Galicia está moi preto do cambio político e ningún voto progresista pode quedar na casa o 5A

Galicia en Común A Nova Peneira

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, presentou hoxe unha coalición “impresincidible para o país e que foi a peor nova para Feijóo”

Martiño Noriega, número tres pola Coruña, subliñou a valentía e o compromiso que amosa esta alianza mentres Eva Solla fixo fincapé no traballo feito na defensa da sanidade pública desde o Parlamento galego

Audio: https://i.gal/ziQ6i

Santiago, 11 de marzo.- “Esta coalición é unha boa nova para a cidadanía progresista deste país e a peor nova para o Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo. Esta alianza proba que estamos a altura da responsabilidade histórica e que representamos o caudal político do cambio en Galicia que se ven manifestando nos distintos procesos electorais destes últimos meses. Somos imprescindibles para o cambio no país”.

O candidato de Galicia en Común-Anova-Mareas a Xunta de Galicia, Antón Gómez-Reino, facía esta reflexión hoxe a mañá na presentación da coalición que lidera para capitalizar o cambio político no país o vindeiro 5 de abril e descabalgar ao PP de Alberto Núñez Feijóo logo dun longo decenio negro. Facía acompañado de Eva Solla, cabeza de lista por Pontevedra, e de Martiño Noriega, número tres na Coruña.

“Adiar as elección autonómicas non pode ser unha cuestión de oportunidade política. Non é decisión de Feijóo, ten que ser cousa das autoridades sanitarias”, respostaba Gómez-Reino as preguntas dos medios nun almorzo informativo a primeira hora en Compostela.

“Desde Galicia en Común temos moi claro que o fundamental é garantir a saúde pública do conxunto da cidadanía galega i esa deber ser a preocupación máxima agora mesmo. Estamos en contacto permanente coas autoridades do Estado e da Xunta e ao dispor das autoridades sanitarias para colaborar en que o proceso electoral se desenvolva con todas as garantías”, insistiu o candidato a Xunta de Galicia.

“O tempo de Feijoo rematou. É evidente que o Goberno do Estado está a dar exemplo do tipo de medidas fundamentais que temos que facer a partir do 5A: suba do SMI, regular os alugueiros, evitar os desafuizamentos,… que marcan con claridade o camiño desde Galicia en Común-Anova-Mareas que temos que imprimir no próximo Goberno, plural e progresista, na Xunta de Galicia”, afirmou o candidato de Galicia en Común-Anova Mareas.

Martiño Noriega quixo salientar que “esta coalición atende á esixencia de continuar construíndo unha alternativa caracterizada pola súa valentía e polo seu compromiso co cambio no país, un cambio que non debe ser só de persoas, senón tamén de políticas”. “Este espazo é percibido como chave e garantía dese cambio, e a nosa diversidade no campo da esquerda é reflexo da propia sociedade galega”. Noriega incidiu na idea de que “a diversidade non é un problema para esta coalición, senón que é un potencial”.

“Somos conscientes de que se cometeron erros no pasado que non se poden repetir pero que non poden ocultar as conquistas do espazo, a súa valentía para disputarlle a hexemonía ao PP, con políticas diferentes polas que ás veces se nos fixo pagar un alto prezo, tamén no municipalismo”. “Todas esas patas son precisas para un cambio”, recalcou o número tres.

Pola súa banda, Eva Solla, manifestou a súa ledicia por integrar unha coalición que “por en valor o traballo que vimos realizando nas últimas lexislaturas no Parlamento de Galicia. “Cómpre destacar”, subliñou, “que o noso programa bebe deste traballo en cuestións como loitar contra a proliferación do xogo e das casas de apostas” e fixo fincapé en que “fomos o Grupo que máis iniciativas levamos en materia de sanidade pública, na defensa dos servizos públicos e na igualdade entre mulleres e homes, na defensa dos traballadores públicos e da CRTVG”.

Por último, cuestionados pola enquisas, desde a coalición amosaron a súa cautela e prudencia con respecto aos datos publicados pero sen ocultar que tanto os datos internos como os que xa foron feitos públicos amosan unha tendencia clara que apuntala ao cambio político na Xunta de Galicia para “transformar o país”.

“Estes días estamos a preguntarlle a cidadanía se alguén lembra algunha acción de Goberno de Feijóo nos últimos dez anos. O que atopamos é unha foto de Feijóo cun directivo de Pemex, detido e encarcelado por corrupción e outra cun narcotraficante recoñecido como Marcial Dorado”, rematou Gómez-Reino.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*