Andrés Díaz, Alcalde de Ponte Caldelas

Andrés Díaz Alcalde de Ponte Caldelas A Nova Peneira

A primeira pregunta va para ti Andrés, como te encontras de ánimos para afrontar unha responsabilidade tan elevada?

A verdade, eu son unha persoa moi sensible vexo todo o que lle ven enriba aos autónomos, pequenos empresarios e a tanta xente que sofre e vai sufrir a causa desta situación que me provoca unha profunda tristura, pero á vez sinto unha enorme fortaleza mental, e o meu estado de ánimo está sereno e coa vontade moi firme para axudar en todo o que poida a todos os veciños e veciñas do meu pobo.

Que medidas está a tomar o Concello de Pontecaldelas para axudar aos segmentos máis vulnerables da poboación, os anciáns e as familias con menores recursos económicos?

Á xente maior levámoslle a compra as súas casas, de feito agora mesmo , mentres atendo a túa chamada estou a facer a compra.

Ah, lévaslla ti persoalmente?

Eu, con toda a humildade, axudo no que poido. Insisto en que lle levamos a compra ás persoas máis maiores, levámoslle alimentos a persoas de escasos recursos económicos e para os pequenos comerciantes e autónomos do noso pobo que o están a pasar mal imos darlles unha axuda directa, intentaremos que sexa un pago directo de polo menos 400€. Os gastos dos locais dos negocios van ter que seguir pagándose igual; luz, alugueres…e malia que apeamos á solidariedade de todas e todos para saírmos o antes posible, vai ser moi difícil, e o concello , desde logo que vai colaborar en todo o que poida.

Estás satisfeito co grado e civismo amosado ata o momento pola sociedade do teu pobo?

Si, a verdade é que si. Sempre hai excepcións que non se comportan co debido civismo e desde logo que esas persoas, que afortunadamente son excepcións, merecen todo o meu reproche, pero en liñas xerais o comportamento da sociedade é o que unha situación tan grave como esta require.

O confinamento prolongado pode ter graves consecuencias psicolóxicas para importantes segmentos de persoas. Algunha mensaxe en positivo do alcalde de Pontecaldelas para a súa veciñanza?

Eu quixera a apelar ao pensamento colectivo, todos temos persoas ás que queremos, e ninguén desexa ver sufrir ao noso entorno afectivo. E nestas circunstancias, todos somos imprescindibles para protexernos a todos. Por favor, fagámolo, por favor comportémonos con responsabilidade para que nós non sexamos os responsables de que ninguén sufra, e ninguén sexa responsable do noso sufrimento. É moi duro seino, pero é imprescindible para podermos garantir a saúde é a vida, dígoo con claridade absoluta. Estou seguro de que a inmensa maioría do nosos pobo saberá estra á altura. Ánimo para todas e todos, o seu alcalde e todo o goberno municipal aquí estaremos para o que precisen, coa vontade firme de non deixar tirado a ninguém.

De material sanitario como andades?

Como todo o mundo, moi escasos. Agardo que nos próximos días poidamos recibir o necesario.