Enrique Lago Granada Preseidente da Confederación de Empresarios de Redondela

Enrique Lago Granada A Nova Peneira

Enrique Lago, é o presidente da Asociación de Empresarios de Redondela, malia que hai que dicir que el è bereteiro , e orgulloso de selo. De feito nalgunha ocasión temos tomado algunha caña no bar do noso amigo Suso, en Arealonga ( canto boto de menos tomar unha cervexa nas terrazas desa praia. Cando remate o confinamento será das primeiras cousas que faga),e polo menos pola miña banda, teño pasado ratos moi agradables conversando con el. Queriamos coñecer a visión empresarial sobre a situación actual, e as medidas que ao xuízo dos empresarios se deberan tomar para protexer ao tecido empresarial, e falamos co presidente da patronal redondelá. A conversa, tivo que ser vía telefónica, claro. Agardo que pronto poidamos debater de novo, tomando unha caña, en calquera terraza de Arealonga.

TODOS E CADA UN DOS IMPOSTOS, INCLUIDA A CAMPAÑA DA RENDA, DEBEN DER ADIADOS DE INMEDIATO”

Ti, es presidente da asociación de empresarios dunha vila que, corríxeme se me equivoco, unha elevada porcentaxe do seu tecido empresarial está composto por pequenos, e incluso moi pequenos, empresarios. Supoño que a situación será dificilísima para case todos eles?

Os momentos son moi malos para toda a sociedade. Eu como presidente da asociación de empresarios de Redondela son consciente da miña responsabilidade e manifesto a miña enorme preocupación polos nosos asociados e asociadas, porque en efecto, para a práctica totalidade isto é un golpe durísimo. Desde logo, o prioritario é a saúde das persoas, e desde a asociación que presido envío as nosas condolencias máis sinceras a quen perdera a un ser querido, os nosos mellores desexos de recuperación para quen estea sufrindo a enfermidade neste momento, e a nosa plena disposición para colaborar en todo o que poidamos para que entre todos consigamos superar a pandemia sanitaria. Sen embargo, tamén me preocupa o día despois, e os datos que nos chegan apuntan a que nos diriximos a unha recesión enormemente dura.

Supoño que os vosos asociados e asociadas trasladaranvos unha fervenza constante de incertezas e dúbidas e teredes que atender un inmenso volume de problemas concretos?

Si claro, o ritmo de consultas é incesante e constante. E teño que dicir tamén, con total claridade, que botamos de menos unha maior aposta referente ao estar ao lado da xente, da administración municipal.

Non estás satisfeito da actitude do Concello?

Creo que están cun perfil excesivamente baixo. Ao meu xuízo o Concello non está o visible que debera no pobo, debe achegarse a todos os sitios, desinfectar cada currucho de Redondela, e que se lles vexa en todas as partes. Nós apostamos por crear unha mesa de traballo e falarmos sobre a aplicación de políticas tributarias municipais, en consonancia coa horrible situación que estamos a vivir, para contribuír a evitar a asfixia económica á que moitos empresarios, que non deixan de ser veciños e veciñas de Redondela, poden verse abocados.

A data de hoxe( 30/3) podes cuantificar que porcentaxe de asociados e asociadas teñen parada a súa actividade económica?

Neste momento, completamente parado, que teñamos constatado máis do 70%.E a sensación de baleiro é aínda peor, é case total pois ao non haber terrazas, nin comercio a sensación é desoladora.

Que valoración fas das medidas económicas do goberno do estado para axudar a autónomos e pemes?

Calquera axuda é valorada positivamente, pero o problema do autónomo e do pequeno empresario é que na maioría dos casos a situación económica está tan ao límite que case se pode dicir que os ingresos do mes, son para pagar os gastos do mes, polo tanto se non se xestionan os cobros das axudas, e as supostas moratorias tributarias coa máxima axilidade e eficiencia, raiando na inmediatez, moitos e moitas van pasar problemas moi graves. Os recibos de autónomos, e dos alugueiros dos locais de momento o día 31 de marzo pasan, e iso hai que pagalo. O dos créditos ICO está moi ben tamén ,pero claro o crédito é algo que máis tarde ou máis cedo, con mellores ou con peores condicións, hai que devolver. E, pregúntome eu; se despois disto as condicións de mercado, que van ser supostamente moi duras, non permiten xerar vendas suficientes para devolvelo, que facemos?. O crédito pode ser unha táboa de salvación, ou pode ser unha forma de afogarte máis aínda. As medidas terían que ir pola exoneración de impostos , cotizacións sociais, e cotas de autónomos , como si fixeron varios países de Europa, mentres dure esta situación.

Consideras entón que as medidas de axuda deben ir máis que por facilitar o crédito, pola vía das facilidades tributarias, non?

Sen dúbida de ningún tipo, todos os impostos, como mínimo deben ser adiados, incluso a propia campaña da renda que xa a temos encima, cal é o problema de facela por exemplo en setembro?

Imaxino, Enrique, que entre as moitas consultas que terás que atender agora escoitarás todo tipo de impactos negativos. Percibes angustia no pequeno e mediano empresario de Redondela?, prevés que algúns non aguantarán e poden caer?

Á primeira pregunta respondo rotundamente que si. E no caso da segunda o meu desexo é que non, que todos poidan aguantar, pero lamentablemente creo que ,non só en Redondela, senón en todo o país, o tecido empresarial vai ser seriamente afectado.

E a recuperación?

Agardo que en Redondela, e nas vilas cuxo substrato sociolóxico é semellante, polo tipo de estrutura económica na que se sustentan, poida ser relativamente rápida.

MOITAS GRAZAS ENRIQUE

Primer comentario

Deixa a túa opinión