Digna Rivas, Alcaldesa de Redondela

Digna Rivas Concello de Redondela A Nova Peneira

OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA

Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Pontearaeas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.

A primeira para ti Digna, como estás física e animicamente?

Moitas grazas pola túa sensibilidade Tino. Eu estou moi ben, e animicamente son unha persoa moi forte, creo que a miña experiencia como traballadora de emerxencias axudoume moito nese sentido. Son consciente da miña responsabilidade e teño unhas gañas enormes de dar o mellor de min mesma ao servizo do meu pobo.

Como está a situación xeral do Concello, temos novas dalgún positivo?

Onte( 18-39 comunicáronme que había un positivo ingresado no hospital Cunqueiro. É normal, algúns casos máis van aparecer. Sexamos por favor responsables para que sexan os menos posibles. 

Que medidas está a tomar o Concello, para prestar atención aos segmentos máis vulnerables da poboación?

Todas e cada unha das medidas que o concello ten na súa man están activadas na súa máxima expresión. Por unha banda atención aos nenos e nenas, tamén axudamos aos que teñen problemas de mobilidade para facilitarlles alimentos e medicinas, por outra parte no que respecta aos maiores , temos ao seu dispor un número de teléfono para que nos demanden calquera necesidade que precisen que de contado será atendida polo persoal de protección civil, que se desprazan ás casas cumprindo de maneira estrita todos os protocolos de seguridade. Por outra parte, desde os servizos sociais puxéronse en contacto cos centros de DIA e con CARITAS para que nos fagan chegar as listaxes de todas as persoas que puidesen precisar axuda. O vehículo de protección civil percorre cada curruncho de Redondela para demandar que a xente permaneza nas súas casas e para ofrecer axuda a quen a precise, e por último destacar tamén a grande labor da nosa policía local.

O compromiso cívico da sociedade redondelá déixache satisfeita?

En liñas xerais non só contenta senón tamén moi orgullosa. Hai excepcións desde logo, pero agardo que sexan menos cada vez.

O confinamento prolongado pode levar ao crack psicolóxico a quen máis lle custe resistir, algunha mensaxe positiva de esperanza para a túa veciñanza?

Cada veciño, cada veciña é esencial , todas e todas somos igual de importantes, e desde o concello non imos deixar de lado a ninguén, e nestes momentos difíciles imos amosar que Redondela é un pobo valente, responsable e leal con nós mesmos e cos nosos semellantes. Imos saír , dígoo con rotundidade e firmeza absoluta, por favor poñamos todos o mellor de nós para que sexa o antes posible.

En canto a material sanitario e de desinfección que tal estamos?

Estamos razoablemente ben, o que máis nos urxe son as mascarillas.

Moitas grazas Digna, e moita sorte para ti e para toda a veciñanza de Redondela