Que defendemos as Anticapitalistas. Debates en torno a Podemos e o cogoberno

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xaquín Pastoriza de Anticapitalistas de Galicia
Xaquín Pastoriza de Anticapitalistas de Galicia

Estas semanas están a saír moitas novas sobre Anticapitalistas e a nosa marcha de Podemos. Nestas liñas quero explicar un pouco a cuestión máis alá das terxiversacións dos medios tradicionais que contribúen máis a xerar confusión que a clarificar, por iso agradezo a oportunidade que me ofrece un medio de comunicación alternativo como “A Nova Peneira” para tratar de dar luz. A miña organización, Anticapitalistas, está inmersa nun proceso asembleario para readaptarnos colectivamente de cara á nova etapa que se abre e apostar pola construción dunha forza que loite por cambiar o sistema de raíz.

Existen discrepancias desde hai tempo e témolas falado coas compañeiras de Podemos.

Non se trata só da entrada de Unidas Podemos nun cogoberno baixo a direción dun partido neoliberal coma o PSOE. O debate de fondo é: limitarnos a xestionar o sistema actual ou mudalo e cambialo radicalmente. Fica claro que este goberno é menos malo que calquera encabezado polas dereitas. Pero tamén é certo que non vai afrontar os cambios fundamentais que require un período histórico caracterizado por unha profunda desigualdade e pola crise ecosocial.

Contribuímos ao nacemento de Podemos hai 6 anos, como unha ferramenta política das clases populares para mudalo todo, para resistir xuntas a ofensiva do capital e empoderarnos colectivamente, vencellada sempre aos movementos e ao tecido social. Ë dicir, construír un partido movemento baseado nos círculos, aberto, horizontal e partcipativo. Lembro as primeiras xuntanzas cando lanzamos o círculo de Vigo, tumultuosas, participativas, onde todo o mundo quería falar, felices de construír conxuntamente un espazo de encontro das persoas críticas con este sistema. Vistalegre I marcou un novo rumbo, converteu Podemos nunha máquina de guerra electoral co obxectivo de chegar canto antes ao goberno sen tempo para construír organización por abaixo. E agora Podemos mudou ate subalternizarse ao PSOE e converterse nun partido de xestión, moi parecido aos partidos do sistema. E asistimos a todo este proceso adaptativo volcando a maior parte das nosas enerxías na construción de Podemos, pero dicindo ben as claras o que pensabamos.

A nosa aposta é non comprometernos coa xestión neoliberal; cando foi o debate de investidura de Pedro Sánchez defendemos acordos concretos para avanzar e evitar políticas de austeridade, pero sen compartir os retrocesos que imporá a Unión Europea(anúncianse 8.000 millóns en recortes este mesmo ano), construíndo un polo político e social antagonista ao réxime e aos poderes económicos.

É dicir, apostamos por acumular forzas a medio-longo prazo para convencer á xente de que a solución pasa por unha revolución democrática, onde a clase traballadora tome as rendas por encima dos políticos e recuperemos a riqueza da que se apropia unha minoría.

Por iso seguimos defendendo e loitando nas rúas por nacionalizar a banca e as eléctricas, por un marco laboral onde as traballadoras teñan a última palabra, por planificar a economía desde un punto de vista ecosocial, por que os pobos poidan decidir en liberdade.

Ese é o noso proxecto estratéxico. Tratamos de darlle forma organizada, como alternativa ao sistema. Agora urxe seguir loitando: no 8 de marzo para que haxa avances feministas, esixindo a derrogación das reformas laborais, a regulación dos alugueres, para pechar os CIES, prohibir os despedimentos en empresas con beneficios, parar os desafiuzamentos e romper co artigo 135 da Constitución. Sen presión popular organizada, non haberá avances. Sen organización política rupturista, non haberá cambio de sistema, temos que organizarnos, non conformarnos “co que hai”.

O 28 de marzo celebraremos unha conferencia política para decidir a nosa relación con Podemos. En Galiza xa decidimos desvencelllarnos das responsabilidades e dos espazos orgánicos de Podemos. Temos proxectos estratéxicos diferentes pero estamos seguras de que nos seguiremos atopando coas compañeiras de Podemos en moitos espazos onde se loita contra as políticas neoliberais. Marcharemos separadas pero golpearemos xuntas.

Primer comentario

Deixa a túa opinión