Leticia Santos, Alcaldesa de Moaña

Leticia Santos Concello Moaña A Nova Peneira

OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA

Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Ponteareas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.

A primeira pregunta, para ti, Leticia, como te encontras física e animicamente?

Ben, a verdade, faise todo un pouco estraño. Por fortuna todo o meu entorno afectivo está ben, e todo o equipo de goberno tamén apoiándome con firmeza para exercer a nosa responsabilidade coa veciñanza do noso pobo.

Como está a situación xeral do Concello, temos constancia dalgún positivo, verdade?

Si, de feito o primeiro positivo da área de Vigo é unha persoa residente en Moaña, que foi a Madrid, e ao volver comezou a ter síntomas, e chegaron a contaxiarse ata tres persoas da mesma familia. Os tres membros, mañá fará 15 días que están illados no seu domicilio, con síntomas moi leves, case asintomáticos. Todos os membros desa familia, incluso aqueles aos que lle fixeron a proba e deron negativo gardaron estritamente os protocolos sanitarios pertinentes nun xesto e responsabilidade que quero destacar. A persoa que deu positivo inicialmente, está na UCI do Cunqueiro, e moi pouquiño apouco vai evolucionando a mellor.

Que está a facer o Concello para atender as necesidades das persoas máis vulnerables?

Nós contamos cun magnífico equipo humano tanto en protección civil como no persoal municipal. Estamos desenvolvendo conxuntamente un programa moi activo. Temos habilitado un telefono para atender as necesidades das persoas que teñan dificultades para facer a compra ou recoller medicamentos. As persoas voluntarias van mercar por ti, e cando te levan a compra ti lle pagas. O servizo chámase MOAÑA FACILITA e está a funcionar desde o martes 17. Agradezo desde as vosas páxinas a colaboración do comercio local que nos deixa levar a compra, e cobrar despois de que lla entregamos ao usuario final. Tamén habilitamos o programa de vales, que lles damos ás familias no nadal, e volvemos a activalo agora, dándolle vales ás familias vales para que ninguén poida ter carencias de produtos de primeira necesidade.

Estás satisfeita do grado de civismo amosado pola sociedade moañesa?

En termos xerais a xente cumpre escrupulosamente, pode haber algunha excepción pero entendo que teñen que aprender. Nese sentido a policía local está a exercer unha labor inicialmente pedagóxica que de ser necesario terá que ser sancionadora polo ben de todas e todos.

De mascarillas, luvas e produtos desinfectantes como andades?

Reforzamos os EPIS, temos monos do prestixe , e mascarillas e luvas para o persoal que é necesario que estea nas rúas. De momento temos, pero non nos sobra.

A situación de confinamento prolongada pode ocasionar importantes danos psicolóxicos, algunha mensaxe de esperanza para que sociedade de Moaña o leve o mellor posible?

A todas as persoas nos tocou afrontar situación difíciles nas nosas vidas, esta é unha máis, pero coa diferenza de que esta é igual para todas as persoas, e todas somos imprescindibles para protexernos as unhas ás outras. É importante valorar o feito de pasar máis tempo coas persoas que viven con nós, e valorar o marabilloso que é compartir tempo coa familia e amigos que agora non podemos ver e que botamos de menos. Debemos aprender da situación para sermos máis humanas cos nosos semellantes. Imos sair, non teño dúbida e todas xuntas. O concello vai estar aí, non vai deixar a ninguén tirado, e se é necesaria atención psicolóxica, quen o precise que non dubide en pedir atención telefónica con ela.

Moitas grazas Leticia, e moita sorte para ti e para toda a veciñanza de Moaña