Emiliano Lage, Alcalde de Fornelos De Montes

Emiliano Lage A Nova Peneira Concello de Fornelos de montes

OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA

Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Pontearaeas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.

Non sabes o que lamento Emiliano, non poder falar contigo no teu precioso concello, pero ben, agardo que pronto poidamos facelo. Como estás ti de ánimos e fisicamente?

Eu estou moi ben, a miña familia tamén , e cumprindo con todos os protocolos que esixen as autoridades sanitarias e procurando que toda a veciñanza de Fornelos faga o mesmo.

Temos constancia dalgún caso no Concello?

Non, afortunadamente de momento non, pero son consciente de que non somos inmunes e en calquera momento pode pasar.

Como está respondendo civicamente a sociedade de Fornelos?

En liñas xerais bastante ben, só saen para ir a mercar ou á farmacia e compren co seu deber cidadán, tamén comprendo que nun concello como o noso lévase bastante mellor pois a grande maioría de veciños teñen fincas, e claro, así é máis doado ca nun piso.

Fornelos ten unha importante porcentaxe de poboación maior, que medios está pondo o concello para axudalos a eles e a quen teña menos recursos económicos?

O servizos sociais do concello están funcionando a máximo rendemento, para axudar a todas aquelas persoas que temos constancia que precisan axuda, por outra parte todos os concelleiros de cada parroquia do noso pobo teñen instrucións de activarse para tratar de coñecer se existen persoas en situación de vulnerabilidade das que nós non teñamos constancia. Onte mesmo leveille a unha muller da Laxe un medicamento que tiña pedido na farmacia.

Ah, ti persoalmente?

Si, claro, fun eu cun empregado municipal, eu estou para servir á veciñanza desde logo.

O persoal está fisicamente no concello?

Vamos ver, as xestións atendémolas vía telefónica ou telemática, agás algo que sexa de extrema urxencia, que o facemos desde a porta, sempre respectando escrupulosamente os protocolos de seguridade.

En relación ao material sanitario ou de desinfección, como estades?

Ese é o noso principal problema. Fomos conseguindo algo de desinfectante e mascarillas, pero é todo moi escaso.

Moitas grazas Emiliano, e moita sorte para ti e toda a sociedade de Fornelos.