Diario dun confinamento III: 19 – 26 de marzo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Aarón Franco, escritor de Marín

Desde agora pasaremos a escribir este diario semanalmente para englobar as reflexións respecto do contexto xeral. Tal día coma hoxe, 26 de marzo, superouse a barreira das catro mil mortes no conxunto do estado. Estes últimos sete días foron especialmente impactantes onde a aparición dunha ponte festiva deu lugar a imaxes absolutamente rexeitables. Nun estado de emerxencia sanitaria onde a vida dos nosos maiores, en particular, e a saúde de todos, en xeral, está en xogo, resultan absolutamente deplorables os cortes de vídeo onde se observaba aos madrileños colapsando as autoestradas de saída de Madrid para irse de ponte á costa, súponse. Non é admisible, non é solidario. Non hai vento bo que veña de alí, din. É psicopatía pura e dura.

O vergoñoso espectáculo dos medios de comunicación e dos todólogos continúa co obxectivo de divirnos ás clases traballadoras, encomendándolle aos nosos iguais facer a labor de policías que desde os balcóns denuncian e perseguen a aquelas persoas que non teñen máis remedio que baixar á rúa en determinadas horas. Esta mesma fin de semana, por medio das redes sociais, coñecía o caso dunha muller separada que convivía unicamente coas súas crianzas de 2 e 4 anos. Un día baixou á rúa a depositar o lixo e como, é evidente, non podía deixar soas ás súas crianzas, baixou á rúa con elas. Pois ben, un veciño a denunciou e a esta pobre muller non lle quedou outra que pagar a multa. Alienados e alienadas do mundo, deixade de facer de policías. Cada vida é unha historia, é un conxunto de circunstancias particulares que en moitas ocasións descoñecemos, así que deixadeo xa.

No que respecta ao noso país, o querido Núñez Feijoo di que vai todo marabillosamente, que o pico da curva está preto a chegar e que a culpa é toda do goberno central, chegando a alegar que hai falta de respiradores e que o goberno do estado ten a culpa. Como Feijoo é tan bobo que a intelixencia lle persegue pero el corre máis rápido, ás poucas horas, onte mesmo día 25, anunciou a doazón de respiradores a ese galiñeiro con neboeiro que é Madrid. Co cal unha de dúas, ou Feijoo mentíu descaradamente cando dicía que non había respiradores, ou actúa como virrei das Hespañas (que diría Castelao) poñendo en risco e en precario (aínda máis) ás xentes galegas. Que Feijoo lle bote a culpa da suposta falta de respiradores ao goberno central é propio dun cínico morrocotudo ao que unicamente lle importa permanecer no poder aínda que para elo teña que camiñar por riba de cadavres. Un señor que leva once anos desmantelando a sanidade pública derivando enfermos á privada cun custo superior para as arcas públicas. Cando isto remate toca desafiuzalo, é un tipo perigoso.

O día a día no máis persoal lévase según como cadre, pero a sensación de montaña rusa é total. Buscando no arquivo do meu móbil atopo unha foto do 21 de xaneiro deste mesmo ano que me arrepía. Esa imaxe foi tomada desde o meu centro de traballo, un día calquera. Nela obsérvase unha instantánea da Alameda de Marín completamente deserta. En Marín é dificilísimo que iso aconteza xa que a Alameda é a localización por excelencia onde teñen lugar reunións, actividades de ocio e tránsito xeral de persoas . O certo é que visualizandoa paréceme que todo aquello era premonitorio.

Por outra banda, parece salientable que sexa cada vez máis a xente que sae a aplaudir aos sanitarios todos os días ás 20.00 horas. Que esa xente toda se lembre tamén dos que estiveron facendo recortes na sanidade, dos que xogan coas nosas vidas porque lle entregaron ao público aos amigos. Relacionado con esto último chámame a atención a cuestión da sanidade privada. Unha das medidas asociadas ao estado de alarma, era que o estado ía asumir a xestión da sanidade privada, unha nacionalización light, en fin. Pasan os días e non hai máis novas do asunto. Sen ir máis lonxe, o hospital Quirón de Pontevedra continúa facendo o que lle vai realmente en gana a día de hoxe, co cal non sei se pensar que o goberno fixo simplemente unha operación de marketing ou se o problema é o medo a tomar decisións claras que beneficien á xente do común. Insisto na nacionalización da sanidade privada. Por lei. Para sempre. Para nós.

Finalmente quixera destacar a xenerosidade cubana despois de décadas de bloqueo e de persecución. Cómpre sen ningún tipo de complexo falar alto e esixir a retirada do bloqueo a Cuba, que lle está a dar unha lección de internacionalismo e solidariedade coma ninguén ao mundo. Cuba gañoulle a partida ao sistema capitalista hai xa moito tempo. E agora esa vitoria escenifícase de xeito claro e nítido. Viva Cuba! Vivan as clases traballadoras!

Primer comentario

Deixa a túa opinión