Xosé Manuel Rodríguez, Alcalde De As Neves

Xosé Manuel Rodríguez Concello de As Neves A Nova Peneira

OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA

Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Pontearaeas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.

A primeira pregunta para ti, Xosé, como estás física e animicamente?

Eu estou moi ben, e o meu entorno afectivo afortunadamente tamén. Moitas grazas polo interese Tino.

Como está a situación xeral do Concello, temos constancia dalgún positivo?

Como sempre, nestas circunstancias corren todo tipo de rumores, nas Neves a día de hoxe non temos constancia de ningún.

Que está a facer o Concello para atender as necesidades das persoas máis vulnerables?

Replicar aquela máxima que exercemos noutro momento da nosa historia recente no que tamén houbo unha situación de necesidade moi alta, refírome ao incendio forestal: Unha persoa ,Unha solución. Calquera necesidade de mobilidade para adquirir alimentos ou medicinas será atendida pola administración municipal, o equipo de servizos sociais dirigido pola Concelleira de Ensino e Benestar Social, Pilar González Casas, está activado ao máximo e reforzámolo con persoal doutros departamentos municipais. As dúas farmacias das Neves están tamén en coordinación máxima co concello.

Estás satisfeito do grado de civismo amosado ata agora pola sociedade nevense?

Absolutamente, podo dicirche que agora mesmo no centro das neves non hai absolutamente ninguén pola rúa. Agora ben, quero facer unha dupla reflexión sobre isto, primeiro a transitoriedade da situación, e segundo quero dicir que moita xnte optou polo rural para pasar unha situación como ista, pois é evidente que nunha finca lévase mellor. Eu convido a que reflexionemos como sociedade a que isto non sexa unha anécdota e que cando todo isto remate observemos ao rural como un espazo adecuado para vivir, e os poderes públicos temos a obriga de reverdecer o rural e dotalo de medios e servizos necesarios para que poidamos vivir nel con dignidade.

A situación de confinamento pode levar a orixinar graves problemas psicolóxicos a importantes segmentos da poboación algunha mensaxe para levalo o mellor posible?

O concello de As Neves vai atender as necesidades da nosa veciñanza, e desde logo que as emocionais tamén. Temos a intención de ofrecer unha solución personalizada a cada problema, imos pór todo o que temos para que ninguén caia na desesperación. Haberá momentos difíciles para todos, seguro, aconsello que todas e todos nos poñamos retos diarios, que pensemos que o superaremos, teñamos esperanza, porque imos saín reforzados.

En canto a material sanitario, xeles, mascarillas luvas, como estades?

Nun principio temos unha dotación en aparencia suficiente ata este momento, pero claro, non sabemos como evolucionará. Desde o punto de vista loxístico temos unha situación de relativa tranquilidade.

Moitas grazas Xosé, e moita sorte para ti e para toda a veciñanza de As Neves

1 Comentario

  1. Síntome orgulloso de ter intereses en As Neves. Coma ben dixo o Alcalde Xosé Manuel, isto non debe quedar en anécdota. O Rural esbaecese polo seu abandono, pero que nos enche o prato todos os días,do campo sae todo.
    Dito isto, unha agarimosa aperta para tod@s @s Nevenses.

Deixa a túa opinión