XX anos Sen Suso. O Concello de Pontecaldelas homenaxea a Suso Vaamonde

Suso Vaamonde A Nova Peneira

O pasado domingo 16 de febreiro fixo vinte anos da morte dunha das persoas máis representativas da música do noso país. Día no que se celebrou un acto na súa memoria no seu pobo natal, o barrio de Regodobargo, cita a que non faltaron amigos da cultura, da política e da música do noso país e acto que foi presentado polo actor Antonio Durán “Morris”.

Suso Vaamonde naceu un 20 de decembro de 1950 en Regodobargo, na parroquia A Insua do concello de Pontecaldelas. Suso era cantautor e xa compoñía desde os dezaseis anos. Comezou a darse a coñecer na antiga Asociación Cultural de Vigo, desta forma, entrou desde mozo en contacto coa movida roqueira en Vigo, o que o levou a formar parte dos grupos musicais Os Copens e Marco Balorento, este último cara a 1966, e co que gañou o seu primeiro premio nun festival organizado por unha emisora de radio da cidade viguesa. No 68 xa era integrante comprometido de “Voces Ceibes”, e a principios da década de 1970, deixando un pouco de lado o seu labor de letrista para, acompañado da súa inseparable guitarra, puxo voz e música a moitos dos poemas do noso país.

Tanto aquí como na súa carreira en solitario, o seu traballo de cantautor virou sobre un triplo pensamento: defensa dun pobo, dunha terra e dunha lingua.Un defensor acérrimo de Galicia, do monte, do campo, dos labregos, da cultura e vida do noso país asolagado polas fames negras e as miserias da posguerra.

Así, en xuño de 1979, deu na praza da Ferreiría de Pontevedra un recital antinuclear. Alí arrincábase polo seu lendario Uah!: “Viva a Cruña, viva Lugo, Viva Ourense e Pontevedra, E que vaian prol carallo / vos ladrós dá nosa terra”. O público acompañáballe con palmas e cánticos, fascinado e deixándose levar polo fervor do directo, decidiu engadir unha estrofa dun cántico galego que nin sequera era seu, escoitábase con frecuencia en calquera romaría galega:

Cando me falan de España

sempre teño unha disputa

que se España é miña mai

eu son un fillo de ….”

Estas manifestacións foron consideradas “inxurias á Patria con publicidade” e foi condenado en novembro de 1980 a seis anos e un día de prisión converténdose no primeiro condenado da democracia unicamente polas letras dos seus temas. Suso Vaamonde optou por exiliarse, viaxando por Londres e Alemaña, establecéndose finalmente na capital venezolana, Caracas. Nestes catro anos fóra de Galicia recibiu apoios desde moitos países, pero especialmente de Portugal, a través de artistas que lle prestaron a súa solidariedade: Zeca Afonso, José Mário Branco, Fausto, Adriano Correia de Oliveira…, personalidades da canción coas que Vaamonde compartiu moitas veces escenario.

Suso, en 1984 decidiu volver e entregarse, esperando que o novo goberno socialista revisase as condenas derivadas de vellos rancores e inxustizas do réxime franquista. Despois de 46 días no cárcere de Ourense, o que lle levou a ser considerado o primeiro preso político da restablecida democracia española, un indulto liberouno definitivamente: é posible que niso influíse a propia petición de revisión de condena que Suso Vaamonde fixera ao entón presidente Felipe González. Con todo, foi o seu antigo compañeiro de Voces Ceibes, Xaime Barreiro Gil (Chuspe), quen maior presión fixo na súa condición de senador socialista. Unha vez indultado, ofreceu un recital no cárcere ourensán onde estivera recluído.

O 12 de novembro de 1999 recibiu unha homenaxe en Salvaterra de Miño, nun acto celebrado pola Sociedade Cultural e Recreativa do Condado, en agradecemento e recoñecemento ao seu labor e traxectoria.

Ese verán detectáraselle un cancro. Pouco despois deu o seu último recital, en honra ao seu amigo e entón alcalde de Moraña, José Eiras, que se xubilaba como mestre.

Á homenaxe asistiron unhas 3.000 persoas. Alí atopábanse unha gran cantidade de artistas galegos: A Quenlla, Muxicas, Bieito Romero (Luar na Lubre), Emilio Cao, Uxía Senlle, Tino Baz, Saraibas, As Cantareiras do Berbés, María Manuela, A Roda, Treixadura… O acto comezou ás 22 horas e ás 5 da madrugada aínda había artistas tocando. Aquel día Suso Vaamonde tamén quixo subir ao escenario e agradecer aquela celebración, pero non puido cantar xa e a «persoa máis representativa na historia da música do noso país», en palabras do poeta Manuel María, morreu o 16 de febreiro de 2000, na Clínica Fátima de Vigo vítima da súa enfermidade.

Suso Vaamonde A Nova Peneira

Polo 20 aniversario da súa morte, o concello de Pontecaldelas organizou o domingo 16 de febreiro un emotivo acto na súa honra dedicándolle a Casa do Pobo de Regodobargo a súa persoa.

Antes do acto conversamos con Aurora Garrido Peso, concelleira de Pontecaldelas e nativa de Regodobargo.

Aurora que significa a figura de Suso Vaamonde para os nativos desta zona?

Moito. El naceu aquí e a súa nai Araceli foi mestra en Regodobargo. Eu non cheguei a coñecelo persoalmente pero a súaminfluencia en Pontecaldelas en xeral e no noso barrio en particular é inmensa.

Supoño queagardas que saia un acto moi bonito en función da magnitude tan grande que tivo Suso?

Por suposto, é a verdade, que ben o merece.

Que vamos facer hoxe neste acto?

Agora mesmo imos baixar ao río cunha ofrenda floral, logo subimos arriba e comeza o acto, temos un pulpeiro para comer e ás catro da tarde é o descubrimento da placa, tamén vai haber uns gaiteiros, A Troula, Mero, Seitoxiños e moitas pandereteiras de Regodobargo. Vai a estar moi ben.

Parabéns ao concello porque unha figura tan grande como Suso merece un acto coma este.

Moitas grazas a vós.

O Alcalde de Pontecaldelas Andrés Díaz deu un conmovedor e respectuoso discurso deixando frases coma “Que ten Regodobargo que inculca o amor pola música, pola lingua e pola terra? Non coñecín persoalmente a Suso Vaamonde, pero coñezo a semente que deixou aquí, no lugar que o viu nacer e sei que se sentiría orgulloso da homenaxe que lle organizamos no seu Regodobargo natal, no seu lugar de inspiración, porque ven cargada de música e de cariño verdadeiro”. 

Tardou en chegar máis do que debería, pero hoxe, por fin podemos dicir que facemos xustiza con Suso Vaamonde. “Hoxe queremos que esta casa do pobo dos veciños de Regodobargo, leve o nome de Suso Vaamonde. Porque el levou o nome de Regodobargo e de Ponte Caldelas alá onde foi. Incluso á cadea, porque hai que lembrar que o compromiso de Suso con Galicia, coa súa terra, coa súa lingua levouno catro anos ao exilio e 46 días ao cárcere. Foi o primeiro preso político da democracia e posteriormente foi indultado.”

Suso Vaamonde A Nova Peneira

Fai catro anos comezamos a saldar unha débeda histórica con Suso, porque era de xustiza. Agora queremos que este lugar de encontro, onde sei que a música e a alegría  nunca faltan, leve o nome de Suso Vaamonde, porque queremos que remate o exilio que se lle propinou durante demasiados anos, porque chegou o momento dun novo ‘indulto’, que neste caso vén como un recoñecemento á súa persoa, ao seu compromiso, á súa voz, unha voz que sempre seguirá viva en Regodobargo e no seu concello de Ponte Caldelas”.

Como vedes un emotivo acto no que non me cabe máis que dicir que “Ata sempre Suso, as túas letras sempre están nos nosos pensamentos.”

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*