Concentración de coches clásicos, populares e deportivos en Zamáns

Concentración coches Zamáns Concello de Vigo A Nova Peneira

O vindeiro mes de marzo, a Comisión de Festas da Virxe Dos Aflixidos de Zamáns 2019/2020 e en colaboración coa Escudería Rías Baixas, AM Sports, JVX, Clásicos Fiolledo e como patrocinadores F. Cocinas e Vila Rodríguez S.L. van organizar a primeira edición da concentración de coches clásicos na parroquia, xa que nunca ata agora esta comisión celebrara un evento deste tipo, A Nova Peneira conversa con Rosana, colaboradora da comisión de festas e unha das organizadoras desta “Concentración de Coches Clásicos”.

Concentración coches Zamáns Concello de Vigo A Nova Peneira

Rosana, Fálanos un pouco da festa da Virxe dos Aflixidos de Zamáns e da comisión de festas.

Esta festa é de carácter lúdica e relixiosa e celébrase sempre a primeira fin de semana de setembro, desde hai uns anos son catro días de festexos; venres, sábado, domingo e luns.

Os membros da comisión de festas traballan arreo todo o ano para poder sufragar os gastos deste catro festeiros días, este ano son 12 persoas os membros da mesma, e a maiores desta nova concentración de coches tamén organizan diferentes eventos como rutas cabalares, xincanas de coches, e mesmo un bingo social que se fai os venres no bar da comisión.

Agora fálanos desta primeira edición de Concentración de Coches Clásicos, Populares e deportivos.

O domingo 29 de marzo, ás 10:00h, imos tomar un punto de partida, que vai ser o Parque Forestal de Zamáns. Todos os participantes van ter un almorzo gratis e despois faremos unha ruta. Sairemos por Zamáns, Beade, Bembrive, Monte Alba, Freixo e Matamá, é dicir, un percorrido polas parroquias de Vigo lindeiras con Zamáns. Posiblemente faremos unha visitas aos muíños de Zamáns, percorrido que se fará a pé, consideramos que esta é unha maneira saudade de visitar unha zona de Zamáns, bonita e restaurada que non teñen todas as parroquias de Vigo e hai que aproveitalo. Logo volveremos ao Parque Forestal de Zamáns para facer unha exposición de coches e contaremos cunha charla entre os propietarios dos vehículos, afeccionados a esta modalidade. Ao mediodía faremos un xantar cunha churrascada e logo desta faremos unha entrega de premios nas modalidades de coche máis antigo, ao máis coidado, ao que leve o disfrace máis orixinal e sortearemos tamén algún agasallo entre os participantes.

Ao ser a Primeira Edición, tedes xa unha asistencia prevista?, cales son as vosas expectativas de participantes?

Aínda é bastante cedo para ter inscritos, normalmente a xente soe facelo uns quince días antes. Si que temos confirmacións verbais, pero inscritos de momento aínda non. Notamos que vai ter unha boa aceptación entre os amantes deste tipo de concentracións.

Sobre a asistencia, o noso obxectivo son 80 coches participantes.

E que estades a facer para que teña a máxima divulgación posible?

Xa temos postos cartaces, estamos nas redes sociais, en grupos de wasp e pretendemos promocionalo en prensa tamén para que teña a máxima asistencia, pois vai ser algo novo nesta parroquia, pero coido que vai gustar e que poderemos repetilo máis anos.

Que hai que facer para inscribirse?

A reserva pode facerse ata o 26 de marzo e temos diferentes prezos:

18€ por adulto no que se inclúe almorzo, ruta e comida. Os nenos menores de 14 anos pagan 12€. Tamén se pode asistir só ao almorzo e á ruta, isto serían 7€ para dúas persoas. O número de conta para pagar a inscrición é ES34-2080-5082-363040014886 e os teléfonos de contacto 629 238 822 e 629 505 958.

Moitas grazas Rosana.

Seguro que conseguides os vosos obxectivos e animamos aos afeccionados aos coche clásicos a pasarse por Zamáns o vindeiro 29 de marzo. Está é a parroquia máis pequena de Vigo, pero cun contorno natural máis que envexable e ben seguro que aos que se animen van volver querer repetir esta experiencia.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*