Sobre o amor, as relacións de parella e os asasinatos de mulleres

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Escribo este artigo horrorizado, no que semellaba ía ser unha plácida mañá de domingo, ante a nova de dous novos asasinatos de mulleres no estado español, supostamente a mans de homes cos que tiveran unha relación de parella. E venme á memoria unha longa conversa virtual que recentemente tiven cunha prezada e teimosa amiga do Baixo Miño, na que me dicía algo parecido a que o amor non podía ser para toda a vida, xa que todo comeza e todo remata e que, entre outras moitas cousas, desta concepción do amor romántico xurdían os feminicidios. Unha visión aínda máis pesimista ao respecto era a que manifestaba Quevedo en aquel inmortal poema no que definía ao amor en base a parellas de contrarios cando dicía que amor é “ amar solamente ser amado”. Este verso sempre me pareceu inmensamente escuro, como o máis inmenso dos buracos negros que puidesen existir no universo, pois de corresponderse coa realidade sería terrible, e indicaría que os seres humanos non amamos, senón que utilizamos ás nosas parellas para satisfacer necesidades propias, xa sexan emocionais, xa sexuais, xa económicas xa de calquera tipo. En calquera caso no que vai deste ano, e ata o momento de escribir este texto, nove mulleres foron asasinadas, no estado español, polas súas parellas ou ex parellas, nunha manifestación constante e continúa, como as pingas da eterna chuvia do inverno gris que non cesa, dese monstruoso fenómeno que é a arquitectura patriarcal das relacións persoais. Ao longo das nosas vidas podemos ter distintas relacións de parella construídas de formas moi diversas pero só hai, ao meu xuízo, unha maneira de que estas sexan sas, duren un instante da vida ou duren toda unha vida ,e consiste en concibir e practicar que o amor nunca pode ser un un, o amor debe ser un dous; dúas persoas libres e iguais que deciden camiñar xuntas, e que se en verdade se queren deben respectar escrupulosamente a individualidade da outra, dar só cando apetece libremente dar, esperar só cando a outra persoa quere libremente dar, e acompañar sen exixir, porque no caso contrario non se trataría de amor, trataríase da utilización dunha persoa para que satisfaga as nosas propias necesidades. E si, a miña amiga do Baixo Miño, ten razón, ou polo menos eu concordo con ela, as construcións do amor romántico que ensinan xa ás nenas a agardar polo príncipe azul e aos nenos a competir por ver quen é o máis macho de todos os machos para poder impresionar ás femias son unha manifestación máis do patriarcado e como tales teñen boa parte de responsabilidade nas múltiples manifestacións de micro machismos, abusos, violacións, e nos milleiros de asasinatos machistas que cada ano se producen en todas as partes do mundo. O machismo é a superioridade dun xénero sobre outro, é agresivo e ofensivo, mentres que o feminismo é a defensa da igualdade entre os dous xéneros que formamos a humanidade, é un movemento defensivo e só coa pedagoxía feminista, só coa defensa continua e constante da igualdade, só facendo fronte de maneira explícita aos trogloditas que din que a violencia non ten xénero, poderemos construír unha sociedade na que os espantosos asasinatos machistas, algún día, non sexan máis ca un negro recordo.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*