Arrogancia

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Hayek foi en termos académicos un economista, gañador do Nobel en 1974, e ademais un activo intelectual. Na súa época, cara o final da Segunda Guerra Mundial, ese termo sinalaba a quen escribía con intención política, para influír na opinión pública, normalmente para criticar ao goberno ou as ideas que o lexitimaban. Eran maioritariamente de esquerdas. O filósofo francés J.P. Sartre é quen mellor representa esta figura.

O libro que lle deu sona fóra do ámbito académico, Camiño de servidume, escribiuno en plena guerra e saíu en 1944. O fío argumental do libro distanciase das teses dominantes no momento a respecto das causas da guerra. Fosen da dereita ou da esquerda. Traza unha sorte de explicación intelectual, aquí no sentido forte de que as ideas son as verdadeiras forzas do cambio social e, por conseguinte, da historia. Parte, de xeito moi concreto, de que a causa remota da guerra foi o abandono das ideas da tradición liberal. Desleixe compartido polos dous bandos contendentes na guerra. Polo tanto, o triunfo dos aliados non sería garantía de que se volvese á tradición liberal ou á moral tradicional que para el son a mesma cousa.

Por moral tradicional, entende, pois, a que se desenvolveu nas sociedades con liberdade de comercio. Inda que diga “tradicional”, e inda que tamén inclúe a moral da Atenas clásica e a do Imperio romano, propiamente, é a moral implícita en Europa a partir do século XVII. Pois comercio houbo e hai en moitas culturas, pero non en todas se formou o que chama “sociedade extensa”, “estrutura autorregulada” e cousas así para eludir, di, o “pouco afortunado” nome de “capitalismo”. E que ven sendo unha forma de definir o mercado capitalista en termos de procesos evolutivos autorregulados. Deixemos este asunto para máis tarde.

O núcleo da moral, entón, constitúese polo conxunto de condicións que fan posible o comercio. Como son as regras da propiedade privada, o respecto polos contratos e a liberdade individual de intercambiar ou non intercambiar cos demais. Aquilo que un dos pais do liberalismo inglés chamou “a inviolable esfera individual”. Da que co tempo procederán a constitución americana e os dereitos humanos.

Agora ben, desa maneira defínese unha moral individual e de feito aí estivo a orixe do individualismo moderno. O individuo é soberano de si mesmo. Pero tal individualismo pronto derivou, dun modo fatal, diría Hayek, nun mal individualismo, é dicir, no desprezo da tradición moral. Aquí está a fatal arrogancia. A que levaría a imaxinar a idea de “xustiza social” e por ese camiño as pretensións de construír a sociedade sobre bases racionais.

En efecto, a idea de “xustiza social” implica, na opinión do noso autor, por un lado, a idea de reparto de todo o que se produce e, por outro, a de que alguén pode calcular canto e que lle corresponde a cada un. Pero ese cálculo é imposible. Ou mellor, sería posible unha vez, pero non dúas. Porque á segunda non habería vantaxes para ninguén e daquela ninguén colaboraría.