Paco Ferreira Alcalde de Gondomar

Paco Ferreira Alcalde de Gondomar A Nova Peneira

OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA

Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Pontearaeas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.

Moitas grazas por atendernos Paco, a primeira pregunta refírese a ti como persoa, como estás física e animicamente?

Eu estou moi ben fisicamente, e moi forte de ánimos, afortunadamente toda a miña familia e todo o meu entorno afectivo tamén.

Como está a situación xeral de Gondomar, temos novas da existencia dalgún positivo?

Saíron varios bulos, pero a data de hoxe non temos constancia oficial de ningún.

Que medios está a pór o Concello para axudar aos segmentos máis vulnerables de poboación, os maiores, as persoas que viven soas os que teñen menos recursos económicos?

Nós , creo que temos moito camiño avanzado, pois xa viñamos desenvolvendo desde hai anos un traballo moi importante de atención social a quen máis o necesita. Temos un servizo de asistencia para atender a `persoas con necesidades, banco de alimentos e axuda no fogar, xa o tiñamos ,e agora témolo funcionando a máxima intensidade. Por exemplo, onte( 18 de marzo) repartimos alimentos a 32 familias. Por outra banda desde benestar social chaman por teléfono a todas as familias que temos identificadas en situación de vulnerabilidade para estarmos atentos a calquera necesidade que puidesen ter.

Para superar está situación requírese un nivel de comportamento cívico superlativo, estás satisfeito do comportamento cívico que está amosando ata agora a sociedade de Gondomar?

Nós somos un concello esencialmente rural, e aquí lévase mellor, moitos temos finca e podemos estra ao aire libre, moitos teñen animais e saen a darlles de comer, nos pisos é moito máis difícil, pero en liñas xerais podo dicir que si, estou moi satisfeito, hai excepcións , pero a grande maioría da veciñanza compórtase de maneira cívica.

A situación de excepcionalidade e confinamento , dure o que dure, vai provocar situación psicolóxicas moi difíciles, algunha mensaxe de esperanza para levalo o mellor posible?

Seino, vai ser moi difícil, e o meu consello é que establezamos unhas rutinas de comportamentos o máis regulares posibles, que lle deamos o mellor de nós aos nosos seres queridos, isto só se supera dándonos todos a todos. Aproveitemos o tempo para contactar con antigos amigos ou familiares que hai tempo que non vemos, dar, dar moito esa é a chave, canto máis deamos aos demais, máis recibiremos cando sexamos nós os que precisemos que alguén nos dea.

De mascarillas, luvas e desinfectantes como estades?

Xeles temos, quero agradecer a limpezas CIES que nos abasteceu deles, luvas tamén temos, o problema son as mascarillas, estamos escasos igual que toda España. De feito, aproveito a oportunidade para pedirlle a todas as empresas que dispoñan delas para que as poñas a disposición da policía.

Moitas grazas Paco, e moita sorte para toda a veciñanza de Gondomar