Pedro Pereira Tenente de Alcalde de O Porriño

Pedro Pereira Concello do Porirño

Como xa teño advertido en distintas ocasións, Pedro é un tipo que gaña moitísimo nas distancias curtas. Esta entrevista tiñámola marcada para, como sempre, facela sentados arredor dunha mesa, pero as circunstancias que estamos a vivir , pois furtáronme a posibilidade da facer algo que me gusta moito, tomar unha caña con Pedro e conversar, e non nos quedou outra que facela vía telefónica. Cando todo isto remate, teremos que volver á normalidade e esta conversa , na medida do posible, procurei artellala arredor da normalidade que algún día volverá

ATA O MOMENTO, A NOSA VALORACIÓN DE TER ENTRADO NO GOBERNO MUNICIPAL É QUE IMOS POLO CAMIÑO CORRECTO”

Que tipo de medidas está a desenvolver o Concello de O Porriño en relación co tema que a todos nos preocupa neste momento?

As medidas van na liña do que xa decretaron o goberno autonómico e o goberno estatal, pechar todos e cada un dos espazos públicos. E no que se refire ao persoal municipal, estamos en tele traballo agás os casos nos que sexa absolutamente imprescindible .

A sociedade porriñesa, en xeral, compórtase coa responsabilidade e o civismo esixible a unha situación extrema como esta?

Na súa ampla maioría si, pode haber algunha excepción pero en xeral asumen con responsabilidade a situación.

E ti, Pedro, persoalmente como o levas?

Eu lévoo ben, con tranquilidade e asumindo as miñas responsabilidades con respecto escrupuloso aos protocolos sanitarios aos que todos estamos sometidos.

Algunha vez todo isto rematará e a vida , na medida do posible volverá a discorrer polos leitos da normalidade, e quería que esta conversa Pedro, se refira a esa normalidade que ,agardo pronto poidamos volver a gozar. Que tal a conexión do BNG de O Porriño cos vosos socios de goberno do PSOE?

Nós no pacto de goberno determinamos que a xestión das áreas fose independente e a realidade dos feitos está a respectar o acordo. Temos xuntanzas de coordinación e en principio non hai dificultade para levar adiante as propostas de cada área.

Ves posible que se concrete un orzamento para este exercicio estando como estamos a finais de marzo?

É unha área que nós non levamos, é unha medida que está no acordo para impulsar no primeiro trimestre do ano ,e é unha eiva que temos que corrixir. Si que é posible, aínda que sexa un orzamento de transición. Temos que impulsar adecuacións de distintas ordenanzas que teñen que ter o soporte dun orzamento municipal. De feito, esta é unha das cuestións que máis me preocupa nestes momentos.

Non sei se será tanto como parece, pero a sensación que transmite o concello de O Porriño dun tempo a esta parte é que ten moitísimas dificultades para afrontar os seus pagos?

O estado económico negativo do concello de O Porriño non é novo, e a entrada do BNG no goberno, desde novembro do ano pasado non a vai resolver. O que provocou esa situación económica desfavorable son factores moi diversos, e a verdade supedita e condiciona a xestión do goberno. A cuestión económica preocúpame e temos que buscar as fórmulas para resolvela.

E como se pode resolver?

Hai que procurar adecuar os ingresos do concello ao custe dos servizos, e logo hai que exercer un control rigoroso do gasto.

Como está a situación da famosa conta 413?

Dentro de pouco tempo vai saír a liquidación do ano 2.019, está intervención pechándoa. O dato, non vai ser positivo como consecuencia do arrastre que había de outros exercicios. A situación desta conta é un dato máis que confirma a necesidade imperiosa de contermos o gasto.

No que respecta ao conflito con Vigo polo recibo da auga cal é a túa posición?

Eu penso que Vigo non pode actuar de maneira unilateral. Este é un tema que ven de varios exercicios atrás. Nós entendemos que a taxa que se nos impón ao concello, creo lembrar que en 1.997, é irregular. O concello ten que asumir a parte proporcional do coste, claro que si. O problema que nos encontramos é que durante anos, o Concello facturaba por consumo, pero non por mantemento. Creo que a solución está en que a alcaldesa de O Porriño e o alcalde de Vigo séntense a negociar, chegar un acordo na cantidade que teñamos que pagar, e logo establecer un plan de pago.

Nestes meses que o BNG leva formando parte do goberno de O Porriño, cales foron as vosas liñas de actuación máis relevantes?

Nós, como sabes, levamos varias áreas e dúas concellerías. A de cultura encontrouse con programación de Nadal, xa iniciada, e a partir dese momento está a programar con criterio propio do BNG programación cultural do 2.020.No que respecta ás áreas de urbanismo , mobilidade e canteiras, desenvolvemos varias iniciativas. Así por exemplo levamos 3 propostas, unha en cada pleno referentes ao arrendamento das canteiras. Hai iniciativas, e hai moitas máis sobre as que estamos traballando, unha moi importante e a actualización do plan xeral que hai que darlle unha revisión moi a fondo, ou o tema do rueiro municipal sobre o que tamén estamos traballando con moita intensidade, ou a mellora de pavimentación como en Torneiros ou na rúa Aloques. Dígoo con toda humildade, pero, é así, boa parte das propostas que se levaron a debate nos últimos plenos foron do BNG.

E tiveron boa acollida?

Pois si, algunhas foron aprobadas co apoio incluso da oposición

Podemos dicir que a tensión tan grande que houbo entre os compoñentes da corporación municipal, moderouse un tanto?

Eu falaba da área que eu levo. No que respecta á cuestión económica o PP segue a manter unha posición continuista, pero no resto de temas non percibo un grado de hostilidade significativo, é máis, non percibo nin sequera que haxa mal ambiente.

A decisión de que o BNG formase parte deste goberno, entendo que non foi fácil para vós, estás arrepentido de tela tomada?

É moi pronto para responder a esta pregunta. Pídoche que ma volvas facer cando remate o mandato. O noso obxectivo non é estar no goberno, senón cambiar dinámicas. E de momento, a sensación que nos transmite o PSOE é que si hai vontade de cambialas .Hai que estar vixiantes, pero a día de hoxe, con algún matiz, o camiño é o correcto.

Moi ben Pedro, en Xaneiro do 2.021 imos facer a IV Gala de entrega de premios do noso xornal, como sempre no Porriño, ti viñeches ás 3 primeiras e sabes que é obrigatorio que veñas a todas..

Ha ha ha ha, desde logo que se non hai un motivo de forza maior que mo impida estarei encantado de asistir.

Moitas grazas Pedro