Diario dun confinamento

Artigo de opinión A Nova Peneira
Aarón Franco, escritor de Marín

13, 14 e 15 DE MARZO

13 de marzo do 2020: O día anterior veñen de suspenderse as aulas no conxunto da Galiza e semella que a cousa comeza a poñerse fea. A preocupación apodérase do conxunto da cidadanía e como proba delo ao ir facer a compra a un supermercado van aparecendo andeis arrasados onde comezan a escasear produtos de primeira necesidade. Unha das empregadas do establecemento asegura que o subministro está garantido pero que o nerviosismo da xente é o que está a provocar a desaparición de determinados alimentos e produtos de hixiene persoal. Teño que percorrer ate tres supermercados para facer unha compra mínima. As 11:00 horas da mañá recibo unha chamada na que me informan de que a declaración de estado de alarma está enriba da mesa. O confinamento da cidadanía nas súas casas vai ser inmediato, mais as medidas chegan posiblemente tarde. O bicho está a circular desde hai semanas e teño o presentimento de que o pior está por chegar, especialmente nun período de 15 ou 20 días. Miña nai insiste en que diante desa situación vaia onde eles, posto que teñen xardín e monte. Prefiro non facelo, dado que o meu pai é grupo de risco e eu traballo con crianzas, Autoimpóñome cuarentena para salvagardar a saúde do meu pai. No meu concello xa son moitos os edificios públicos pechados e comezan a aparecer positivos dentro do propio goberno municipal. O COVID- 19 chegou a Marín.

14 de marzo do 2020: Co estado de alarma confirmado, e aínda sen coñecerse exactamente ate que punto chega o confinamento da cidadanía nas súas casas, observo demasiada xente pola rúa cando camiño ao meu traballo. Hai que poñer unha serie de asuntos en orde para sobrevivir. A supervivencia durante o período de confinamento é esencial e polo de agora nada parece garantir que os autónomos vaiamos ter unha saída segura neste labirinto. Entre outras cousas porque non vai ser cuestión de quince días. Estudando o caso chino, asumo que isto se vai alongar como mínimo ate a primeira semana de maio no mellor de casos, posiblemente por ter tomando decisións tardías, outras nin se adoptaron. Madrid, Euskadi e Valencia deberían terse aillad xa hai máis de dez días, ao igual que Italia pechou a zona Norte. Ao longo do día vou observando a actitude dalgunha xente, incluso coñecidos que me informan, que toma isto como unhas vacacións e vai pasear ás praias ou a facer rutas en bicicleta. Cóstame algunha discusión e algunha chamada por teléfono porque moitos deles son grupos de risco. Pola tarde – noite coñecese a letra pequena do estado de alarma, máis non vai asociada ningunha medida económica que vaia paliar o desastre económico das familias e a súa protección. O nerviosismo vai en aumento e algunhas amizades comezan a informarme de que o luns perderán o seu traballo e non saben que vai pasar desde entón. Levamos dous días infernais onde os medos e inseguridades sanitarias e financeiras se mesturan. Custa conciliar o sono.

15 de marzo do 2020: estamos vivindo un momento que por desgraza é histórico a nivel mundial. Os libros de historia recollerán dentro de douscentos anos este momento e por desgraza seremos protagonistas. Intento facer predicións do que pode vir a partir de agora, e por desgraza ou por negativismo vital teño a sensación de que imos pasar do millón de infectados se a xente non toma en serio as medidas de confinamento. Ao mesmo tempo penso no que pasará despois e neses pensamentos atorméntame especialmente que o capitalismo e o individualismo poidan saír reforzados de todo isto. No máis persoal comezo a pasalo mal por ser claustrofóbico. Ocupo o día en todo aquelo que podo: limpar, escribir, ler… 

Fago unha planificación semanal de tarefas variadas e sen caer na rutina, asumindo que quedan seis semanas como mínimo.

Remato o día pensando nesa xente que di que vinte anos de cárcere lle parecen poucos. Cando remate isto continuarán a pensar o mesmo?

1 Comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*