Un paso atrás

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Os expertos discuten cal é a mellor estratexia para frear a expansión do virus. Todo o mundo traballa arreo para acurtar a crise. Mobilízanse os recursos dispoñibles. Mesmo o resto dos enfermos son apartados e todo o persoal médico ponse ao servizo dos internistas. Por último decídese botar o exército á rúa para que non quede a menor dúbida de que o Estado ten o propósito firme de conservar a vida e a saúde dos cidadáns. Esperemos que sexa breve, inda que quizais non poida ser tanto como quixéramos.

Agora ben, unha vez pasada a pandemia, cando haxa tempo de facer as contas, os efectos non deberían quedar en número de falecidos, de incremento de débeda, de ERTES, etc, etc. En pouco tempo iso terase esquecido. No tempo que tarden en remontar as bolsas. Ou diso se encargarán os propagandistas do progreso e o crecemento económico continuo e ilimitado. Empregarán todos os seus medios para esquecer detalles sobre a xestión da crise, coma que tivese esixido a centralización da autoridade e a suspensión temporal da lóxica do beneficio empresarial conforme a cal, é un exemplo, 15 das 18 grandes empresas norteamericanas do sector abandonaron a fabricación de vacinas, por non mencionar aquel outro episodio, nese mesmo país, no que se prohibiron certas investigacións con virus por temor a un posible uso terrorista, reprimindo dese xeito, a liberdade de investigación dun prometedor microbiólogo e, por que non, malogrando un triunfo definitivo sobre a bioloxía deses horrendos bichos. Co diñeiro correndo outra vez nos mercados, contentarémonos, unha vez máis, coa retórica da liberdade e do despotismo da “autoridade omnisciente”, e, volveremos tirar á papeleira unha ocasión para volver pensar en que os grandes problemas socias requiren da lóxica da cooperación, digamos do común, e non da competición.

De maneira que, nunha circunstancia tan excepcional como a presente, mentres os expertos tratan de manexar o asunto como mellor poidan, e, os especuladores aproveitan para obter os máximos beneficios da caída dos valores bolsistas, no meu confinamento deume por ler algo sobre a que me parece a idea que mellor explica o éxito do capitalismo, aquela que Friedrich Hayek, o ilustre economista austríaco, explica en termos de “cooperación espontánea” e de “procesos evolutivos baseados na selección”. Daquela, me propuxen dar un paso atrás e examinar de novo onde está o poder dunhas ideas que presenta o capitalismo como un orde social “ineludible” no sentido de ser, en libre competencia con calquera outro, aquel que elixiría quen usase “correctamente a razón”.

Como é sabido o gran teórico do neoliberalismo escribía explicitamente contra as ideas socialistas porque estaba convencido de que implicarían “a desaparición de gran parte da poboación e o pauperismo do resto”. Morreu en 1992, a tempo de gozar do triunfo das súas ideas, tras largos anos de duro debate cos marxistas e os keynesianos, que resume no seu derradeiro libro A fatal arrogancia. Veremos cales son.

Primer comentario

Deixa a túa opinión

A súa dirección de correo electrónico non será publicada.


*