitudes que outros despois de 500 horas de cursos non tiñan.

Cando foi o primeiro, lémbraste?

Nun momento crítico, por casualidade, realicei un curso no que só estiven 15 horas. Era en Vigo, no Centro de Artesanía Tradicional. Case todos os que fan artesanía saíron desta escola. Isto pasaría hai uns 15 anos.

Esta cestería de palla, que é a máis primitiva que hai, chamoume a atención e comecei a tirar información e deime de conta de que en Galicia estaba practicamente desaparecida, este foi un aliciente máis para dedicarlle o meu tempo. Un par de meses despois xa estaba na Praza de Mondariz facendo unha demostración nun evento de artesanía. Explicarlle as familias como se traballaba foi algo que me encantou. A partir de aquí fun tratando de progresar, ampliando o arco de materiais que podía traballar.

Cales son os materiais que utilizas para elaborar os cestos?

Palla, xestas, silvas, xuncos.

A cestería de palla está vinculada aos cereais, o cesto vai completamente tupido, pode aguantar ata a auga. É diferente ás outras porque leva un cosido en espiral. Esta técnica está estendida por todo o mundo, pero logo cada lugar ten as súa variables en canto aos materiais. O desta zona é a palla de centeo para o corpo do cesto e vai cosido con tira de silva ou mesmo con tira de vimbio. Esta mesma cestería pode evolucionar e facer o corpo con xesta ou con outro tipo de materiais. Esta é moi complicada porque é monótona e lenta. Co tempo que me leva facer un cesto en palla, podería facer 6 ou 7 de vimbio.

Canto tempo che leva facer entón un cesto en palla?

Depende do tamaño, pero podemos estar a falar dunhas 20 horas.

Os modelos, deséñalos ti, como se che ocorre ao tamaño ou a forma?

Hai uns cestos tradicionais que son os de sementar, os do gran .Eses son modelos tradicionais que trato de recrear.

Despois hai outros que son da miña propia colleita. Doulle eu as formas que considero.

Os modelos de fóra de Galicia son semellantes aos galegos ou son diferentes?

Son semellantes. Na cestería de Castilla hai moito cereal e os cestos son moi grandes, pero o cesto do gran e o de sementar son moi similares.

Os materiais, colleitalos ti ou mércalos?

Eu colleito todo o material.

Co centeo hai que ter moito coidado con non esmagalo, a palla. Todos os materiais teñen un procesado, uns tempos, unha data axeitada para colleitalos.

Traballas na túa casa?

Si. Na miña casa de Moscoso.

Teño que dicir que non só elaboro cestos de palla, tamén fago unha labor de investigación a nivel de toda Galicia, de recuperar diferentes cousas.

Neste momento estou a traballar na recuperación de modelos de corozas. Estas son vestimentas feitas con xuncos para a choiva, que agora vémolas no entroido pero esta é unha vestimenta que se utilizou durante centos, ou miles de anos, para protexerse da choiva cando ían pastar as vacas. Unha vestimenta emblemática de Galicia e norte de Portugal. Cada comarca tiña unha coroza diferente e eu estou tratando de recoller toda esta información para que non se perda para sempre, isto está pendente dun fío. Levo documentados 14 modelos diferentes dos cales elaborei oito.

Pódese vivir profesionalmente da cestería?

Non, non se pode, e menos con isto que estou facendo eu de irme o máis arcaico e antigo. Pode vir alguén de que lle guste esa peza antiga e mercala, pero son pezas caras e non accesibles para todos.

Que pode valer unha destas pezas?

Ao redor de 200€ e una coroza non menos de 1.000€.

E como chegaches a relacionarte con Loewe?

Eu participaba nun evento organizado pola Xunta no concello de Agolada, celébranse tres días de feira como escaparate de Artesanía Galega. Nesta feira participa un artesán de cada especialidade. Neste evento viu un observador de Loewe, fixouse nunha das miñas pezas, un deseño orixinal meu, pediume se esa peza sería capaz de desenrolala en coiro, aos cinco días ese bolso tiña que estar en París para que o vira o director creativo. Disto hai ano e medio.

Álvaro M. Leiro A Nova Peneira

Loewe é unha marca de luxo, non?

Non venden nada de menos de 1.000€. Esta nas 50 empresas de artigos de luxo máis caras do mundo.

Eu estiven nas súas tendas de Londres e Milán, e vin como un cliente gastaba 10.000€ como se nada en menos de 10 minutos en dous bolsos, estamos a falar de vendas moi exclusivas.

Despois de que saíra o do bolso de coiro, que pasou, como se desenrolaron os acontecementos ata chegar á actualidade?

Ese bolso era para o salón de deseño de Milán, despois de probalo había que facer un número de pezas, fun a Milán a facer unha demostración neste evento cara o público, estiven alá tres días.

Gustouche Milán, é bonito?

Case non saín desa zona, estiven na rúa onde está a tenda de Loewe, onde están todas as tendas de luxo. Nesa rúa, nunha terraza pagas 15€ por unha cervexa. A próxima vez que vaia vou levar unha caixa de Estrela de Galicia, risas….

Falamos dun mundo totalmente diferente ao noso. Alí non vin nin un rapaz nin unha persoa maior, todo xente guapa, é outro mundo totalmente exclusivo.

Nese evento o bolso tivo moitísimo éxito e metérono en colección, isto significa ter que fabricar unha tira de miles de bolsos. Agora sigo traballando para eles, estou facendo máis cousas diferentes baseadas no bolso pero non podo dar máis información.

E pódese saber se é todo en coiro ou hai máis materiais?

En coiro, pero resaltaría unha cousa que me parece fundamental. Vindo da artesanía e tratando de conservala, como estou facendo eu, non me metín na artesanía por motivos económicos, senón para botar unha man en que non desaparecera, é o que me pedía o corpo, deixar constancia das cousas que se estaban perdendo. Neste caso demostrouse que toda esa sabedoría que vimos acumulando durante tantos anos, podémola trasladar a actualidade e sacarlle un rendemento, polo tanto, é importante telo en conta. Que preservemos e teñamos constancia de onde vimos

Veste traballando para Loewe ata o final da túa vida laboral?

Non o penso vexo o día a día. Quero dicir tamén que a investigación das corozas é moi importante para min, de feito convido calquera lector ou lectora que teña coñecemento deste tema a que se poña en contacto comigo a través da miña páxina de Facebook Álvaro M. Leiro.