Félix Juncal, Alcalde De Bueu

Félix Juncal Alcalde de Bueu A Nova Peneira

A primeira pregunta para ti, Félix, como estás de ánimos para afrontar unha responsabilidade tan enorme?

Razoablemente ben, preocupado pola situación desde logo que si, pero ben de ánimo e procurando que exista certa normalidade no día a día.

E nunha crise de dimensións xigantescas como esta, hai espazo para manter certa actividade municipal normal no día a día?

É moi complicado .Nós traballamos nas nosas casas pero a administración non pode parar e ten que seguir funcionando.

Que medidas está a tomar o Concello para axudar aos segmentos sociais máis vulnerables?

Nós temos contratada a unha empresa que nos presta o servizo de axuda no fogar, e nesta situación de emerxencia vano prestar non só ás persoas usuarias habituais senón tamén a toda a veciñanza que puidese precisar axuda, desde logo que non imos deixar a ninguén atrás.

Estás satisfeito do grado de civismo que está a amosar ata o momento a sociedade de Bueu?

Si, absolutamente, considero que a amplísima maioría ten interiorizado un enorme problema como o que estamos a vivir e se comporta de maneira exemplar. O que si é certo é que algo como isto débenos levar á unha reflexión para cando recuperemos a normalidade referente á necesidade de facer políticas públicas moito máis sólidas para reforzar substancialmente o sistema sanitario e todos aqueles que redunden no ben común e na protección das persoas entendidas como seres humanos con dereitos e non só como consumidores.

O confinamento prolongado pode levar ao crack psicolóxico grupos importantes de persoas, algunha mensaxe de esperanza en positivo?

Eu creo que a mensaxe máis importante é a inmensa onda de solidariedade, imaxinación , creatividade e vontade de axudar aos demais que se observa en tal cantidade de persoas. Isto só se supera dando o mellor de nós a quen nos rodea, e a grande maioría da sociedade está nesa dinámica. Eu aconsellaría tamén que procuremos buscar vías de información e entretemento diferentes ao que agora parece ser a única realidade, entendo que é moi importante para o equilibrio mental.

Sabemos da existencia dalgún positivo no teu Concello?

Si, a finais da semana pasada coñecemos o caso dunha persoa nativa de Bueu, que notou síntomas ao volver dunha viaxe .Hai rumores referentes a outras persoas , pero no momento presente( luns 23 ás 2 da tarde) non o teño contrastado.

En canto a material sanitario como estades?

Temos para ir sobrevivindo, cursamos unha solicitude a través da FEGAMP para os próximos días. O principal problema que podemos ter é cos EPIS para as persoas que prestan servizos de axuda no fogar, problema que agardamos solucionar de contado.

Moitas grazas Félix e moita sorte para ti e para toda a veciñanza de Bueu