Gemma Marqués, pintora de A Guarda

Gemma Marqués A Nova Peneira Concello da Guarda

En pleno casco histórico de A Guarda, na rúa Malteses á beira do mar, está a casa taller de GEMMA, unha casa dun azul intensísimo, profundo e suxestivo como o mar da Guarda, inserido no máis profundo da alma desta artista, burgalesa de nacemento e guardesa de sentimento.

A ARTE, DESDE SEMPRE, FOI UN VEHÚCULO PARA TRANSMITIR IDEAS, PENSAMENTOS E CONCEPTOS.”

Gemma, de onde es e como chegaches aquí?

Eu son de Burgos de nacemento pero levo case toda a vida vivindo en Galicia.

E como viñeches vivir a Galicia?

A miña nai é de Burgos e o meu pai de Valladolid, cando casaron montaron varios negocios de hostalería en Vigo e viñeron vivir para aquí.

O meu pai tamén pinta, canta e baila.

Eu nacín en Burgos pero porque miña nai ía alí a ter os seus fillos.

Entón a afección pola pintura que che ven, do teu pai?

Si. El é autodidacta pero sempre lle gustou a arte e a pintura.

Cando comezaches a debuxar?

Desde sempre, desde nena. Desde pequena xa me gustaba facer retratos e a cor.

Vives disto Gemma?

Si. Tes que diversificar moito o que fas. A min encárganme moito retrato e tamén traballo para os concellos, encárganme murais e estou dando clases na UNED. Podo dicir que vivo do que me gusta.

De todas as persoas que entrevistei que se dedican a esta profesión, es das poucas que dis que se pode vivir da arte.

A ver, hai de todo, non é fácil.

Toda a túa vida profesional transcorreu neste sector?

Si, estudei Belas Artes e cando rematei a carreira xa me dediquei a pintar, sobre todo retratos por encargo.

Ao largo da historia, a interpretación da finalidade artística en xeral, e da pintura en particular, ten dúas visións fundamentais. Hai quen considera que a arte ten unha finalidade meramente estética e hai quen considera que a arte debe ter unha implicación no contexto social no que se insire. Ti que opinas?

Obviamente a segunda opción. A arte, desde sempre, foi un vehículo para transmitir ideas, pensamentos e conceptos.

Un escultor que entrevistei hai pouco, dicíame que as súas obras non as concibía cun significado pechado a priori, que o seu significado depende da percepción do suxeito perceptor. Eu estou en desacordo con esta visión, creo que a transmisión artística en calquera das ramas da arte debe partir dunha idea e tratar de facela esteticamente bela, pero a creación debe consistir en tratar de transmitir algo, ti que pensas?

Non ten porque non estar aberto. Ti podes ter unha idea na cabeza, por exemplo, quero falar na fame do mundo, pero o perceptor igual percibe outra cousa, e non pasa nada. O importante é que como espectador che transmita algunha idea ou che faga reflexionar, aínda que non transmita algo en concreto. O importante é que esa obra te conmova por dentro e che diga cousas, aínda que non sexan as que o autor queira transmitir.

Suponte que queres transmitir determinada emoción que sentes no momento que creas unha obra. Se esta obra é contemplada por dez persoas diferente, e cada unha delas percibe un sentimento diferente e ninguén ve o que ti quixeches transmitir, é un éxito ou un fracaso pola túa parte?

Depende dos receptores da obra. Se ti non tes ningunha formación e cústache entender a arte contemporánea, probablemente entendas outras cousas que igual non son as que quere transmitir o artista, pero tampouco é unha cousa negativa. Pero isto non soe fallar, é moi difícil. Eu teño feito experimentos con xente que non ten ningún tipo de formación, que non sabe nada de arte, fálolle de grandes artistas, mantendo unha conversación con eles e máis ou menos, nas súas capacidades, entenden de que vai a cousa. Se presentas un retrato cunha mirada moi viva, o 90% da xente percibe o mesmo. Tamén e verdade que a miña obra é realista e é máis doado de entendela.

O que me deixou estupefacto foi o que me dixo de que cando creaba, non o facía con unha idea predeterminada.

Pensa tamén que se es un creador, deberías crer cun pensamento inicial detrás, aínda que non sexa figurativo, que sexa unha cousa literal. Todos temos unha forma de pensar, unha maneira de ver o mundo e inconsciente ou conscientemente transmítese na túa obra.

Á hora de determinar a calidade ou fata da mesma dunha obra, cres que hai uns parámetros obxectivos que determinen se unha obra ten calidade ou non a ten?

Si que hai. Eu fixen moitos cursos, estudei belas artes e na formación que tiven sempre te ensinan cousas básicas e hai moitas variables a ter en conta para que a obra funcione.

Considero que si existen parámetros obxectivos que determinen se unha obra de arte pode ter calidade ou non.

Á consideración de que poida ser interpretada en contextos históricos distintos é un deles? Como por exemplo o David de Miguel Anxo era espectacular cando se creou e seguirá séndoo dentro de 1000 anos?

Normalmente as boas obras de arte, como ti dis, transcenden no tempo.

Agora falemos da túa obra en particular. Cóntanos que é “Anónimas”?

É un proxecto que xurdiu en Portugal, en Vilanova de Cerveira. Alí fan uns talleres moi interesantes, fun a un no 2017, a un taller que se chamaba “ Libro de artista”. Isto é unha especie de libro na que o artista expande o que é un pouco a súa creación. A min interesoume facer unha especie de libro de retratos pintado en acuarelas sobre as mulleres do meu entorno, metinlle algunha palabra que me suxería cada unha, encaderneino e fixen o logotipo de anónimas. Gustoume a idea de “Mulleres Anónimas”.

Despois do libro xurdiu a idea de facer exposicións, o Concello de Tomiño encargoume un mural para conmemorar o 8 de Marzo do 2018, o primeiro foi no campo de Fútbol de Goián, estes son catro retratos de mulleres de diferentes idades e procedencias. Logo fixen outro tamén na mesma liña, e agora remato de facer o de “Mulleres Tomiñesas” sobre Sara, esta muller de Tomiño de 105 anos. Esta idea xurdiu da exposición fotográfica de Pili Reñones, as súas fotos son moi potentes onde fala moito da muller, da importancia do paso do tempo, da mirada… propúxenlle facer un mural baseado nas súas fotos para facerlle unha homenaxe a estas mulleres. O libro é de papel reciclado e ten un texto de Lola Costas, que é amiga miña, activista e feminista. Ela escribiu o texto en galego e castelán e quedou a cousa un pouco máis elaborada.

Sara, ata os 90 anos, ía tódolos domingo a animar ao F.C. Tomiño, é moi afeccionada ao fútbol e por iso foi a idea de facerlle o retrato no campo de fútbol.

Con quen vive Sara?

Vive soa, daquela maneira, ten un familiar que a coida e vive ao carón da súa casa, ten outra persoa acompañándoa polas noites tamén, pero está moi ben e na súa casa.

E “Anónimas”, tes a vontade de prolongala no tempo?

Claro que si. Teño pensado facer presentacións que aínda me faltan do libro e seguir cos murais.

Traballas con todos os concellos do Baixo Miño?

Ata o de agora traballei co concello de Tomiño e estou a traballar co de Tui cun proxecto parecido que se chama “Mulleres Senlleiras”, esta foi proposta miña, e un proxecto moi bonito e unha homenaxe as mulleres de Tui. Os nenos e nenas dos colexios de Tui foron quen escolleron a estas mulleres para facerlles a homenaxe. Agora vou entrevistalas e facerlles unhas fotos para pasar aos retratos en acuarela. Tamén faremos unha exposición cun pequeno texto para homenaxealas.

En definitiva, o teu traballo consta de: O traballo coas administracións, o proxecto Anónimas, o traballo persoal de retratos que che encargan e as clases que das na escola taller. Cóntanos un pouco en que consisten estas clases e que ten que facer a xente para matricularse.

Aquí teño un grupo a partir dos 12 anos, neste caso coincide que son só rapazas. Outro grupo de adultos de 6 a 8 da tarde. O que fago nestas clases é ensinar as técnicas de debuxo e pintura.

E canto tempo levas con esta labor?

Creo que desde o 2015.

Algunha vez atopaches con algún neno ou nena cun talento especialmente bo que te sorprendera?

Pois teño varias así, e son moi boas.

O talento artístico, ao teu xuízo, é innato, pode adquirirse, ou é unha combinación dos dous factores?

Penso que é unha combinación. Tamén é verdade que se tes ese talento desde que es pequeno, máis que nada, a capacidade de observación, ou de auto reflexión, se a tes desde pequeno é máis fácil.

Dicíasme que na clase infantil as alumnas que tes son nenas, neste curso non hai ningún neno. Crees que a sensibilidade artística é máis do xénero feminino ou masculino, ou é irrelevante?

É irrelevante, hai tanto homes coma mulleres coas mesmas capacidades, non ten nada que ver co sexo.

A sensibilidade social en xeral cara o teu traballo como é?

Ben. Eu penso que á xente si admira, entende ou lle gusta o que fago en xeral, como todo tamén haberá xente á que non lle guste. O tema dos murais no rural coido que tivo moi boa aceptación, a xente maior admira e pregunta que se eu sendo muller son a autora dos mesmos.

Canto tempo che levou facer o mural de Sara?

Creo que dúas semanas dedicándolle as mañas.

Cobras moito polos retratos? Por si algún día teño que encargarche un.

Os de acuarela andan sobre os 250€.

E para ir rematando, podes utilizar as nosas páxinas para tirar unha mensaxe aos lectores e lectoras para que se acheguen a coñecer o teu traballo.

Na casa taller temos as portas abertas para quen queira vir, aquí facemos exposicións, concertos, actividades culturais variadas para dinamizar un pouco a zona. Cando lles apeteza poden pasarse por aquí.

Moi ben. Que saibas que es moi coñecida, eu non sabía moi ben onde era esta rúa e as persoas que lle preguntei xa me contestaban, a si, a pintora, é unha casa azul moi rechamante.

Moitas grazas Gemma pola nosa agradable conversa.

Moitas grazas a ti.