Paulo Carril SX da CIG

Paulo Carril SX da CIG A Nova Pneira

Paulo Carril é o SX da CIG, e a voz da principal central sindical do noso país, debe de ser escoitada para coñecer a súa opinión sobre esta pandemia sanitaria que afecta dunha maneira tan intensa a milleiros de traballadores e traballadoras.

TODOS OS RECURSOS PÚBLICOS DEBEN SER XESTIONADOS DESDE O PODER PÚBLICO PORQUE É A ÚNICA MANEIRA DE PODER PROTEXER ÁS MAIORÍAS SOCIAIS”

Supoño que estarás a vivir uns días de tensión extrema cun nivel delirante de problemas e impactos negativos de todo tipo, que che trasladarán as diferentes estruturas da central sindical, e non debe ser nada fácil levalo. Como andas de ánimos?

Grazas polo interese, de ánimos ando ben. Estamos a vivir unha situación de extraordinaria dificultade e non queda máis remedio que estar ben de ánimo, e sobre todo ter moi claro o que debemos defender, o que debemos denunciar e o que debemos confrontar.

Supoño que a inmensa maioría da vosa afiliación terá problemas. En que situación se encontran os locais da CIG, estades abertos para atender a quen o precise?

Nós desde o primeiro momento tivemos moi claro que a afiliación debía ser atendida, e os locais mantémolos abertos en todo o país. Porén, e como é lóxico, recomendamos a todas as persoas que lle dean prioridade na medida do posible ás vías telefónicas e telemáticas para contactar con nós. A non ser que atención presencial sexa absolutamente imprescindible, nese caso cumprimos todos os protocolos de seguridade referentes á distancia física e á desinfección.

Cales serían para a CIG as medidas que se deberan ter tomado polas distintas administracións?

Nós propuxemos a paralización de toda a actividade agás a que fose esencial para a vida e para atender a emerxencia sanitaria. Asemade propuxemos un permiso retribuído non recuperable para todos os que de acordo co artigo 37 do estatuto dos traballadores teñen que cumprimentar un deber inescusable como o coidado de maiores ou de menores, e que se creara un fondo de compensación polo estado que satisfixera os gastos que ese permiso retribuído lle ocasionara ás empresas. Aqueles sectores que son imprescindibles para que continúe a vida deben asegurar que os traballadores e traballadoras desenvolvan as súas funcións coas medidas de protección necesarias para garantir a súa seguridade e a súa saúde, e recoñecer e compensar o sobre esforzo desas persoas que aínda están en activo. E, por último un plan de choque social polo que se garanta que o alugueiro, o pagamento de hipotecas, gastos de luz, auga e electricidade fosen condonados.

E iso da condonación , como se faría?

Ou ben a través da imposición ás entidades financieras, ou ben a través da intervención pública en sectores estratéxicos que están hoxe en mans privadas como pode ser o sector eléctrico. Nós entendemos que as políticas públicas son máis necesarias que nunca, todos os recursos públicos deben de ser xestionados desde o poder público, porque é a única garantía da protección ás maiorías sociais. Asemade temos claro que é desde o autogoberno galego desde onde se debe facer.

Percibides un intento de re centralización?

Témolo claro que a xestión da crise está servindo para a centralización e a españolización. O estado de alarma, sen ningún tipo de sentido, deixa sen competencias ao gobierno galego.

E a actitude do goberno galego?

Lamentablemente parecen satisfeitos coa situación de perda de competencias. E cando actúa fano rematadamente mal.

Por exemplo?

É aberrante que o goberno galego estea a chamar a montar hospitais de campaña cando os hospitais privados están infra utilizados, e logo hai infraestruturas hospitalarias que permanecen pechados. Por exemplo na área de influencia vosa o Cies ou o Rebullón.

En relación aos ERTES, que ten que dicir a CIG?

O sistema é inxusto, caótico e só favorece ás grandes empresas .As persoas traballadoras van ter menos ingresos porque van ir ao desemprego. Nós temos un nivel de eventualidade elevadísimo polo que moitas traballadores e traballadores nin sequera poderán acollerse a iso porque xa foron despedidos. A CIG cre que esa é unha medida errada, que optaron pola saída fácil e está aínda por ver como remata , tendo en conta o colapso existente na actualidade, e teremos que ver canto e cando van cobrar os traballadores e traballadoras do desemprego. Se todas e todos os traballadores fosen beneficiarios de permiso retribuído que antes te comentaba, o custe que as empresas lles xeneraba, sería máis fácil de asumir por parte do estado.

Que valoración tes da posición de UE?

Están no sálvese quien poida.

Tedes constatados casos de abusos, nos que se envíe , sen necesidade, a persoas a ERTE, para aforrar salarios?

Si.

Ten razón a ministra de Traballo cando di que está prohibido despedir a causa desta situación?

Imos ver, ese decreto tería que ser retroactivo, porque os últimos días antes de que nacese foron aproveitados polas empresas para despedir. En calquera caso, por desgraza, xa case non queda a quen despedir.

E despois de que remate a pandemia, que?

A CIG xa viña denunciando que Galiza estaba , antes disto, nunha moi importante crise social, agora todo isto vaina acrecentar e consideramos que as consecuencias van ser realmente difíciles.

Supoño que todos os sectores terán problemas pero o que está a acontecer nas residencias de maiores é realmente estarrecedor?

É intolerable que as persoas que traballan no sector dos coidados, que está fóra de toda dúbida que teñen que seguir traballando, o fagan sen as condicións de seguridade necesarias para protexer a súa saúde, a súa seguridade e a das súas familias. Nós estamos fartos de denuncialo, estes días estamos perfilando unha serie de actuacións para dar resposta a estas situacións.

Para rematar Paulo, o estado de alarma supón unha restrición elevadísima das nosas liberdades como individuos. A min preocúpame que, cando remate, existan voces nos segmentos máis reaccionarios da sociedade, que postulen manter no tempo algunha desas restricións, e á CIG?

Si, tamén nos preocupa. Nós dixemos desde o primeiro momento que o estado de alarma non podía ser a escusa para o recorte das liberdades públicas. Unha cousa é apelar á responsabilidade colectiva e explicar unha e mil veces con pedagoxía a necesidade das medidas de illamento social para protexernos todos e todas, e outra moi diferente é aproveitar unha oportunidade tan apetitosa para futuros recortes de liberdades públicas. Algo que tamén nos preocupa moito é a retórica belicista. Cómpre apelar aos deberes cívicos, á solidariedade, á responsabilidade á fraternidade e á xustiza social, non a ningún tipo de metáfora bélica.

Agora si que remato Paulo, e acabo con algo fóra do coronavirus. A min chámame moito a atención que sexa xusto nesta situación extrema na que todo parece pasar a un segundo plano, cando o xefe do estado anuncie a ruptura co seu pai, quen lle precedeu no cargo, por supostamente manter fortunas , obtidas de maneira pouco clara, en paraísos fiscais. Ti que opinas?

O estado español leva anos nunha profunda crise institucional e política. Agora, estamos no sálvese quen poida, e nada disto é casual. A monarquía non quere saír salpicada e aproveita esta circunstancia para anunciar a súa ruptura con quen foi xefe de estado 39 anos e que pase desapercibida. Unha evidencia máis da podremia do réxime do 78.

Primer comentario

Deixa a túa opinión