Declaración de NIDIA ARÉVALO como PERSOA NON GRATA na Comunidade de Tameiga

Montes de Tameiga Nidia Arévalo A Nova Peneira

Comunicados da Comunidade de Montes de Tameiga e Asociación veciñal A Portela de Tameiga no que declaran a dona Nidia Arévalo PERSOA NON GRATA na Comunidade de Tameiga:

“A finais de 2018 Nidia Arévalo, alcaldesa do Concello de Mos, presentou nun acto público como un feito consumado a operación urbanística mediante a cal se construirían nos montes de Pereiras e Tameiga, unha cidade deportiva e un centro comercial e de ocio. Claro que naquela idílica exposición do proxecto, Nídia Arévalo agochou non só a enorme dimensión da operación especulativa, 1 millón de metros cuadrados, senon tamén que o proxecto non contaba coa aprobación da entidade propietaria da meirande parte dos terreos, a Comunidade de montes de Tameiga, nin das comunidades de usuarios de augas afectadas (Casal-Tameiga, Monte Baxiña, Petelos-Tameiga e Sanguiñeda, particulares, etc.), ás cales nin sequera tiveron a cortesía de informar previamente.

 No transcurso dos dous anos que nos separan daquel acto, foi medrando a oposición veciñal ao proxecto conforme a veciñanza de Tameiga e do resto de Mos ían coñecendo a realidade do proxecto máis aló da faciana sesgada presentada polos promotores. Pese a opacidade informativa do goberno municipal presidido por Nidia Arévalo e a súa constante malintencionada manipulación da escasa documentación disponible, as catro comunidades de usuarios de auga veciñais afectadas, resolven por votación nas súas respectivas asembleas rexeitar o proxecto urbanístico e facultar ás súas directivas a adoptar todas as medidas oportunas para opoñerse a dito proxecto. Resolveron ademais con rotundidade, cunha alta participación da veciñanza comuneira, e sumando o rexeitamento ao proxecto máis do noventa por cento en case todas as votacións.

 Non foi menor a rotundidade no rexeitamento da asemblea da Comunidade de Montes de Tameiga, quen cunha participación sen precedentes dixo non a enaxenar o seu monte. O resultado deste exercicio democrático non tivo como consecuencia que o goberno municipal de Nidia Arévalo recapacitara sobre a idoneidade da súa operación urbanística, lonxe diso puxeron a funcionar “avante toda”, a súa maquinaria de dividir e enfrentar á veciñanza. 

Dende aquela até hoxe son innumerables as súas ofensas, intromisións e insultos aos membros das directivas das catro comunidades de usuarios de traídas de auga afectadas, da directiva da Comunidade de Montes de Tameiga e a calquera veciño ou veciña que alzara a voz contra o seu despropósito. Un ataque sen límites éticos nin morais, chegando nos momentos máis álxidos da súa máquina de fango a acusar públicamente e ante a xustiza a máis de vinte membros e directivos das distintas Comunidades, de delitos tan graves como estafa, suplantación de identidade ou de desordenes públicos e altercados violentos polo mero feito de querer entrar nun local público. 

Unha campaña electoral na que a propia Nidia Arévalo asaltou casa por casa na parroquia de Tameiga prometendo que nunca expropiaría o monte comunal e que nunca levaría adiante o seu proxecto sen o consenso da Comunidade. Unha vez acadou os votos para manterse no sillón mudou o consenso polo “eu mando e ordeno” e a palabra expropiación reproduciuse coma un virus por todo o documento da Modificación Puntual do PXOM que argallaron para darlle encaixe a súa operación especulativa. A sarta de enganos e artimañas chega ao seu culmen cando agora pretende presentar as eleccións municipais como un plebiscito sobre o pelotazo urbanístico. 

Pero non todos os enganos saen gratis, algúns poden ter a súa tasación na Fiscalía. O desprezo desta gobernante municipal a calquera que non lle rinda pleitesia quedou patente polas súas exabruptas declaracións ante a marea de alegacións da veciñanza, comunidades afectadas, asociacións ecoloxistas e as centrais sindicais do país e organismos públicos que impugnaron socialmente de facto o seu delirante proxecto chamandolo polo seu nome: pelotazo urbanístico, un despropósito medioambiental, económico é social.

Polo tanto, e por todo o sinalado anteriormente, a Comunidade de Montes de Tameiga e Asociación veciñal A Portela de Tameiga declaran unanimemente a dona Nidia Arévalo PERSOA NON GRATA na Comunidade de Tameiga. “