Paco Troitiño Médico Especialista en Saúde Comunitaria

Paco Trotiño Concello de Mos A Nova Peneira

Paco Trotiño, é un vello amigo da nosa casa. Veciño de Mos, médico especialista en medicina familiar, comunitaria e saúde pública. Conversamos con el sobre a situación de emerxencia sanitaria que estamos a vivir.

SENDO MOI OPTIMISTA , ANTES DE 6 MESES NON É POSIBLE QUE SE POIDA DISPÓR DUNHA VACINA CONTRA O VIRUS”

Como che vai a vida Paco? Que fixeches desde que abandonaches a práctica política?

Dedícome fundamentalmente ao voluntariado, tanto no concello de Mos acompañando a xente que vive soa, como en Médicos do Mundo nun servizo de atención a persoas desfavorecidas, e por último tamén fago servizos de atención telefónica en relación co coronavirus atendendo todo tipo de dúbidas en relación a este problema.

Botas de menos a batalla política diaria?

Ben, só non poder dar alternativas para mellorar o ben común, pero nada máis ca iso.

Ben, imos falar do coronavirus; circulan polas redes todo tipo de hipóteses referentes a que a aparición deste virus foi un acto deliberado e consciente, hai quen di que dos EEUU, e hai quen di que da propia China. E logo están as teorías, que eu entendo máis razoables, e nas que quero crer, que afirman que se trata dun episodio biolóxico froito unicamente do azar, algo semellante á chamada gripe española de 1.918 e a outro tipo de epidemias que sufriu e que seguirá sufrindo periodicamente a humanidade. Ti que pensas?

Eu opino o mesmo ca ti. Trátase dun proceso natural dun virus que trata de seguir existindo e muda para poder adaptarse aos humanos, reproducirse e vivir nos nosos corpos. É a evolución biolóxica que todos os seres vivos practican.

O índice de letalidade que ten este virus non é especialmente significativo, pero a súa capacidade transmisión é elevadísima, non?

Si, é tremenda. Seica resiste varios días en calquera superficie que se asenta, e no momento que as persoas tocan esa superficie, un pomo, un pasamáns…contáxianse. Fóra do corpo humano o virus ten unha grande capacidade de resistencia, polo tanto contaxia moitísimo e supón un perigo enorme de colapso para o sistema sanitario. Teño lido que un infectado pode contaxiar ata a 100 persoas.

Malia que resulta moi duro, é evidente que o confinamento é absolutamente necesario?

Si claro, os contaxios vanse seguir producindo pero temos que retardar o ritmo, para impedir o colapso do sistema sanitario.

O sistema sanitario español non é dos mellores do mundo?

No que se refire aos seus profesionais desde logo que si, é para estar moi orgullosos dos seus traballadores e traballadoras. No que respecta aos medios que se lle dota para que funcione adecuadamente, somos deficitarios claramente. España ten 3 camas hospitalarias por cada 1.000 habitantes, está no posto 73 do mundo, fíxate Alemaña por exemplo ten 8 camas por cada 1.000 habitantes e Xapón ten 13. E claro, canto menos medios máis mortalidade.

Os recortes sanitarios provocan que, cando suceden estas cousas, as mortes sexan maiores?

Sen dúbida, de feito o maior investimento na sanidade ten unha relación directa coa menor mortalidade. Fixémonos por exemplo en Suíza que cos mesmos habitantes que Portugal ten 12.000 casos de contaxios, pero ata o día de hoxe ( 26/03) só ten 191 mortes.

Cal é o motivo que leva a que unha alta porcentaxe de persoas infectadas non presenten apenas síntomas e que polo contrario, outras experimenten moi graves pneumonías bilaterais?

Isto non é ningunha excepción a calquera patoloxía, canto máis nova sexa a persoa afectada terá máis posibilidades de que as consecuencias sean menores.

Unha persoa que xa o padeceu, e estea supostamente curada , entendo que debe xerar inmunidade, non?

Este é un virus novo, pero se falamos dos virus respiratorios que coñecemos, si, unha vez superado, o noso sistema inmunolóxico xera inmunidade, aínda que ollo, non é instantánea, soe tardar arredor dun mes. Supoño, que o comportamento no caso deste virus, que repito é novo, será análogo.

Que tempo consideras ti como razoable para que a humanidade poida dispor dunha vacina, xa en situación de ser usada a nivel xeral, contra este virus?

Sendo moi optimista, antes de seis meses é absolutamente imposible.

A evolución da curva de contaxios en Galicia parece denotar certa desaceleración no incremento de novos casos, poderemos estar a observar os primeiros indicios de luz? 

Eu creo que é moi pronto para falar diso con certeza. Evidentemente, o primeiro paso para derrotar ao virus é que se produza unha desaceleración constatada na curva de crecemento, pero son necesarios máis días para poder afirmalo con rigor. O número de contaxios vai seguir crecendo, e de momento non se van compensar co número de altas, porque os contaxiados son moitos, e, un dato importante, uns diagnosticados e outros non, porque non se fan as probas necesarias.

Atréveste a prognosticar o tempo aproximado no que será imprescindible mantermos a situación de confinamento?

Eu creo que, sendo moi optimista, todo o mes de abril é inevitable.

Non pechar os principais focos de infección, non é un erro?

E tanto que si; Madrid, O Pais VASCO e La Rioja, deberan ter sido pechados desde o principio. Ao meu xuízo, o goberno de España pecou de falta de previsión.

A inicial solución inglesa, que se formulou a modo de hipótese, de non facer nada e deixar que se infecte todo o mundo, é unha tolemia, non?

Efectivamente, non ten ningún sentido. Colapsaría o sistema sanitario de contado, e levaría a toda a sociedade ao caos máis absoluto. Ningún sistema sanitario no mundo estaría preparado para un colapso desa magnitude, e o británico non é dos mellores , nin sequera chega ás 3 camas por cada 1.000 habitantes.

Por que motivo en África e en América do sur a incidencia é de momento moito menor ca en Europa?, e no caso de que acabe penetrando con igual intensidade nestas zonas con sistemas sanitarios tan precarios o escenario pode ser pavoroso, non?

Imos ver, eu creo que no que respecta á primeira pregunta a razón da menor penetración está por unha banda en factores climáticos, seica o virus non aguanta a partir de 30 grados de temperatura, co que se reducen substancialmente as posibilidades de contaxio. Por outra banda soen ser poboacións moi novas e sociedades maioritariamente rurais co que é máis difícil o contaxio. Eles van comezar agora o outono, co que as temperaturas van baixar e é algo que me preocupa enormemente, porque, efectivamente, como ti dis, se o grado de penetración é semellante ao do hemisferio norte, o escenario pode ser terrible.

Primer comentario

Deixa a túa opinión