O informe definitivo do relator para as minorías da ONU recolle as vulneracións dos dereitos lingüísticos en Galiza

A Mesa pola Normalización Lingüística A Nova Peneira

A mobilización social consegue que o Relator Especial para as minorías do Alto comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, mencione por primeira vez Galiza, onde se reuniu con representantes da Mesa e da Xunta

Compostela, 11 de marzo de 2020

O informe definitivo sobre a situación das minorías no Estado español elaborado polo relator especial da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, recolle -por primeira vez- expresamente a vulneración dos dereitos lingüísticos en Galiza. O documento (ligazón) denuncia a incorrecta a aplicación da lexislación e das iniciativas a favor do galego, baseándose nos “coherentes” informes que lle presentou a Mesa pola Normalización Lingüística como proba de que “as e os galego falantes non poden empregar a súa propia lingua coas autoridades públicas en Galiza, malia o aparente dereito a facelo”.

O informe emitido por Fernand de Varennes despois de escoitar á sociedade civil e máis ás institucións estatais e autonómicas, insta ao Estado español a garantir os seus compromisos en relación aos dereitos lingüísiticos, nomeadamente na xustiza e no ensino, e ás comunidades autónomas, no que for da súa competencia.

O relator da ONU evidencia a ausencia de avaliación oficial sobre as competencias nas linguas minorizadas do Estado, recolle as limitacións para estudar na lingua propia e insta a “revisar calquera medida que poida reducir a proporción de docencia en lingua minorizada”, tal e como acontece co Decreto 79/2010 contra o galego no ensino. Recomenda, tamén, ás autoridades españolas “que se aseguren de disporen de recursos apropiados, profesores, persoal de apoio e infraestruturas para que as crianzas das comunidades autónomas con poboacións significativas pertencentes a minorías lingüísticas teñan a posibilidade de estudar nas súas propias linguas”. E, finalmente, recomenda a revisión dos libros de texto para incorporar representacións máis inclusivas e positivas da diversidade do Estado.

Este é, polo tanto, un primeiro aviso da ONU á Xunta no relativo ao Decreto de plurilingüismo, que se suma ás demandas de derogación que fixo recentemente o Consello de Europa.

A Mesa pola Normalización Lingüística
É unha entidade social independente, constituída en 1986 e da que forman parte arredor de 5000 socias e socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega. Neste sentido, a defensa do dereito ao emprego do galego en Galiza en todas as situacións e contextos é unha das súas principais liñas de actuación. Entendemos que o dereito ao uso da lingua propia non se pode desligar dos máis elementais dereitos humanos, civís e democráticos. A entidade dotouse do Observatorio de Dereitos Lingüísticos que conta cun comité asesor formado por xuristas e persoas expertas en diferentes ámbitos. O Obseratorio elabora relatorios e informes que envía a diferentes institucións públicas galegas, estatais ou, recentemente, ao comité de expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Anualmente presenta publicamente o seu informe A Liña do Galego baseado nos casos de vulneracións de dereitos lingüísticos, mais tamén nas consultas ou parabéns a quen si os garante. Mañá mesmo presentará, en Compostela, o informe de 2019, nun acto no que tamén analizará en máis profundidade o informe da ONU.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*