O Baixo Miño en pé, en defensa da sanidade pública

A Garda Sanidade Pública A Nova Peneira

O pasado 9 de febreiro milleiros de persoas, convocadas pola plataforma SOS SANIDADE PÚBLICA e co apoio das deputacións de Coruña, Lugo e Pontevedra, manifestábanse en Compostela en defensa da sanidade pública galega. A indignación ante a pésima xestión do goberno do PP dun dos piares básicos do funcionamento de calquera sociedade era patente nas rúas da capital do noso país, alén da firmeza na exixencia de políticas diferentes ao desmantelamento xeneralizado e precariedade laboral que practica a Xunta de Galicia. Na comarca do Baixo Miño existe unha plataforma que desenvolve distintos actos reivindicativos en defensa da sanidade da súa comarca entre os que destacan concentracións , cada xoves, diante do PAC de A Guarda. A nova Peneira estivo nunha delas, o xoves seis de febreiro con eles, e a verdade a asistencia de xente foi verdadeiramente impresionante. Alí conversamos co voceiro da asociación, velaí vai o que deu de si a nosa charla

SERAFÍN FERNÁNDEZ PORTELA, VOCEIRO DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DE A GUARDA

ESTA PLATAFORMA É TOTAL E ABSOLUTAMENTE PLURAL E ESTÁ ABERTA A CALQUERA PERSOA QUE QUEIRA COLABORAR”

Cando naceu a plataforma?

Hai moi pouco tempo, aproximadamente temos dous meses de vida

Cales foron as motivacións que vos impulsaron a creala?

Ben, todo comezou cando distintas persoas da comarca coincidimos en valorar o estado enormemente deficiente do sistema sanitario público, e a necesidade de agruparnos para que a sociedade civil exprese de maneira organizada o seu malestar ante esta situación, alén de exixirmos solucións de contado, pois cun dereito básico como a saúde ninguén ten dereito a xogar.

Todos os xoves tedes concentración no PAC de A Guarda, verdade?

Efectivamente, en concreto a situación deste punto de atención do noso pobo, tan importante para a comarca do Baixo Miño, é moi mala. Non se substitúen os médicos cando é necesario, nas urxencias só hai dupla equipa médica as fins de semana, e para iso despois de múltiples presións, ás veces o equipo médico ten que saír a atender unha urxencia ou a acompañar a un paciente a Vigo e o PAC queda sen nada. As esperas son ás veces inmensas, e ante a escaseza de medios , en ocasións, non queda máis remedio que derivar a pacientes ao Cunqueiro, por outra parte para unha simple radiografía temos que desprazarnos 30 kmts para ir a Tui. En definitiva, as deficiencias son moitas e moi graves.

Saniade Pública A Guarda

Este PAC é o único centro de atención de todo o Concello?

Si, e non só iso , tamén se ocupa das urxencias da veciñanza de Oia e do Rosal. É dicir, atende a arredor de 20.000 persoas.

Vexo que na concentración está tamén o alcalde Antonio Lomba. Ti pensas que a administración municipal fai todo o que pode na defensa do PAC?

Eu creo que non. Eu entendo que debía petar máis e mellor na Xunta para esixir medios adecuados para o PAC do noso pobo.

En canto ás concentracións que tedes os xoves, non sei se serán todas como esta?, pero estou abraiado do éxito de convocatoria, non esperaba este volume de xente nin por asomo

Si, soe vir moita xente. A demanda por unha sanidade pública digna é común a toda a sociedade da comarca. E a veciñanza está moi concienciada en que este é un dereito universal básico en calquera sociedade civilizada, e imos dar a batalla ata o final

A plataforma da que ti es voceiro é plural, ou ten unha orientación ideolóxica determinada?

Total e absolutamente plural e sen ningún tipo de adscrición ideolóxica. Estamos abertos a calquera persoas que queira participar. É máis , estariamos encantados de contar co apoio de canta máis xente, e máis diversa, mellor. Só hai un requisito, querer unha sanidade digna para todas e todos.

E a vosa vontade en canto ao futuro?

Seguir dando a batalla sempre, permanentemente, ata que a situación mude. No Baixo Miño sómosche moi teimudos, e as persoas que formamos parte desta plataforma non facemos máis que recoller unha demanda xeral da nosa comarca, que é que merecemos ter unha atención sanitaria digna e decente e imos continuar pelexando ata que sexa así.