A outra pandemia

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán A Nova Peneira
Xavier Rodríguez BNG de Nigrán

Son tempos escuros, pero despois non virá un paraíso de luz e felicidade. Entón si que todos teremos que arrimar o ombreiro.

Nestes momentos nos que toda a atención está posta na loita contra o coronavirus, como así debe ser, non deberiamos descoidar, por quen debe facelo, as medidas a adoptar cando consigamos que remita a pandemia e nos enfrontemos a outra: unha crise de dimensións aínda descoñecidas.

En tal contexto, todos deberemos estar á altura, administracións e empresas, institucións e cidadáns. Entón, por fin, teremos ocasión de contribuír con algo máis que ficar na casa ou saír aos balcóns. Os caseiros xa teñen a oportunidade de renunciar ao alugueiro das persoas afectadas polo cese de actividade. Os bancos xa teñen a ocasión de anunciar unha moratoria no pago dos créditos para este colectivo. As grandes empresas, que cando presentan as súas contas declaran obter grandes beneficios, deben destinalos, nesta ocasión, ao mantemento do emprego. As administracións, cada unha no seu ámbito competencial, ten que tomar as medidas oportunas para protexer á xente. E neste contexto non é admisible que os concellos non o fagan.

A administración local é a única que ten, no seu conxunto, superávit orzamentario. Ao mesmo tempo que a administración xeral do estado convértese no maior xerador de déficit, os concellos, na súa maioría e en grande medida como consecuencia das limitacións normativas impostas, teñen, en maior ou menor grao, importantes remanentes de tesouraría.

Tal é o caso do concello de Nigrán, cun remanente do ano 2018, o último publicado na súa páxina, que se achega aos catro millóns de euros.

Pois ben, nun momento tan difícil como o que atravesamos e as consecuencias que se van a derivar del, non sería admisíbel, e eu diría que ata inmoral, que se obstaculizase a súa utilización para paliar a grave crise económica que se nos ven.

Nese sentido urxe xa que o goberno municipal adopte medidas, no marco da súa fiscalidade, para compensar o cese de actividade de comerciantes, autónomos e empresas. Ten marxe económico sobrado para facelo. Deben suspenderse os impostos e taxas asociados a unha actividade que non se permite exercer, tales como o IAE, imposto de actividades económicas que, como o seu propio nome indica, grava o exercicio dunha actividade e, polo tanto, non pode nin debe proceder pagamento mentres estea suspendida polo goberno. Pero tamén taxas como o lixo e a auga para locais que, por mor deste peche obrigado, non utilizan eses servizos.

E véxase que falo de suspender, non aprazar. Aprazar é simplemente aprazar o problema. O que reclamo é que non se cobren eses tributos aos afectados polo cese de actividade, e temos capacidade económica para facelo, durante o tempo que estean obrigados a mantelo.

Igualmente quixera rematar con outra petición específica para un colectivo moi importante no noso concello como xerador de emprego, o da hostalería. Faise necesaria unha bonificación importante na taxa de terrazas para tratar de compensar minimamente co verán o xa perdido. É de xustiza.