Poñer a parir

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo
MILANA BONITA

O pasado 9 de febreiro derivábanse a Compostela as múltiples mobilizacións que desde o 2018 denuncian por todo o país un empeoramento da sanidade pública que a piques está de levala ao colapso. Aí están os síntomas: doentes en padiolas espalladas polos corredores dos Servizos de Urxencias mentres se reduce o número de camas hospitalarias, PACs sen pediatras, agardas de dúas semanas nas citas de atención primaria, intentos de peche de paritorios, enfermeiras que acumulan nun só ano centos de contratos, e mesmo pacientes que finan na sala de agarda por que non hai quen os atenda.

A doenza é moi grave e a súa orixe está no virus da privatización inoculado polo goberno de Núñez Feijóo. As empresas do sector seguen a incrementar en cada exercicio unha facturación que supón centos de millóns de euros, máis dun terzo procedentes das arcas galegas. Nos últimos dez anos, a partida dos orzamentos galegos para Sanidade foise reducindo ata acumular, a pesar da suba neste ano electoral, unha perda de máis de mil millóns de euros. Porén, nese período a Xunta incrementou en máis dun 40 por cento os cartos destinados a concertos coa privada. A radiografía non é difícil de avaliar: se hai menos cartos pero cada vez as firmas privadas recibiron máis, a que perdeu investimento foi a sanidade pública.

Un dos ámbitos onde se recortou foi en persoal. Amortizáronse miles de postos de traballo a costa de non cubrir os ocos deixados polas xubilacións, e cada vez hai máis profesionais que acumulan ducias de contratos no mesmo ano. A consecuencia é que as ratios son moi superiores ao que recomenda a Organización Mundial da Saúde: cada consulta acumula máis doentes dos que é posíbel atender. Iso tradúcese en menos minutos de atención para quen acude ao centro de saúde, e en longas listas de garda cando o que se precisa é unha especialidade. O último informe do Defensor do Paciente reflicte que hai consultas con 40 persoas ao día e cada vez máis cartillas que non son asignadas a profesionais en concreto. As indignas condicións laborais provocaron a fuxida de profesionais e aí está o cerne, por exemplo, da total carencia de pediatras.

A atención primaria é o motor de arranque da maquinaria e, se non vai ben, abócaa ao desastre. Por iso a OMS recomenda que se lle destinen un de cada catro euros da partida de Sanidade. En Galiza apenas son un de cada oito. En lugar de centrarnos na prevención e detección precoz das doenzas, dáselle prioridade ao tratamento e á curación. Unha práctica que ademais de pouco rendible é inhumana: É mellor coller o mal a tempo que someter ao paciente a tratamentos para intentar paliar o que xa está en estado avanzado.

O problema é que non é a prevención, senón que son os tratamentos os que dan os cartos. Nos últimos anos multiplicáronse os contratos con multinacionais en alta tecnoloxía, laboratorios e ata xestión de citas. Saben a que se dedica agora Rocío Mosquera, ex conselleira de Sanidade? É a xerente de Galaria, a empresa que xestiona, entre outras cousas, o servizo de oncoloxía e radioloxía na área sanitaria viguesa.

A estas alturas da avaliación clínica, a diagnose xa non ten misterio: para este goberno a saúde non é un servizo senón un negocio co que privilexiar a uns cantos. E o seu problema é que, nese negocio, o que non acaba de dar cartos é o dos partos. As nais prefiren parir na pública e ningunha clínica privada logra superar os 200 nacementos por ano. Igual viña ben que tivesen problemas para facelo ao lado da casa… Sóalles de algo?

A sanidade pública agoniza e a única medida que toma a Xunta é impedir a colocación de carteis denunciándoo en centros de saúde e hospitais, non vaia a ser que os poñamos a parir. Diso sabe moito Verín, e a súa loita ensinounos algo: só se lles plantamos cara, só se nos mobilizamos e, sobre todo, só se non lles votamos, poderemos mellorar a Sanidade. Vainos a saúde niso.

Primer comentario

Deixa a túa opinión