Conflito na comunidade de Montes de Salcidos

Salcidos Comunidade de Montes A Nova Peneira

A comunidade de Salcidos en A Guarda vive estes días un intenso conflito por mor do lugar de celebración da centenaria festa da das Mercedes, do barrio da Gándara. A maioría da xunta reitora oponse a que se celebre nos terreos que demanda quen a organiza, e as tensións entre os defensores dunha posición e os que teñen a contraria son moi elevadas. Nós falamos co presidente Joaquín, o secretario Benito e o tesoureiro Javier da xunta reitora da comunidade de Montes, eles oponse a que a festa se celebre no terreo que demandan os organizadores. Cando a emerxencia sanitaria que estamos a vivir remate, intentaremos obter a versión da outra parte

Cal é a natureza do conflito?

O conflito témolo con percamino, unha asociación de veciños do barrio de A Gándara.

A Gándara é un barrio de Salcidos, non?

Efectivamente.

E cal é o problema con eles?

Nese barrio faise unha festa patronal da virxe das Mercedes o 23 e 24 de setembro.

É moi antiga esa festa?

Fixo 100 anos en 2018, e esa foi a primeira vez que pediron permiso para facelo no terreo que orixina o problema.

Antes onde se facía?

Sempre a fixeron no Terreiro dos Seixiños.

E hai dous anos, para conmemorar o centenario, pediron permiso para facela onde?

Pedíronllo ao anterior presidente, para facelo na FONTE VIEITA.

Onde queda esa zona?

Na penúltima rotonda da vía rápida , antes de entrar na Guarda.

Celebrar alí a festa do centenario, xa xerou polémica?

Si, había vogais que non o sabían, e había opinións diversas, e finalmente someteuse unha votación. Acordamos darlle permiso, pero nun documento escrito que contiña unha cláusula que especificaba que o permiso que se lle deu para ese ano, non implicaba que nos anos futuros fose suceder o mesmo.

E que pasou o ano pasado?

Arredor de tres meses antes da súa data, a persoa que se fixo cargo da festa, que é vogal desta comunidade de montes, volveu pedir permiso para facela no mesmo sitio.

Décheslle o permiso?

Volvemos sometelo a votación.

Nese momento, ti xa eras presidente, non Joaquín?

Si, nese momento si.

Cal foi o resultado da votación?

3, nons,1 abstención e 4 sis, e polo tanto, como demócratas que somos, non nos quedou máis remedio que acatar o resultado e darlle permiso para que se volvera facer a festa alí.

Da a conversa que estamos a ter, Joaquín, e diríxome a ti porque es o presidente deduzo que a túa posición persoal é contraria a que se faga alí a festa, por que?

Vamos ver, aquí hai un proxecto xa aprobado para facer un parque neses terreos, e entendo que non é o sitio adecuado, hai arbores plantados que aínda non fixeron corpo, e ao meu xuízo ese non é o lugar idóneo para desenvolver ningún tipo de festa, por outra parte está ao lado da vía rápida e pode supor algún tipo de problema de tráfico.

E este ano?

Volveron pedir permiso para facela festa alí, e volvemos sometelo a votación cun resultado desta volta diferente.

Que foi?

5 votos negativos, dúas abstencións e un si, que foi o voto do que leva a festa que é vogal noso , do que antes che falei.

Cando foi a votación?

A finais de xaneiro.

Caramba, e para unha festa que é en setembro, vótase con oito meses de antelación?

Si, ben, porque están aos cousas crispadas, hai polémica e cómpre deixar o tema ben atado. Nós cando o ano pasado perdemos a votación aceptamos democraticamente resultado, e temos a sensación que este ano, a parte que perdeu que debera facer o mesmo, non está nesa liña.

Por que?

Na seguinte xunta reitora xa houbo unha polémica considerable, presentándonos un escrito fóra da orde do día, pedíndonos copias de libros de actas e foi todo moi tenso. Por outra parte o 5 de marzo fomos ao terreo a marcar e houbo unha agresividade elevadísima e unha tensión extrema.

Que vías de solución vedes que pode ter este conflito?

Respectar a vontade maioritaria da xunta reitora da comunidade de montes, porque iso foi o que fixemos nós cando perdemos, actuar como demócratas e non facer a festa alí. Só pode rematar así.

É indiscutible que os terreos da discordia, son de vosa propiedade?

Absolutamente, iso non é discutible. Ningún de nós está en contra de que se celebre a festa de San Roque, todo o contrario, queremos que se faga e que saia o mellor posible, pero o que non pode ser é que o lugar en que se faga se decida de modo autoritario, pasando por riba a vontade democrática dos propietarios dos terreos. A xunta reitora da comunidade de montes é a que decide a xestión dos terreos que son de todas e todos os comuneiros, da maneira que pensamos máis xusta posible.