Berto Gonçalvez, Secretario Comarcal da CIG Vigo

Beto Gonçalvez CIG Vigo A Nova Peneira

A piques de celebrarse o 8 e o 10 de marzo. A Nova Peneira conversa con Berto Gonçalvez, SC da Cig Vigo, para que nos fale da acción sindical que vai desenrolar o sindicato no Día Internacional da Muller e da Clase Obreira Galega, nunha era de precariedade laboral sen precedentes por mor dunha Reforma Laboral lesiva e destrutiva para a clase obreira.

Quérennos ver en situación de precariedade, desesperados e illados, porque o capital sabe que a nosa principal fortaleza é actuar unidos e organizados”

Estamos moi preto de dúas datas salientables para o corpus militante da CIG , o 8 e o 10 de marzo, que vai facer a central sindical en relación a cada unha delas?

Para nós o 8 e o 10 de marzo son datas significativas, que debemos celebrar desde a mobilización e nunca de maneira ritual. Este 8M temos que seguir a empurrar desde unha perspectiva de clase a gran onda de feminismo que inundou Vigo e Galiza nos últimos anos con manifestacións masivas. Farémolo evidenciando como a violencia patriarcal desenvólvese tamén no ámbito laboral, onde as mulleres continúan a padecer peores condicións polo feito de selo. Este ano especialmente poñendo o foco no traballo invisibilizado dos coidados, que o sistema carga fundamentalmente no lombo das mulleres sen ningún tipo de remuneración a pesar de ser imprescindibles para o funcionamento do actual modo de produción capitalista.

O 10 de marzo a CIG imos volver facer un chamamento a exercer a nosa dignidade como clase obreira galega nas rúas. Farémolo para esixir a derrogación completa e inmediata das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, como primeiro paso para recuperar os dereitos que nos roubaron baixo a coartada da crise. Cunha idea clara: que non renunciamos ao noso dereito a vivir con dignidade dun traballo na propia terra.

Como valoras as condicións xerais do emprego na comarca de Vigo?

A nosa comarca atravesa unha situación de emerxencia laboral, social e produtiva. Con máis de 40 mil persoas desempregadas, con millares de mozas e mozos expulsados á emigración forzosa e coa xeneralización da precariedade laboral.

Consideras que os modelos de precariedade ultra liberais e de traballo lixo, que defenden os proxectos políticos da dereita española, estanse espallando aos poucos na conciencia colectiva, como se fose algo contra o que nada se pode facer?

A precariedade procura en primeiro lugar aumentar, aínda máis, o nivel de explotación da clase traballadora. Queren facernos traballar e producir máis, por cada vez menos. Mais tamén é evidente que a falta de estabilidade, a enorme rotación que se da nas empresas, e a fragmentación do propio mundo do traballo a través de mecanismos perversos como a subcontratación, o que procuraron foi tamén dificultar a toma de conciencia de clase dos traballadores e das traballadoras. Quérennos ver en situación de precariedade, desesperados e illados, porque o capital sabe que a nosa principal fortaleza é actuar unidos e organizados. Mais o que non podemos aceptar é a resignación, porque nos conducirá á derrota definitiva. Claro que hai alternativa! O que temos é que empurrala desde abaixo, disputala, plantándolle cara. Se baixamos os brazos e aceptamos mansamente a precariedade o único que se logrará será multiplicala, e con ela a pobreza e o empobrecemento. Temos que revolvernos.

Como valoras a situación industrial do país en xeral, e da comarca de Vigo en particular?

No caso da nosa comarca é especialmente preocupante a situación da construción naval. Vulcano parece que empurrado á súa desaparición. Barreras nun momento crítico e sen garantía ningunha de futuro. E a industria auxiliar asfixiada polas débedas dos estaleiros e pola falla de carga de traballo. Engádese tamén a conxuntura complexa que enfronta en xeral o sector da automoción, onde ten medrado moito a precariedade, onde diante a permanente ameaza de deslocalización e onde na nosa opinión non se están a encarar os retos de futuro dun sector que enfronta un cambio de etapa en termos globais.

O que si temos claro é que a inacción deliberada da Xunta do PP en política industrial está a ser un verdadeiro acelerante deste lume que ameaza con desertizar definitivamente unha parte moi importante da base produtiva desta comarca. Para Feijoo e o PP a única industria que ten que desenvolver Galiza é o Camiño de Santiago. Esa visión condúcenos ao abismo, e por iso urxe unha mudanza radical das políticas a nivel galego.

O representante da CIG xa pode ir ás xuntanzas do porto?, explícanos este suceso?

O que sufrimos durante varios meses, despois de que a CIG se convertera na primeira forza sindical na Autoridade Portuaria, foi o veto antidemocrático e ilegal do presidente do porto, Enrique López Veiga, que cunha actitude impresentable intentou impedir que a CIG ocupase o posto que lle corresponde no Consello de Administración. Certo é que a actitude de CCOO nesta cuestión é moi difícil de xustificar, porque acabou por colaborar cun veto que é claramente ideolóxico. López Veiga non nos quería con voz e voto no Consello porque a CIG non imos asentir con obediencia. Agora a Xunta corrixiu esta situación, ás portas dun xuízo que sabían que ían perder, todo hai que dicilo, e polo tanto nós como sindicato máis representativo, tanto da propia Autoridade Portuaria como do conxunto do sector, imos estar presentes. Faremos uso dese espazo para plantarlle cara aos abusos laborais de López Veiga e á súa visión irracional do funcionamento e o desenvolvemento do porto.

-Vulcano é recuperable, ao teu xuízo, ou está irremediablemente morto?

Vulcano pode e debe ter futuro. Nós non aceptamos a súa desaparición como un escenario inevitable. Trátase dun estaleiro centenario que ten unha acreditadísima traxectoria no sector e que reúne todas as condicións para poder producir. O que demostrou a situación creada en Vulcano, e que dalgunha maneira a crise en Barreras volveu confirmar, é que non podemos deixar a continuidade dun sector estratéxico para Vigo, para a súa comarca e para o conxunto de Galiza, aos xogos en corto do capital privado. A única maneira de apuntalar o sector e darlle seguridade é a través da intervención pública directa. Se o capital privado é incapaz de poñer en marcha as enormes potencialidades que ten Vulcano por que non o facemos desde o público?

A situación de Barreras é delirante, cales son, segundo o criterio da CIG, as causas?, cales as posibles solucións? E existe perigo real de que unha das empresas máis significativas de todo o país galego remate desaparecendo?

A situación actual está atravesada por numerosos factores. Claramente a crise desatouse por unha disputa intestina entre o accionariado privado do estaleiro a rebufo do fíasco da operación Pemex. Mais ten tamén moito que ver cunha xestión difícil de defender por parte da anterior dirección. O momento continúa a ser crítico, porque se ben parece que se evitou o concurso está literalmente no aire a carga de traballo, e polo tanto non hai garantías de futuro nin para o estaleiro, nin para a industria auxiliar.

Neste caso ao igual que no de Vulcano entendemos que para evitar saídas falsas a curto prazo, que non resolvan o fondo do problema e que non garanten a continuidade da actividade e do emprego, a solución pasa pola intervención pública. Non é unha fórmula aloucada. A Francia de Macron optou en 2017 por nacionalizar o estaleiro de Saint Nazaire para evitar o seu peche. O mesmo vén de facer Escocia, o pasado agosto, co estaleiro Ferguson en Port Glasgow. Cómpre lembrar, que no caso de Barreras este estaleiro foi público desde 1976 até 1997, cando o goberno español de Jose María Aznar decidiu malvendelo, dentro do paquete de privatizacións, por apenas 750 millóns de pesetas (4 millóns e medio de euros).

O fundamental é que non podemos permitir que Barreras e Vulcano desaparezan, porque suporía un golpe letal, e se cadra definitivo ao naval vigués. Desde logo, a CIG imos dar a batalla até o final.

Como está o asunto dos bombeiros de Vigo?

Pois continúa en marcha unha folga indefinida que non tiña precedentes na historia da cidade e o que se mantén inalterada é a nula resposta por parte do Goberno municipal de Vigo. Este conflito ten como motivación o feito de que a carencia de efectivos está non só a provocar unha evidente sobrecarga de traballo, levando aos bombeiros a situacións límite a nivel físico e mental, senón que compromete a seguridade das viguesas e dos vigueses. Con este cadro de persoal, o Concello de Vigo incumpre reiteradamente o mínimo de 20 efectivos en servizo.

Mais a pesar das protestas e dun conflito valente, o Goberno de Abel Caballero sigue instalado na xordeira e no autoritarismo. Van xa dous golpes xudiciais e seguen sen reaccionar. Primeiro declarando ilegal o decreto de permanencia, que obriga a realizar masivamente horas extra, e despois tombando o decreto de servizos mínimos co que intentaron quebrar a folga.

Nós xa llo advertimos con claridade. Se non se dan pasos claros para procurar unha saída negociada e dialogada, a CIG, como primeira forza sindical na cidade, imos poñer toda a nosa capacidade organizativa e mobilizadora en marcha para apoiar a xusta loita dos bombeiros. Caballero ten que escoller, ou diálogo e solucións, ou radicalización do conflito.

Povisa foi mercada hai moi pouco tempo por unha empresa que non ten bos antecedentes na xestión hospitalaria en Valencia. Cal é a posición da CIG?, teñen as e os traballadores motivos para estaren preocupadas e preocupados?

Nós defendemos con claridade que a operación especulativa de Ribera Salud era o momento para poñer fin á anomalía do concerto especial que o Sergas ten con Povisa, incorporando este hospital á rede pública. Era económica e legalmente factible. Falamos dun hospital que presta atención sanitaria a 90 mil usuarios e usuarias da área sanitaria de Vigo, e o actual modelo é un moi mal negocio para o Sergas, para a poboación e para os propios traballadores e traballadoras que padecen unha situación de precariedade que compromete a atención sanitaria. Claramente PP, e pola calada o PSOE, decidiron que Povisa siga a facer negocio coa nosa saúde.

No aspecto laboral, a posición determinante da CIG no Comité de Empresa é unha gran garantía de que calquera intención de precarizar, ainda máis, as condicións de traballo ou de destruír emprego, vai ter unha contestación firme e contundente. Estou seguro de que os novos propietarios son ben conscientes diso.

Despois de 10, anos o presidente da Xunta vai demandar a supresión da taxa de reposición da sanidade pública. Cal é a posición da CIG ao respecto?

Tarde piou Feixoo. E faino precisamente ás portas dunhas eleccións que anticipa para ver se logra manterse, in extremis, na presidencia da Xunta. O que é claro é que, tal e como denunciou a CIG desde un primeiro momento, para máis alá da brutal destrución de emprego que supón as taxas de reposición na sanidade, e noutras áreas da administración pública, detrás desta medida estaba tamén o afán de destruír os propios servizos públicos, poñéndoos nunha situación límite. Vémolo na sanidade, pero tamén no ensino e no conxunto da administración. É urxente botar abaixo esa política de recortes que só procuraba dinamitar os servizos públicos para facilitar a súa privatización.

-A CIG e UGT denuncian a ruptura da unidade acción sindical na defensa da universidade pública, por parte de CCOO, queremos coñecer as vosas razóns?

Constituíuse unha plataforma unitaria a nivel galego, con sindicatos e organizacións políticas, que nós entendemos que ten que ser o espazo no que articular unha resposta de conxunto en defensa da universidade pública precisamente nun momento no que parece claro que o Partido Popular quere propiciar a creación dunha universidade privada da man de Abanca. Nese sentido, houbo actuacións de CCOO que claramente non van na liña de coordinar actuacións e que parece que antepoñen protagonismos de parte á loita conxunta. Esperemos que rectifiquen.

E sigamos falando de mocidade. En xeral, as organizacións políticas sindicais e sociais teñen un grave problema xeracional, pois é moi difícil conseguir a implicación activa da xuventude. Non me refiro, claro está, aos que se toman isto como unha profesión, senón a quen asume o sindicalismo ou a política como consecuencia lóxica dun compromiso emocional co seu corpus teórico. Que está a facer a CIG para tratar de achegar mozos e mozas ao seu proxecto sindical?

Pois a mellor maneira de incorporar a mocidade creo que pasa por fortalecer o noso modelo sindical, combativo, asembleario e de contrapoder. Facer sindicalismo desde abaixo, desde os centros de traballo e as empresas, colocando as propias traballadoras e traballadores no centro e apostando pola vía do conflito. É para nós moi importante que a mocidade traballadora, que padece con especial crueza a precariedade, entenda que a solución aos seus problemas pasa por organizarse tamén a nivel sindical.

De afiliación como andamos? Subimos?, baixamos? Ou mantémonos?

Na comarca de Vigo continuamos a ser, de longo, a primeira forza sindical en afiliación. Se ben a crise supuxo unha baixada na afiliación por causa do desemprego e a emigración, nos últimos anos estabilizouse e comezamos a recuperar de maneira sostida afiliación. Imos seguir traballando arreo en sumar máis traballadoras e traballadores á CIG, na certeza de que o sindicalismo nacionalista e de clase somos o mellor instrumento para a defensa dos seus dereitos.

E de forza e implantación en relación con CCOO e UGT?

Os resultados do último período concentrado de eleccións sindicais que nos confirman, novamente, como primeira forza sindical en Vigo, e por vez primeira tamén non conxunto de Galiza, son un moi bo indicador do nivel de apoio que ten o noso modelo sindical. Temos que traducir esa simpatía en afiliación e militancia.

Sempre que falamos tanto con algún responsable da CIG como con algún da CUT facémoslle a mesma pregunta. Cando se vai solucionar a anomalía da existencia de dúas centrais sindicais idénticas na súa definición teórica?

Nós sempre defendemos a unidade de acción desde abaixo, na base, nas empresas e nos centros de traballo. É evidente que coa CUT podemos compartir algunhas importantes liñas de posición, mais na práctica a coincidencia xa non é tanta e hai comportamentos, por exemplo nesta comarca, que non están a contribuír a unha maior aproximación. En todo caso, nós temos claro con quen confrontamos, que é coa patronal e cos seus gobernos cómplice. Se a loita é o camiño, nese camiño poderemos encontrarnos.

Como é iso da Fronte sindical das nacións sen estado?

Diante do modelo sindical de concertación e de pacto que representan CCOO e UGT, é claro que a principal alternativa a nivel de Estado somos as organizacións sindicais do ámbito soberanista. A maioría sindical vasca, con ELA e LAB, a CIG en Galiza, a CSC en Cataluña e outras organizacións doutros territorios, non só compartimos no fundamental un modelo sindical de combate, senón que coincidimos en sinalar o efecto letal que o modelo centralista do Estado español, deseñado ao servizo do grande capital monopolista, ten para as nosas nacións e para os nosos pobos. Nese sentido, é importante seguir a tecer complicidades e a articular esforzos conxuntos.

Que tal foi a xuntanza do voso Secretario Xeral coa nova ministra de traballo? E que expectativas tedes de que alguén relacionada co mundo sindical como Yolanda Díaz sexa a responsable desa carteira?

O que lle demandou a CIG á nova ministra de Traballo é a derrogación completa das reformas laborais. Parece que ese non é o propósito de Yolanda Díaz que a pesar de que durante toda a campaña electoral prometeu facelo, agora di que “tecnicamente” non é posíbel e que o que van facer é limitarse a retirar os “aspectos máis lesivos”. Que Díaz sexa galega ou que tivese ligazón con CCOO non é garantía de nada. A cuestión é que vai facer como ministra e, polo momento, parece que decidiu limitarse a cambios cosméticos.

Rematamos Berto agradecéndoche a túa atención e con dúas cuestións:

En xaneiro do ano próximo teremos a IV edición da nosa gala bienal de entrega de premios, sabes que a túa asistencia é obrigatoria, non?

É sempre un pracer participar e alí estaremos. Hai que fortalecer medios que como A Nova Peneira danlle voz aos traballadores e as traballadoras e visibilizan os conflitos que outros ocultan.

Se na miña empresa se respecta escrupulosamente a legalidade laboral, e desenvolvo o meu traballo nunhas condicións suficientes de comodidade e dignidade, debo sindicalizarme? Por que? E por que a un sindicato nacionalista?

Infelizmente poucos traballadores neste País poderían verse reflectidos nesa situación que describe. Estamos vendo como os abusos patronais son cada vez máis frecuentes e máis duros. No en tanto, hai que entender que unha boa situación laboral nunha empresa non evita que poida torcerse. Vímolo nos primeiros anos da crise, onde empresas sen apenas conflitividade e cunhas condicións aceptables, acabaron explotando con ERES inxustos e outras medidas. O sindicato non é apenas un servizo de usar e tirar, é un instrumento que temos como clase. Fortalecelo supón fortalecer o conxunto da clase traballadora e é tamén un bo antídoto e barreira fronte a tentacións empresariais. Naquelas empresas onde a CIG é forte, as direccións mídense moito porque saben que non imos ter medos nin reparos en plantarlles cara. Sindicalizarse é, polo tanto, sempre necesario. Por que na CIG? Porque a nosa traxectoria acredita que non nos vendemos e que poñemos sempre por diante os intereses da clase traballadora.