Ánxela Fernández, Alcaldesa do Rosal

Ánxela Fernández Concello do Rosal A Nova Penuria

OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA

Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Pontearaeas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.

A primeira pregunta para ti, Ánxela, como estás física e animicamente?

É unha situación tan novidosa que inicialmente custa moito adaptarse. E u estou ben, lévoo o mellor posible, e quixera expresar dúas consideracións pensemos por favor colectivamente, non en nós mesmos, e defendamos agora e sempre a nosa sanidade pública, sen ela, ou con ela minorizada a nosa vida diaria sería infinitamente peor.

Como está a situación no Rosal, temos constancia dalgún positivo?

A día de hoxe, non teño constancia de que exista ningún, pero son consciente que probablemente chequeen tamén.

Que medios está a pór o concello do Rosal para atender aos segmentos da sociedade que son máis vulnerables?

O que fixemos foi un chamamento á colaboración da veciñanza para que nos informase de todos e cada un dos casos de persoas vulnerables que estivesen en situación de desamparo chamando ao Concello ao tfn 986625000 para que no momento que os detectemos darlles unha resposta de contado. E desde logo, os servizos de emerxencia social do Concello están activados e funcionando ao máximo nivel.

Unha mensaxe de esperanza da alcaldesa do Rosal para aqueles que poidan notar máis o sufrimento inherente a unha situación de confinamento?

Apelo ao que che dixen ao principio, os seres humanos desde o principio da historia da humanidade sempre superamos as dificultades en colectivo, demos o mellor de nós mesmos a quen nos rodea, protexámonos todos a todos, e o superaremos, claro que si. Marquémonos metas a horizontes temporais concretos, cos amigos que agora non podemos ver, cos familiares que agora non podemos abraza sinalemos unha cita para tomar unha caña xuntos e para darnos un abrazo, e cando o consigamos, que o conseguiremos vai ser especialmente emotivo. Ánimo para todas e todos.

O nivel de civismo da sociedade rosaleira é satisfactorio para ti?

Si, desde logo que si, asemade a evolución foi moi positiva, en principio houbo non so no noso pobo, en todos os sitios, creo eu, certa tendencia a comprar compulsivamente por medo ao que poida suceder, pero no momento presente o comportamento, en liñas xerais da sociedade é dun elevado nivel de civismo.

En canto a material sanitario e de desinfección, como estades?

O problema son as mascarillas, apelo á responsabilidade individual para que todas as persoas que as teñan as poñan ao dispor da administración pública.

Moitas grazas Ánxela e moita sorte para ti e para toda a veciñanza do Rosal

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*