Xosé Emilio Barros Alcalde de Mondariz

Xosé Emilio Barros Concello de Mondariz A Nova Peneira

OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA

Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Pontearaeas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.

A primeira para ti, como estás de ánimos e fisicamente?

Moitas grazas por preguntar Tino .Eu estou moi ben, son moi consciente da miña responsabilidade e estou con toda a miña vontade e enerxía para pór o mellor de min ao servizo do meu pobo.

Tes constancia dalgún positivo no teu Concello?

Non, a día de hoxe non. A situación xeral do Concello dentro desta difícil época que estamos a vivir podemos definila como boa. Quixera pór en valor o extraordinario traballo dos nosos servizos sociais, e das auxiliares do servizo de axuda no fogar.A día de hoxe grazas ao seu esforzo e ao de todo o persoal municipal mantemos a situación controlada.

Que medios está a pór o concello para tratar de aliviar a situación dos segmentos máis vulnerables da poboación?

Estamos cunha rolda de contactos con todos os sectores máis vulnerables, persoas maiores, persoas que viven soas, persoas que poden sufrir violencia de xénero, persoas de escasos recursos económicos, para detectar calquera necesidade que puidesen ter, e darlle unha resposta , no momento que a detectemos, de contado.

Estás contento co grado de Civismo que está a amosar a sociedade de Mondariz?

Si, abofé que si. Se cadra o primeiro día a xente non tomara a conciencia necesaria, pero cada vez amosa un nivel de civismo sobresaínte e faime sentir moi orgulloso do meu pobo.

En relación a material sanitario e desinfección, como estamos?

Neste momento estamos cubertos, con moita dificultade e esforzo.

Moitas grazas e moita sorte para ti, Xose Emilio, e para toda a veciñanza de Mondariz

Primer comentario

Deixa a túa opinión