O Concello de Bueu continúa coa programación dun Entroido de tradición e modernidade

Entroido de Bueu A Nova Peneira
É o momento! construírmos o futuro Galicia en común Podemos
  • A homenaxe deste ano será para Agustín Gutiérrez, quen destacou sempre polo impacto e a orixinalidade dos seus disfraces
  • As actividades desenvolveranse do 21 de febreiro ao 1 de marzo, e terán como eixos fundamentais os disfraces, as comparsas e o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro

Bueu, 7 de febreiro de 2020

O Entroido de Bueu medra cada vez máis, sobre todo desde hai tres anos, cando a concelleira de turismo e promoción económica, Silvia Carballo, decidiu apostar forte pola revitalización deste evento que “combina tradición e modernidade”. A edil nacionalista salientou este venres na rolda de prensa celebrada na Casa Consistorial que, como xa vén sendo habitual, “os colectivos, asociacións, anpas e comparsas da vila terán un protagonismo especial toda vez que ao longo do ano forman parte do Comité do Entroido, no que participan coas súas achegas e suxestións”.

A concelleira destaca que o Entroido de Bueu “pendura sobre tres eixos fundamentais: os disfraces, exemplificados no pasado na Sala Paraíso, as comparsas e o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro”. Carballo lembra que “hai tres anos comezamos a darlle un pulo ao noso Entroido, e volvemos ilusionar á veciñanza de todas as idades”.

O Entroido deste ano dedicarase a Agustín Gutiérrez, unha persoa memorable para toda a cidadanía bueuesa, e que desde os 14 anos comezou a crear disfraces orixinais e impactantes, que ían máis alá da vestimenta e que reivindicaban a tradición dun pobo, en palabras de Félix Juncal, alcalde de Bueu. Precisamente, o Concello vai organizar unha exposición no Estaleiro da Banda do Río e na Sala Amalia Domínguez Búa, na que se mostrarán fotografías do propio arquivo do homenaxeado entre o 21 de febreiro e o 1 de marzo. O acto central terá lugar o 29 de febreiro ás 17.00 h, no que se prevé unha actuación das comparsas e a entrega dun agasallo institucional. Sobre esta homenaxe, decidida polo Comité de Entroido de xeito unánime, Agustín Gutiérrez mostrou a súa ledicia, e declarou que “é unha honra que contásedes comigo”.

Os máis pequenos e pequenas poderán gozar dunha programación ampla. O 21 de marzo, coincidindo co inicio, terá lugar unha festa decoración da carpa da Praza Massó. Dende o 24 ata o 26 de febreiro están programados pola mañá uns obradoiros infantís dirixidos a nenas e nenos de 4 a 12 anos na carpa, o Desfile Infantil do Enterriño da Sardiña, que sairá ese mércores ás cinco da tarde, e a festa infantil de disfraces do 29 pola tardiña.

Para as persoas maiores, o Club de Xubilados e Pensionistas Vila de Bueu propón diversas actividades. Tal é o caso do concurso gastronómico de Entroido, que terá lugar o 22 ás 17.00 h; o baile de entroido, o 23 ás sete da tarde coa actuación do grupo Amistad; e o 1 de marzo, baile de vascalleiros, co grupo Sintonía.

Outros eventos moi agardados, e xa afianzados no calendario, serán a VI Filloada de Meiro, que organiza a Asociación Veciñal A Morada no recinto da Morada a partir das catro da tarde, seguida da actuación das comparsas bueuesas Vou nun bou, As Faltriqueiras, Os do Pinsel, Os Kantaclaro e Tintafemia. Tamén destacan os festivais de comparsas organizados polo Bueu Atlético Balonmán, tanto na Casa do Pobo de Beluso como no Centro Social do Mar; e o III Concurso de Filloas de Vascalleiros da Asociación Veciñal da Banda do Río; aos que este ano se suma a Asociación Costumes de Cela, que porá en marcha o primeiro festival de comparsas na parroquia de Cela. Segundo destacou Noelia Fariña, representante da directiva, declarou que “nesta parroquia xa se perdera o Entroido e por iso queremos revitalizalo este ano”.

O domingo 1 de marzo celebrarase o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, co que se pechará a programación. A saída será ás cinco e incluirá a queima do paxaro, a entrega de premios na Praza Massó e a posterior actuación do grupo vigués Broken Peach, que proporán un espectáculo de fusión musical, a través da adaptación de versións cun toque persoal e cunha estética tan elegante como extravagante. Precisamente, esta combinación e o eclecticismo musical con temas que van desde o soul ata o rock, pasando polo gospel e o pop, fai da actuación un evento do que poderán gozar pequen@s e maiores.

Na rolda de prensa estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de turismo, Agustín Gutiérrez, homenaxeado no Entroido de Bueu 2020, Carmen Santos, da Asociación Veciñal da Banda do Río, Noelia Fariña, da Asociación Costumes de Cela, José Cabanelas, do Club de Xubilados e Pensionistas Vila de Bueu, e Belén Veiga, da Anpa Alborada do CPR Virxe Milagrosa.

Aberto o prazo para os premios do Entroido

Por outra banda, o Concello de Bueu mantén aberto o prazo de inscrición nos premios de Entroido ata o 20 de febreiro, nos que se repartirán ata 6.000 euros. Ao igual que na pasada edición, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar. Concretamente, destinaranse 300 euros ás comparsas de Bueu que formen parte dos actos programados ao longo de todo o Entroido, 150 euros para as agrupacións de Bueu que participen no desfile do Enterriño da Sardiña e teñan máis de quince compoñentes, e 120 euros para aquelas que participen no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e estean compostas por máis de quince persoas.

A maiores, estableceranse os seguintes premios para os participantes no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro: premios ás comparsas de Bueu (150 euros para o 1º e 100 euros para o 2º, 75 euros, para o 3º, e 50 euros, para o 4º), premios ás agrupacións de máis de 15 compoñentes (1º dotado con 250 euros, o 2º con 175 euros, e o 3º con 100 euros), premios ás agrupacións de entre tres e quince compoñentes (100 euros o 1º premio, e 80 euros o 2º), premios ás parellas (100 euros o 1º premio, e 80 euros o 2º), e premios individuais ( 80 euros o 1º e 50 euros o 2º).

Primer comentario

Deixa a túa opinión