Carme Núñez, médica do Centro de Saúde de Tomiño

Carme Nuñez Centro de Saúde de Tomiño A Nova Peneira

Carme é médica no centro de saúde de Tomiño e boa amiga desta casa, falamos con ela sobre a situación de emerxencia sanitaria que estamos a vivir

É MOI IMPORTANTE FACER TODAS AS PROBAS POSIBLES PARA TER UN MAPA DE INFECTADOS O MÁIS AXUSTADO Á REALIDADE QUE POIDAMOS”

Como che vai a vida Carme, supoño que cunha elevadísima carga de traballo?

A verdade é que estamos bastante ben organizados, facémolo por áreas e temos a atención telefónica funcionando en niveis moi elevados. Máis que volume, hai tensión por estarmos ante unha situación totalmente nova. O traballo cambiounos moito

Ti traballas no centro de saúde de Tomiño, alí atendedes a persoas da localidade ou tamén ás dalgunha localidade veciña?

Non, so atendemos á veciñanza de Tomiño. De feito centralizamos a atención de toda a localidade , e o médico que atendía no consultorio de Goián, desprazouse tamén ao noso centro de saúde

En Tomiño xa coñecemos algún positivo, verdade?

Si.

Os medios de protección que tedes no centro de saúde, tanto para vós como para quen se achegue porque precisa atención, son os adecuados ou son insuficientes?

Imos ver, eu creo que as medidas de precaución son as adecuadas. Estamos intentando que a xente non entre no centro de saúde, e, en efecto, a xente apenas entra. Iso en relación coas medidas, en canto aos medios temos EPIS, si, pero se os comparamos por exemplo cos que usaban en China, os nosos son notablemente peores.

Polo que contas, dáme a sensación de que os pacientes , en liñas xerais, compórtanse co grado de responsabilidade e civismo que unha situación extrema como esta, require, non?

Si, a verdade que si, a xente entende perfectamente a situación e compórtanse de maneira exemplar, con respecto, amabilidade e tamén con xenerosidade. Hai veciños que doaron ao centro de saúde material sanitario, como mascarillas que tiñan nas súas casa.

A maioría da sociedade mantén a serenidade Carme?

Polo que respecta ao que eu podo percibir no meu traballo, teño que dicir rotundamente que si. A xente está concienciada e compórtase con responsabilidade. Hai moitas dúbidas, claro que si, pero nunha situación como esta o anormal sería non telas. Hai tanta sobre información que o normal sería estar nunha situación de nerviosismo máis acentuada, pero o comportamento cívico e sereno da maioría da poboación é admirable.

En relación á orixe do virus circulan hipóteses referentes que a súa creación foi un acto deliberado e consciente de alguén, por calquera tipo de interese político, e logo están os que afirman que se trata dun episodio biolóxico froito só do azar, como por exemplo a gripe española de 1918 e outro tipo de epidemias que periodicamente ten sufrido, e seguirá sufrindo a humanidade .Ti que opinas?

Eu penso que se trata dun episodio biolóxico que xorde do azar. Estou convencida.

O índice de letalidade deste virus é baixo, pero en España, se os datos dos contaxiados que se nos transmiten fosen os reais, superaría amplamente a outras zonas do mundo. Como é posible que en España morran arredor do 7% das persoas infectadas e noutros países estean en porcentaxes de arredor do 3%?

Eu creo que estamos en situación de infra diagnóstico, estanse facendo poucas probas e non coñecemos todos os casos que existen .Eu penso que é necesario facer todas as probas posibles para ter unha composición de lugar o máis axustada á realidade que se poida.

Por que motivo unha alta porcentaxe de persoas infectadas pasan a enfermidade con síntomas moi leves, e noutros casos a infección desemboca en gravísimas pneumonías bilaterais?

Iso sucede con moitas patoloxías; a idade, os antecedentes persoais, o feito de ter en bo estado o sistema inmunolóxico, o padecer enfermidades previas …incide na mellor ou peor resposta do noso organismo ante a infección.

Cando unha persoa padeza o virus debe xerar inmunidade, non Carme?

Si, o normal é que si. As novas referentes ás reinfeccións, non son correctas, en realidade trátase de reactivación.

Que diferencia hai entre a reactivación e a reinfección? 

No primeiro caso, non estarías curado de todo, é como cando tes unha gripe e sen estar ben de todo volves saír á rúa e recaes, en realidade é unha recaída, mentres que no segundo caso sería se o teu corpo non xerase inmunidade , pero si que a provoca. De feito o plasma de persoas curadas estase a estudar para tratar de comprender os mecanismos de defensa que xera o corpo.

Semella evidente que o confinamento é necesario verdade Carme?

Si, é necesario. Sen restrición de movementos e cun índice de contaxios tan elevado, o colapso do sistema sanitario sería unha realidade máis cedo que tarde.

Ti vives en Pexegueiro, e podes dar unha volta pola finca e aínda que o confinamento non deixa de ser difícil supoño que se leva algo mellor, pero para os que vivimos nun piso estarmos tanto tempo encerrados resulta moi complicado. Algún consello para non chegarmos ao colapso psicolóxico?

É difícil, a verdade que si, e non creo que existan receitas máxicas, pero é esencial creo eu manter un comportamento o máis próximo posible ao rutineiro e autoimporse a obriga de realizar as mesmas actividade ás mesmas horas. Ter a mente ocupada, procurar cumprir coas actividades que nos marquemos, e sobre todo ter claro que esta situación, dure máis ou dure menos, é transitoria .Pórse retos ilusionantes en horizontes temporais concretos tamén pode axudar. Por exemplo todos temos algún ser querido ao que botamos de menos, pois poñamos unha cita para comer, para tomar unha caña ou simplemente para darnos unha aperta un día determinado..”o 5 de xuño quedamos en tal sitio, tomamos unha caña xuntos e nos damos unha aperta inmensa”.

Ah, paréceme moi interesante Carme, de feito vouche facer caso. Eu teño unha filla de 14 anos que leva semanas dándome a lata para que merque unhas entradas para non sei que concerto, que se celebra en Madrid en febreiro do ano próximo, dun grupo deses que lle gusta aos adolescentes, e tan pronto remate contigo vou compralas e reservar os dous billetes de avión para ese día

Ha ha ha ha , seguro que a fas moi feliz, pois nada agardo que gocedes do concerto.

A evolución da curva de contaxios parecía apuntar certa tendencia á desaceleración pero os dous últimos días antes de facermos esta entrevista( 27 e 28 de marzo) foron desastrosos con 800 casos novos en dous días, que é o que pasa Carme?

A miña opinión, é que, como che dixen antes, estamos nunha situación de infradiagnóstico. Temos moitos máis casos dos que en realidade coñecemos, o que pasa é que ou son asintomáticos ou teñen síntomas tan débiles que non están constatados, pero aínda que eles non saiban que o teñen seguen a contaxiar a xente. Pero o illamento funciona claro que si, é de sentido común ,pois cantas menos persoas teñan contacto cun infectado, menos posibilidades hai de multiplicar a infección. A chave está en facer todas as probas posibles, cantas máis mellor para poder ter un mapa da situación o máis axustado á realidade que se poida.

Non te atreves a prognosticar cando pode durar isto?

Non, non me atrevo.

Este virus converterase en estacional como o da gripe común?

Non se pode contestar a iso, calquera cousa que che diga sería especular.

E de termos unha vacina?

Máis tarde ou máis cedo terémola pero aínda vai tardar.Nun horizonte de inmediatez non é posible.

Rematamos Carme, ti es concelleira do BNG en Tui, neste contexto aínda hai espazo para facer política fóra do coronavirus?

Eu penso que, neste momento de emerxencia, o que toca e combater cóbado con cóbado co goberno municipal para loitar contra o inimigo común, e no BNG de Tui sei que saberemos estar á altura. Na lameira que a dereita española está a converter a súa labor de oposición, a nós non nos van atopar de ningún modo.

Moi ben Carme, moitas e grazas e se che parece vólvoche facer caso e propóñoche que quedemos emprazados para facer a próxima entrevista sobre política municipal, normal, en verán, en calquera dos bares do fermoso casaco vello tudense mentres tomamos unha cervexa?

Paréceme estupendo Tino, vémonos no verán en Tui.