O recortes e a privatización da sanidade son o verdadeiro virus

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago
Traballador da Sanidade Pública e militante do BNG de Marín

A crise do coronavirus golpeounos e puxo de manifesto as carencias do noso sistema sanitario e dos nosos servizos sociais, infectados polo virus da privatización e os recortes. Hoxe mais que nunca dámonos conta da importancia de ter uns servizos públicos de calidade e con capacidade para afrontar este tipo de crises.

Tamén está quedando en evidencia a necesidade de ter representantes públicos valentes e capacitados que miren polo ben común, que fagan o traballo para o que foron escollidos, que sirvan ao conxunto da sociedade e non para agrandar a conta de resultados das grandes empresas “amigas”.

Resultados a conta de que?

Da nosa saúde, da saúde dos traballadores e traballadoras ás que non lle permiten parar a actividade poñendo en risco a súa integridade física. Moitas das grandes factorías seguiron traballando, e seguen, cando o virus xa estaba estendido, e só algunhas fecharon pola presión dos propios traballadores que temen pola súa saúde. Os empregados e empregadas dos supermercados estiveron os primeiros días desprotexidos. Nos centros de saúde e hospitais o material de protección non chegaba e tiña que ser improvisado.

Estado de Alarma.

Quédannos días de confinamento polo Estado de Alarma, días nos que se toman decisión sen ter en conta as experiencias da China ou Italia. Reaccionando tarde e permitindo o desprazamento irresponsábel e masivo de persoas dende o centro á periferia.

Fecharon as aulas dos centros de ensino e tomaron medidas laxas sen limitar o movemento de persoas. Asistimos incrédulos a un éxodo de vacacións de miles de “madrileños” que estenderon a pandemia por todo o estado. Na Galiza estábamos relativamente tranquilos até que chegaron os virus da capital, case todos os primeiros casos que tivemos estiveron relacionados con Madrid.

O Estado de Alarma chegou despois, cando o mal xa estaba feito, cando na Galiza xa tiñamos un Estado de Emerxencia Sanitaria que fechara bares e comercios. Porén, estas medidas non foron suficientes. O estado español foi a remolque das decisións tomadas polas administracións autonómicas.

Este Estado de Alarma está sendo utilizado para recentralizar “temporalmente” o estado español, para que o presidente español e o galego aproveiten para promoverse en horario de máxima audiencia con discursos insufríbeis e para militarizarnos as mentes co despregue de tropas polas rúas e partes de guerra. As escopetas pouco medo lle dan aos virus.

Esta recentralización está demostrando que non funciona, non serve. A compra e envío de subministros desde o centro á periferia, da capital a provincias, está provocando que cada un teña que buscarse a vida para mercar mascaras e aparellos médicos. A centralización estase demostrando ineficaz e da lugar ao sálvese quen poida para mercar material na China, dando unha imaxe patética dos nosos gobernantes.

O importante é salvar vidas.

No medio desta situación aínda podemos escoitar voces sensatas como as do BNG reclamando o feche de Galiza e a paralización das actividades non fundamentais, e propoñendo medidas para paliar as consecuencias actuais e futuras desta pandemia. Un plan de choque para as residencias de maiores, que son hoxe un dos principais problemas que temos que solucionar. Son propostas en positivo que teñen como finalidade parar a expansión do virus e os contaxios. O BNG está actuando con responsabilidade e seriedade nunha situación difícil poñendo por diante os intereses do pobo galego.

Porén, os chamados ao bloqueo de territorios e ao feche de Madrid, o principal foco do virus, son respondidos pola corte madrileña con descualificacións sen atender á criterios científicos e á experiencia China. E estes chamados non os facemos só os nacionalistas, o presidente de Murcia do PP máis ultra facía chamamentos a fechar Madrid ante a avalancha de turistas.

Como enfrontamos unha pandemia destas características cunha sanidade recortada e privatizada?

Resistimos pola capacidade do persoal da sanidade pública que está traballando arreo para vencer o virus. Traballando con poucos medios materiais e humanos despois de once anos de recortes. Estamos vendo como Madrid, cos niveis máis altos de privatización da súa sanidade, está desbordada e os seus traballadores sanitarios ao límite.

Galiza investiu mil millóns menos en sanidade desde o anos 2009, ano da chegada de Feixóo á presidencia. O orzamento galego en saúde non supera o 9% do PIB, moi por baixo da media estatal. Temos as prazas hospitalarias en mínimos históricos polo recorte de camas e o desvío de investimentos á sanidade privada. Temos unha porcentaxe de camas nas Ucis menor que a media estatal. En Vigo, zona cero da pandemia en Galiza, fecharon o Hospital Xeral, o Cíes e o Meixueiro funciona ao ralentí. A política sanitaria do PP colocounos nunha situación de debilidade.

Estamos véndolle as orellas ao lobo, confiemos en que o pobo galego teña tempo de reflexionar durante este confinamento e aprenda a lección. O verdadeiro virus está no desmantelamento da sanidade pública, nos recortes e nas privatizacións.

Primer comentario

Deixa a túa opinión