No tempo do lobo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Oriana Méndez A Nova Peneira
Oriana Méndez
Concelleira da Marea de Vigo no Concello de Vigo
Membro da Coordinadora Nacional de Anova

Quen pode pensar en tempos escuros? E, malia a presión e a urxencia, estamos na obriga de reflexionar politicamente sobre o significado do que vivimos, tentando albiscar camiños cara ao que vén. Trátase de manternos alerta sobre a alerta.

Vaiamos á década dos 80 do pasado século ou vaiamos un pouco antes, á reconstrución europea tras a II Guerra Mundial. Debemos lembrar que se tratou dunha, concreta e determinada, reconstrución europea, a que concibe a necesidade de construír unha fortaleza capitalista, a Unión Europea, fronte a dúas realidades converxentes: Europa como territorio no que, polo seu grao de industrialización, en primeiro lugar e de forma máis profunda se produciu e avanzou a organización obreira e, por outra banda, Europa como territorio cara ao que se expandiría e arraigaría, quizais, o proxecto soviético. Cumpría unha gran ferramenta de disciplinamento das clases traballadoras. Mutatis mutandi o tempo da historia, ese segue a ser hoxe o principal obxectivo da UE.

Un obxectivo que se acada e se sostén mediante o método clave da cesión de soberanía. A UE e a cesión de soberanía que comporta a súa construción operan nun sentido análogo ao dos procesos de privatización de servizos públicos: cédense/privatízanse os dereitos/beneficios, socialízanse as perdas entre unha maioría social cada vez máis exhausta. E, nese marco, agroman as contradicións, canto máis se se produce unha crise sanitaria dunha dimensión sen precedentes que está implicando, tamén, unha crise económica e social probablemente superior á de 2008. Observamos algúns peches de fronteiras por parte dos Estados, recuperando a súa reafirmación e visibilización, tamén negando a soberanía das nacións sen Estado para decidir sobre as súas propias fronteiras. Seguindo ao filósofo surcoreano Byung-Chul Han nun recente artigo en El País, os peches de fronteiras neste contexto son unha expresión desesperada de soberanía. Máis segue sen existir, e cómpre lembralo, un dereito á autodeterminación dos pobos que permita exercer a soberanía, de xeito desesperado ou non, a todos os pobos-nación de Europa.

Porque, no marco da UE, é a toma de decisións participada, é a organización popular e democrática o que está censurado e represaliado. Vímolo no proceso democrático do 1-O en Cataluña, vímolo xa antes nas demandas dos colectivos por unha vivenda digna, vímolo ata o movemento dos gilets jaunes en Francia. Paradoxal e simultaneamente, a UE si deu recoñecemento, de xeito máis ou menos amplificado, a movementos autoreivindicados como defensores da rexeneración democrática: as revoltas de Hong-Kong, as de Bolivia, as de Venezuela.

Esta negación do debate e da construción democrática no seo da UE, mentres se dá carta de natureza a falsas revoltas democráticas que ocultaban e ocultan intereses capitalistas baixo distintas expresións culturais, non pode senón lembrarnos ao acontecido décadas atrás: o apoio aos procesos secesionistas das exrepúblicas soviéticas, mentres se perseguía e se condenaba, coma hoxe, o dereito de autodeterminación das nacións sen Estado no seo da UE.

Quereriamos lembrar agora unha sucinta caracterización do estadio histórico-social no que nos encontramos:

-A concentración da produción e do capital chegou ata un grado tan elevado de desenvolvemento que creou os monopolios: intereses aglutinados que desempeñan un papel decisivo na vida económica neutralizando a competencia.

-A fusión do capital bancario co industrial e a creación, sobre a base deste “capital financeiro”, da oligarquía financeira.

É o imperialismo, fase suprema do capitalismo, un estadio histórico-social xa definido por Lenin en 1916. A isto temos que engadir hoxe un grao de desenvolvemento tecnolóxico e científico que pode estar ao servizo dos intereses capitalistas ou pode colocarse ao servizo do interese xeral, da xente, do pobo e da vida. Ese é o caso exemplar dunha pequena illa do océano Atlántico que leva salvadas millóns de vidas, Cuba e, por moitas obxeccións que se lle queiran pór, tamén é o caso de China nesta crise.

O investigador e número dous de Barcelona en Comú, Joan Subirats, afirma que a potencia desta crise sanitaria e das súas secuelas obrigan a repensar un modelo económico e convivencial que se abandonou á lóxica do mercado, a que o mercado adquira vida propia e defina, segundo as súas marxes de custo e beneficio, o que é beneficioso e prexudicial para o conxunto da sociedade. É dicir, o mercado dita mandatos sociais e económicos a unha suposta homoxeneidade, cando en realidade as sociedades capitalistas gardan, por definición, no seu interior, antagonismos e contradicións de clase que converten calquera norma nunha norma de parte.

Esta ten que ser a hora de erguer o público. Dicimos que desta temos que saír reforzados. Qué significa reforzados: é a hora de construír unha institucionalidade dende o común. Cómpre incorporar a dimensión dos coidados porque esta é unha crise que pon sobre a mesa, cunha claridade descarnada, a loita feminista pola igualdade, polo reparto equitativo dos coidados e da protección. É defensa da vida non desde os preceptos individualistas liberais, senón ao contrario, dende a perspectiva do comunitario.

A crise sanitaria esíxenos distancia física, esixe que nos afastemos dos nosos iguais, pero non podemos permitir que a urxencia nos impida teimar no importante: manternos unidos e unidas, ese é o precepto fundamental da solidariedade e ten que ser o asento da institucionalidade que construamos despois da crise. Un escudo social, como xa se vén reivindicando. Que nesta crise non vexamos o que vimos en 2008: enfrontar o penúltimo co último, estigmatizar ao máis pobre, observar con prexuízos, desprezar a quen quedaron atrás porque só tiveron un pouco menos de sorte no azar dun sistema voraz. Unidade, solidariedade, apoio mutuo.